Please ensure Javascript is enabled for purposes of website accessibility .FIC2023 arquivos • Páxina 2 de 2 • FICBUEU
FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINEMA DE BUEU

«20.000 especies de abellas», película revelación do ano e candidata a representar a España nos Oscar, chega mañá á pantalla do FICBUEU

← Volver

«20.000 especies de abellas», película revelación do ano e candidata a representar a España nos Oscar, chega mañá á pantalla do FICBUEU

FICBUEU

I A ópera prima da directora alavesa Estibaliz Urresolaproxectarase ás 21.00 horas no Centro Social do Mar de Bueu e será presentada pola directora de arte da película, Izaskun Urkijo

I As II Xornadas Cinematográficas do FIC, que se celebran tamén este sábado, centrarse no cinema sensible e do cotián.

BUEU. 08.08.2023. Para ver en pantalla de cinema a película 20.000 especies de abellas, seleccionada entre as 3 precandidatas de España para a vindeira edición dos Oscar, o lugar é o FICBUEU. E hai unha única oportunidade: mañá. A longametraxe, escrita e dirixida pola realizadora alavesa Estibaliz Urresola, proxectarase na noite deste sábado ás 21.30 horas no Centro Social do Mar (Bueu). O filme será exhibido tan só dous días despois da súa preselección para os Premios.

O Festival Internacional de Cinema de Bueu, que arranca hoxe, apostou hai meses por incluír na súa programación esta cinta ambientada no País Vasco que supón un realista, delicado e emotivo rexistro da infancia dunha nena trans e do proceso de asimilación na súa familia. O filme e converteuse nos últimos meses na película revelación do ano. 

20.000 especies de abellas arrasou no Festival de Málaga e a súa protagonista, Sofía Otero, de 8 anos, acadou o premio á mellor actriz en Berlín.  A entrada á proxección custa 3 euros. Pode mercarse na tenda en liña do Festival ou no despacho de billetes do FICBUEU dende unha hora antes da proxección . Na presentación da película no FICBUEU estará a directora de arte da película, Izaskun Urkijo, quen tamén traballou con Estibaliz Urresola na curtametraxe Pó somos (2020).

Antes, ás 19.00 horas, Urkijo participará nun encontro co público do Festival sobre a película para falar do traballo visual, estético e escenográfico que realizou nesta multipremiada longametraxe. Será na Sala Multiusos do Centro Social do Mar. 



Xornadas Cinematográficas

A protección da longametraxe será o peche das II Xornadas Cinematográficas que organiza o FICBUEU. As apostas do certame pola reflexión e pola divulgación do cinema e a cultura están detrás destas Xornadas. Trátase dun día adicado á aprendizaxe e ao intercambio de ideas.

A xornada comezará ás 10.30 horas na Sala Multiusos cunha clase maxistral a cargo da investigadora e profesora Nieves Febrer. Baixo o título O cotizan, entorno e artificio, Febrer centrarase no concepto do cotián e a súa construción visual a partir de obras de diversos artistas e cineastas.

Ás 12.30 chega a conversa A estética do cine sensible, o realismo e a cotidianidade  no cinema. A crítica e xornalista Andrea Morán e máis a investigadora e colaboradora da Revista Caimán Cuadernos de Cine, Daniela Urzola, abordarán cómo é o retrato da vida cotiá no cinema a través da obra de distintas autoras e autores. Seleccionando creadoras e creadores referentes no cine sensible, explorarán como se manifestan estes temas e aspectos nas súas obras audiovisuais.

Na tarde, as II Xornadas Cinematográficas do FIC continuarán abordando as particularidades e implicacións narrativas e estéticas do cinema sensible e cotián nun encontro sobre a obra dun dos referentes neste tipo de filmes, o director xaponés Yasujiro Ozu. No encontro participan con Santos Díaz como moderador, a Marta Peris, autora da tese La casa japonesa a través del cine de Yasujiro Ozu, o catedrático Antonio Santos, especialista en cine xaponés e asiático e autor da tese Elogio del silencio: Yasujiro Ozu en los tiempos de estruendo (1903-1963) e o profesor Jordi Puigdomènech, investigador e autor de obras como Yasujiro Ozu, el tiempo y la nada, entre outras.

No encontro con  Izaskun Urkijo, xa ás 19 horas, a directora de arte de 20.000 especies de abellas falará sobre o seu papel na creación estética da película centrándose na creación e planificación estética do filme. 

A tamén directora de arte Elia Robles, quen participou en filmes coma Ons ou Melancolía, dirixirá este encontro. Será xusto antes da protección do filme. Na parada buenense de 20.000 especies de abellas no seu camiño cara os Óscar.
← Volver

6 cousas que debes saber sobre a 16a edición do Festival

FICBUEU

1. Unha estrutura que aposta pola cultura cinematográfica

O FICBUEU é cinema e cultura. De aí que a palabra, o diálogo, a divulgación de coñecemento sobre cinema, teñan un lugar destacado no inicio do Festival. Trala noite inaugural, co concerto de Chungo Pastel -venres 8-, a xornada do sábado adícase a unha clase maxistral da investigadora, profesora e fotógrafa musical Nieves Febrer, encontros e conversas sobre cinema. Tamén haberá un coloquio sobre 20.000 especies de abellas, a película española que trunfou no que vai de ano en festivais coma os de Hong Kong, a Berlinale ou Málaga. A proxección da longametraxe será a primeira do FICBUEU2023.

Nos seguintes días chegan a competición oficial do Festival e o Minific, pensado para achegarlles os filmes ás nenas e nenos da zona.

 

2. Medra a Sección Oficial.

Dende este ano, a Sección Oficial do FICBUEU terá 6 sesións de proxeccións, unha máis ca nas últimas edicións do Festival. As antigas seccións Galicia e España incorpóranse á Sección Oficial.

 

3. Volve a radio.

O Festival apostou dende os seus inicios polo formato radiofónico para difundir a cultura de cinema. Programas culturais ou outros especializados en cinema fixéronse dende Bueu, coincidindo con Festival, durante anos. Deixou de facerse, por motivos de forza maior, por causa da Covid-19. Ata 5 podcasts e programas de radio van facerse este ano dende o Festival.

 

4. Ficpaper.

Partir da crítica. En colaboración coa web de crítcica audiovisual A Cuarta Parede haberá follas de sala diarias con información sobre os contidos das sesións.

 

5. GZ_0.0.

Unha nova sección para a difusión dos novos talentos cinematográficos de Galicia. As proxeccións serán o domingo 10 ás 19.30 horas. A partir das 21 horas, o público poderá falar con realizadoras e realizadores dos filmes.

 

6. Luísa Merelas recibirá o Premio Cinema Galego.

A actriz Luisa Merelas ten unha traxectoria de preto de catro de interpretación en Galicia, tanto en teatro coma en cinema ou televisión. O Festival adícalle este ano o Premio Cinema Galego.

← Volver

O FICBUEU regresa dende esta fin de semana coas mellores curtas internacionais e unha oferta cultural máis solidaria e inclusiva

FICBUEU

I Dende este venres e ata o vindeiro sábado 23 proxectaranse 89 películas dunha trintena de países e haberá concertos, obradoiros, coloquios con cineastas, podcasts de radio en directo e programación especial para a rapazada no MiniFIC

I O Festival reforza o seu compromiso social cunha campaña de recollida de produtos de xestión menstrual e a estrea dunha ludoteca infantil para favorecer a conciliación familiar

BUEU. 06.09.2023. O Festival Internacional de Cinema de Bueu, o FICBUEU, xa quenta motores. O certame de curtametraxes, que dende O Morrazo amosa cada ano as novas tendencias de creación cinematográfica e de cinema autoral, regresa este venres cun completo programa que se desenvolverá na vila buenense ata o vindeiro sábado 23. A súa décimo sexta edición presentouse hoxe no Peirao do Attilio, no paseo da Pescadoira, nun acto cos directores do Festival, Manuel Pena, María Ruiz-Falcó e Nerea Lores, e no que tamén participaron Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC); Luís López, presidente da Deputación de Pontevedra; Marta Fernández-Tapias, vicepresidenta do organismo provincial pontevedrés; e Carmen García, concelleira de Cultura de Bueu. As tres institucións apoian e fan posible o evento.

O FICBUEU, un dos festivais galegos con maior traxectoria e impacto, trae de novo a mellor selección de curtas internacionais producidas durante o pasado ano. No Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu –epicentro das actividades do certame– proxectaranse 89 películas chegadas dunha trintena de países dos cinco continentes. 28 delas compiten na «Sección Oficial» e moitas xa resultaron premiadas nos últimos meses nos festivais máis importantes do mundo coma Venecia, Cannes, San Sebastián, Berlín, Clermont-Ferrand ou Sundance. Galicia tamén estará moi presente no Festival: hai catro curtas producidas ou dirixidas na comunidade a concurso na «Sección Oficial» e media ducia máis de pezas no espazo denominado «GZ_00», dedicado en exclusiva ás creacións de selo galego.
A programación do Festival inclúe tamén coloquios e clases maxistrais con cineastas e profesionais do sector audiovisual, obradoiros, concertos, a emisión en vivo e con público de cinco podcasts radiofónicos sobre cinema, actividades nas rúas e unha oferta especial para a rapazada co MiniFIC.

Traballo a prol do audiovisual galego durante todo o ano

Pero se hai algo que caracteriza ao FICBUEU é a súa aposta pola promoción continuada da cultura. O certame é, de feito, a culminación dun traballo de difusión cultural e do cinema que se desenvolve durante todo o ano con actividades coma o Cinema Circulante –con proxeccións, conversas, actuacións musicais e obradoiros vencellados á cultura galega para todos os públicos–, a proxección de curtas o día máis curto do ano ou a «Residencia FICBUEU», un programa de creación e formación co que se busca fornecer proxectos de guion e impulsar as curtas de novas autoras e novos autores. A primeira edición terá lugar do 9 ao 15 de outubro na Illa de Ons e estará titorizada por Isabel Peña, guionista de filmes como As bestas ou El reino.

Compromiso coas persoas

O apoio a valores coma a igualdade, a integración e o respecto é outro dos elementos clave do FICBUEU, que o converten nun certame diferente marcado polo seu compromiso coas persoas. O Festival amosa a súa esencia social máis ca nunca nesta edición. Arranca este venres coa estrea da curtametraxe realizada nos últimos meses por usuarios e usuarias do ITA Verducido coa axuda da organización do certame. Porase en marcha unha ludoteca infantil para favorecer a conciliación familiar, convertíndose así no primeiro festival galego de cinema con este servizo. E, nas dúas semanas do FICBUEU, realizarase unha campaña de recollida de produtos de hixiene feminina –que logo se doarán xunto aos alimentos entregados tamén polo público ao banco da Fesbal (Federación Española de Bancos de Alimentos) en Bueu– co obxectivo de axudar a visibilizar a pobreza menstrual que sofren moitas mulleres no mundo. É, ademais, a resposta do FICBUEU á mensaxe lanzada polo seu público, que o ano pasado premiou unha curta con esta temática, Spotless, da realizadora holandesa Emma Branderhorst.

Durante a presentación do Festival, o director da Axencia Galegas das Industriais Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, felicitou á organización polo evento e salientou o “papel moi importante” que xogan citas coma o FICBUEU para o audiovisual en Galicia. Lembrou, Sutil, que o cinema galego atravesa un gran momento de producións e recoñecementos.

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, lembrou que “O FICBUEU é cultura con maiúsculas”. E incidiu no compromiso do organismo provincial co evento: “A Deputación vai estar sempre ao voso lado porque a cultura será un dos alicerces deste mandato”.

A concelleira de Cultura de Bueu, Carmen García, lembrou a importancia que o Festival ten para a vila e salientou o feito de que “cada ano suma novas propostas que van cos novos tempos e cos novos valores”.

O FICBUEU é posible tamén en gran medida grazas a empresas en entidades de Bueu e do Morrazo que ano a ano apoian o certame. Para a presente edición tamén recibiu o apoio do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España, financiado con fondos europeos Next Generation, que se suma ao evento a través do Programa Kit Dixital do Goberno de España.

← Volver

O FICBUEU convertirase no primeiro festival galego de cinema con ludoteca gratuíta para facilitar a conciliación

FICBUEU

O novo servizo atenderá a menores de 3 a 10 anos e estará dispoñible polas tardes, entre o 11 e o 16 de setembro, no Centro Social do Mar de Bueu

03.09.2023. Seguindo a estela de grandes festivais internacionais de cinema coma Berlín, Cannes ou San Sebastián, e na liña do seu compromiso social, o Festival Internacional de Cinema de Bueu, o FICBUEU, convertirase nesta edición nun evento a favor da conciliación familiar coa creación dunha ludoteca para nenas e nenos de 3 a 10 anos. O seu obxectivo é facilitar a asistencia de nais e pais ás proxeccións das curtametraxes programadas e tamén ás actividades culturais relacionadas co certame, que terá lugar entre o 8 e o 23 de setembro na vila pontevedresa.

Este novo servizo é pioneiro nos festivais de cinema que se celebran en Galicia e conta co apoio da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta. «A experiencia e o contacto co noso público habitual dinos que en moitas ocasións a súa presenza no festival está condicionada por ter que coidar das e dos menores ao seu cargo. Por iso impulsamos esta nova iniciativa, para favorecer a igualdade no acceso á cultura», sinalan dende a organización do FICBUEU.

A ludoteca será gratuíta e disporá de 15 prazas, que se cubrirán por orde de chegada. Estará ubicada no Centro Social do Mar de Bueu –o recinto onde se celebra cada ano o certame– e abrirá dende o luns 11 setembro ata o sábado 16, de 17.30 a 21.00 horas. O espazo de ocio deseñado para a rapazada estará supervisado por persoal do FICBUEU e disporá de xogos (algúns deles feitos e cedidos pola Asociación Juan XXIII de Cangas), contos e libros, actividades creativas e tamén zona de descanso.

Con este servizo, as familias poderán desfrutar da programación do festival dirixida ao público de máis idade coa tranquilidade de que a cativada estará ben coidada, entretida «e compartindo tempo en grupo». «A conciliación é un tema recorrente, pero case sempre esquecido se falamos de ocio e actividades culturais para persoas adultas. É importante concienciar e facelo con feitos», afirman dende a organización. 

Curtas, coloquios, música ou radio

O FICBUEU, que amosa cada ano as novas tendencias de creación cinematográfica e de cinema de autor, celebrará a súa 16ª edición coa proxección de 89 curtametraxes dunha trintena de países dos cinco continentes, das que 28 participarán na «Sección Oficial». A selección de curtas complétase coas que se poderán ver nas categorías «GZ_00», «Escolas Internacionais», «Descubertas», «Retrospectiva» (dedicada este ano ao realizador holandés de curtas documentais Joris Ivens), «Escolas Galegas» e «Curtas en Familia». Tamén haberá coloquios con cineastas, charlas e clases maxistrais, concertos, obradoiros e programas de radio en vivo. 

A entrega de premios do FICBUEU 2023 terá lugar o sábado 16 (23.00 horas) no Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu. Un dos galardóns será o Premio Cinema Galego FICBUEU, que nesta edición se outorgará a Luisa Merelas, actriz de coñecidas series e películas como Pratos Combinados, Fariña, Los lunes al sol ou As bestas.




← Volver

O FICBUEU homenaxea este ano a Joris Ivens, pioneiro do cinema documental con conciencia social

FICBUEU

I Unha retrospectiva amosará as facetas de poeta, militante, aventureiro e cronista de guerra do director holandés coa proxección de catro das súas curtametraxes máis emblemáticas: «Regen», «Borinage», «Indonesia Calling» e «Le ciel, la terre»

I O certame dedicará tamén a súa cuarta monografía á figura de Ivens, que rodou máis de medio centenar de películas nunha vintena de países

 

BUEU. 27.08.2023. O FICBUEU 2023 homenaxeará na súa 16ª edición a figura do realizador holandés Joris Ivens, un dos máis grandes documentalistas do cinema mundial de todos os tempos. O Festival Internacional de Cinema de Bueu, que se celebrará entre o 8 e o 23 de setembro, dedicaralle unha monografía a Ivens –o CadernoFICBUEU#4– e a súa «Sección Retrospectiva», coa proxección de catro das súas curtametraxes máis representativas. 

O autor do CadernoFICBUEU#4 dedicado a Ivens, e programador do certame, Severiano Casalderrey, explica que «no festival buscamos dar a coñecer obras importantes do mundo das curtas e este ano escollimos a Ivens porque é un dos pioneiros do cinema documental e unha figura clave na historia». O FICBUEU aposta polo cinema de autor e as novas tendencias. E tamén pola divulgación cultural e cinematográfica. De aí a publicación dos cadernos e a inclusión da «Sección Retrospectiva» na súa programación.

A ollada que documentou os cambios e as crises do século XX

Ivens (Nimega, 1898-París, 1989) foi testemuña coa súa cámara dos máis importantes cambios sociais, crises, guerras e revolucións do século XX. A súa filmografía abarca máis de medio centenar de películas, rodadas durante seis décadas: dende a súa primeira curtametraxe, o western A frecha ardente, que fixo co seu pai cando só tiña 13 anos, ata a última, Unha historia de vento, sobre China e que filmou pouco antes da súa morte.

Caderno e retrospectiva van da man no FICBUEU. A publicación, titulada A expansión do documental a través das curtametraxes de Joris Ivens (1898 – 1989), presentarase no Centro Social do Mar de Bueu o sábado 16 (11.30 horas) e estará á venda na páxina web do FICBUEU e durante o certame. Nela dedícanse catro capítulos a subliñar outras tantas facetas do director holandés. 

A primeira é a de «cineasta poético», influenciado polas vangardas artísticas de principios do século pasado. Desa época data a curta que abrirá a proxección da «Sección Retrospectiva», que terá lugar o domingo 17 (18.00 horas). Trátase de Regen, de 1929, unha exploración abstracta, experimental e lírica  dos efectos da chuvia nunha cidade moderna coma Ámsterdam. 

Crítico e comprometido

Outro dos aspectos que se abordarán nesta aproximación a Ivens é a súa vertente activista. O cineasta, de ideoloxía comunista desde que nos anos 30 vivira un tempo na Unión Soviética, achegou unha mirada comprometida na historia do documental, sempre desde o punto de vista dos pobos en loita contra a opresión do sistema. De feito, a conciencia social foi o motor permanente da súa vida –sirva de exemplo que uns días antes de morrer participou en París, aos 91 anos, nunha multitudinaria protesta contra as masacres da Praza de Tiananmen– e tamén da súa produción audiovisual. «A súa militancia está moi reflectida nas súas obras –apunta Severiano Casalderrey– e sempre atopamos algún elemento crítico nas súas películas». A que se verá no certame é Borinage (1933), curta sobre as folgas mineiras en Bélxica, na que Ivens denunciou a miseria e a explotación proletaria.

O holandés errante

O público do FICBUEU tamén poderá descubrir a faceta aventureira e viaxeira deste director, «unha persoa inqueda, sempre de aquí para aló», que rodou nunha vintena de países dos cinco continentes, e que se representa na terceira peza incluida na proxección, Indonesia Calling (1947). Con esta película Ivens apoiou aos independentistas deste país asiático cando aínda era unha colonia holandesa. «Foi repudiado polo seu propio país durante vinte anos por este documental, e iso acrecentou o concepto que se tiña del de holandés errante», sinala Casalderrey.

A última faceta que explorará o FICBUEU da figura de Ivens é a máis xornalística: a de cronista de guerra. O realizador holandés filmou case todas: a Guerra Civil Española (no documental Terra de España, de 1937, coa voz narradora de Ernest Hemingway e a colaboración de Orson Welles), a Segunda Guerra Mundial, a Revolución Cubana ou a Guerra do Vietnam, escenario de Le ciel, la terre, que rodou en 1966 e pecha a «Sección Retrospectiva» do Festival. «As súas imaxes dos principais conflitos son un retrato do pasado século arredor do mundo», resume Casalderrey de Joris Ivens, quen asentou sempre o seu traballo na importancia da función social do cinema, así como na honestidade, a liberdade ideolóxica e a busca da verdade como condicións esenciais do documentalista.

← Volver

O FICBUEU quenta proxectores con dúas sesións de cinema na praia na noite deste mércores

FICBUEU

BUEU. 22.08.2023. Este mércores pola noite, a praia da Banda do Río, en Bueu, convértese nunha sala de cine. O Festival Internacional de Cinema de BUEU, o FICBUEU, proxectará en dúas sesións e a partir das 22 horas algunhas das mellores curtametraxes que formaron parte da súa programación nas últimas edicións. A escolma das películas fíxose arredor dun eixo temático: o verán e as viaxes. Dende a Praia da Bando do Río, o público poderá percorrer o estío do mundo a través do cinema.

A praia da Banda do Río, en Bueu, acollerá as proxeccións do FICBUEU

As proxeccións están organizadas en dúas sesións: unha con filmes recomendados para todos os públicos, a partir das 22 horas; e unha segunda que comeza ás 23 horas e na que se proxectarán curtametraxes recomendadas para maiores de 16 anos. As organizadoras suxírenlle ao público que leve cadeiras, mantas, toallas ou elementos de apoio para acomodarse durante os pases de curtas no areal.

Un Festival para un territorio

A promoción da cultura e do territorio no que se desenvolve o Festival, Bueu e a bisbarra do Morrazo, son dúas das razóns de ser do FICBUEU. De aí a organización destas proxeccións, que veñen sumarse ás actividades que a Asociación FICBUEU, que organiza o Festival, desenvolve durante o ano enteiro tanto para en materia de divulgación cultural coma de apoio ás creadoras e creadores.

O Festival Internacional de Cinema de Bueu chega aos seus días grandes a partir do vindeiro 8 de setembro. O seu público poderá coñecer as tendencias mundiais máis recentes en materia de cinema de autor. Proxectaranse 89 películas chegadas de 30 países dos cinco continentes. Algunhas delas chegan a Bueu logo de pasaren por grandes eventos mundiais de cinema coma os Premios Oscar (EE.UU) ou o Festival de Cannes (Francia).  As entradas para a vindeira edición do FICBUEU poderán ser mercadas por internet a partir dos vindeiros días.

 
← Volver

Profesionais do cinema nacional e internacional forman os dous xurados que elixirán as mellores curtas do FICBUEU 2023

FICBUEU

BUEU13.08.2023.  Dous xurados integrados por recoñecidas e recoñecidos profesionais do mundo do cinema nacional e internacional decidirán qué  curtametraxes entrarán no palmarés do FICBUEU 2023. O Festival, que acada a súa décimo sexta edición amosando as novas tendencias na creación cinematográfica, proxectará a partir do 8 de setembro, no Centro Social do Mar de Bueu, preto de 90 películas en formato curto dunha trintena de países dos cinco continentes.

O xurado oficial deste ano está composto pola produtora e distribuidora de cinema Silvia Lobo, de Elamedia Estudios –unha das principais compañías españolas de servizos audiovisuais, que participou en películas como La vida era eso ou Lúa Vermella, no documental Trinta Lumes ou en series como Antidisturbios ou Patria–; o tamén produtor executivo Manuel Monzón, de A Contracorriente Films, que traballou en cintas multipremiadas como La Librería, de Isabel Coixet, ou a arxentina El ciudadano ilustre; e o romanés Mihai Chirilov, cunha importante traxectoria como director artístico de distintos festivais, crítico de cinema e membro da Academia de Cine Europeo.

Lobo, Monzón e Chirilov decidirán que curtametraxes acadarán o primeiro e o segundo premios do FICBUEU, así como os galardóns para as mellores curtas galega (Premio CREA) e española. Terán que escollelas entre as 28 obras finalistas que competirán na sección oficial do certame, caracterizado pola súa decidida aposta polo cinema autoral. As películas proceden de 21 países: desde México, Costa Rica, China, Australia ou Estados Unidos ata España –con sete curtas, das que catro son producións galegas–, India, Francia, Somalia ou Islandia. Entre elas atopamos traballos que xa mereceron premios en grandes festivais como Cannes, Sundance, Venecia ou Toronto. 

Premio do Público e loita contra a pobreza menstrual
As espectadores e os espectadores do FICBUEU desenvolverán de novo un papel clave. Poderán ver as curtas a concurso na sección oficial, que se proxectarán no Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu entre o luns 11 e o sábado 16 de setembro, e decidirán cal de todas elas leva o seu voto, o que servirá para outorgar o Premio do Público. 

O seu veredicto é tan importante para o FICBUEU que ata impulsou unha nova iniciativa dentro da campaña de recollida de alimentos que se fai durante o certame: este ano fomentaranse as doazóns de produtos de hixiene íntima feminina en resposta ao premio que a audiencia concedeu na pasada edición á curta Spotless (Vlekkeloos), coma contribución á loita contra a pobreza menstrual e as duras condicións ás que moitas mulleres se enfrontan polo simple feito de selo. 

Alén da sección oficial
O segundo xurado do FICBUEU, o xurado Descubertas, valorará tres categorías: «Descubertas», «Escolas Internacionais» e «GZ_00». A primeira reunirá as pezas máis innovadoras e singulares da programación do FICBUEU.

Este ano hai seis curtas a concurso: tres documentais (a holandesa Buurman Abdi, a co-produción británica e norueguesa A history of the world according to Getty Images e a iraní Majmouan) e tres cintas de animación (están a española Bloom, a finlandesa The Transient e a húngara Resting Fog).

Pola súa banda, o apartado «Escolas Internacionais», que amosa traballos de alumnas e alumnos producidos por escolas de cine de todo o mundo, contará con catro pezas chegadas de República Checa, España, Italia e Alemaña.

Na sección «GZ_00», que aglutina o talento galego emerxente, foron seleccionadas seis finalistasSolo, a veces. Frágil, siempre, de Nacho Ozores; O neno sardiña, de Lucía Estévez; 30’ 70 60’ 120, de Marta Valverde; Na pel da memoria, de Laura e Coral Piñeiro; Malgrat, de Santiago Teijelo; e O coidado, de Miguel Canalejo.

O xurado Descubertas tamén está formado por tres profesionais de distintos campos do cinema. Dúas son mulleres: a directora viguesa Anxos Fazáns, autora de curtas como Nacer en septiembre ou Área; e a profesora, fotógrafa e investigadora Nieves Febrer. A tamén cofundadora da produtora audiovisual LaCasaDigital impartirá ademais unha clase maxistral dentro das «II Xornadas Cinematográficas» do Festival, que se desenvolverán o sábado 9 arredor do tema «Cotiandade e estética do cine sensible». Acompañará a Fazáns e Febrer neste xurado o produtor e profesor Suso López, gañador dun premio Mestre Mateo á mellor dirección de produción pola película DHOGS

Entrega de premios e proxección do palmarés
Os nomes das gañadoras e dos gañadores das distintas categorías do FICBUEU daranse a coñecer nun acto que se celebrará o sábado 16 de setembro no Centro Social do Mar de Bueu, a partir das 23.00 horas, no que tamén se fará entrega do Premio Cinema Galego, concedido nesta edición á actriz Luisa Merelas. O palmarés do 2023 proxectarase nun pase ao día seguinte, domingo, ás 20.30 horas.

← Volver

O FICBUEU regresa en setembro con 89 curtametraxes de preto de 30 países

FICBUEU

O certame consolídase na súa 16ª edición como «unha xanela dende a que coñecer o novo cinema internacional de autor sen esquecer a nosa propia identidade». A retrospectiva deste ano está dedicada ao director neerlandés de documentais Joris Ivens.

 

10.08.2023. Volve o FICBUEU. Durante a décimo sexta edición, que dende o a vila buenense amosa cada ano as novas tendencias de creación cinematográfica e de cinema de autor, proxectaranse 70 curtametraxes dunha trintena de países dos cinco continentes. Será do 8 ao 23 de setembro. Un total de 28 curtas participan na sección oficial do Festival. Poderán verse entre os días 11 e o 16 de setembro no Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu. As curtas a competición presentaranse en dúas sesións de proxeccións que terán lugar ás 19.30 e ás 21.30 horas e haberá un coloquio con cineastas en cada sesión.O compromiso social con colectivos en risco de exclusión, o fomento de valores como o respecto e a igualdade, e o apego ao territorio, a Bueu, volverán ser elementos diferenciais do FICBUEU.

O cartaz da 16ª edición do Festival foi deseñado pola ilustradora Natalia Umpiérrez. Artista multidisciplinar que completou a súa formación en ilustración e animación na Universidade de Vigo, Umpiérrez participa ademais en colectivos vencellados á difusión da cultura coma o Liceo Mutante da cidade do Lérez. É coautora de obras infantís coma Cando Ana adoptou a Perico e Imaxinar animais imaxinarios.

De China a Mongolia pasando por Somalia ou Islandia
As películas a concurso están producidas ou co-producidas en 21 países dos 5 continentes. Moitas delas foron premiadas nos últimos meses nos festivais máis importantes do mundo. É o caso do documental Will you look at me?, do realizador chinés Shuli Huang, galardonado en Cannes, Sundance e Melbourne; da cinta Snow in September, da directora Lkhagvadulam Purev-Ochir, de Mongolia, que se fixo co premio á mellor curta en Venecia e Toronto, ou da curta de animación The Flying Sailor, das canadenses Wendy Tilby e Amanda Forbis, tamén distinguida en Sundance. O FICBUEU amosará tamén outras «xoias» do cinema en formato curto chegadas de lugares tan suxestivos como a India, Somalia, Islandia, Costa Rica, México ou Australia.

Galicia amosa o seu cinema
E non faltará a representación galega. O FICBUEU elixiu este ano catro curtas producidas ou dirixidas na comunidade –Ulises, de Félix Brixel; o documental Ruovesi, de Andrea Zapata-Girau; Alicia fai cousas, de Ángel Santos; e Sandwich Cat, curta de animación de David Fidalgo– para competir na sección oficial.

A programación inclúe ademais media ducia de curtametraxes de novos creadores e novas creadoras de Galicia no espazo denominado «GZ_00», que poderán verse o domingo 10 xunto aos traballos seleccionados para as seccións de «Escolas Internacionais» e «Descubertas». «Somos unha xanela dende a que coñecer o novo cinema internacional de autor sen esquecer a nosa propia identidade», afirman dende a organización do certame.

O Premio Cinema Galego FICBUEU será este ano para a actriz coruñesa Luisa Merelas. Recíbeo «pola súa importante traxectoria na televisión, no teatro e no cinema e polo seu compromiso coas producións e a cultura galegas», apunta a organización. Merelas participou en series como Pratos Combinados, Mareas Vivas ou Fariña e películas como Los lunes al sol ou As bestas.

Actividades en paralelo
O FICBUEU ten entre os seus obxectivos a divulgación da cultura, especialmente da cinematográfica. De aí que o programa do Festival estea tamén cimentado sobre actividades comoa «II Xornadas Cinematográficas». Ou a sesión «Retrospectiva», dedicada nesta edición ao cineasta neerlandés Joris Ivens (1898-1989). O director, coñecido pola súa contribución ao cinema documental dende o campo das curtametraxes, foi testemuño directa dos principais eventos históricos do século XX, desde a guerra de Vietnam e as revoltas en Indochina ata as manifestacións en Bélxica. A Joris Ivens dedícaselle este ano o Caderno FICBUEU#4. O seu autor, Severiano Casalderrey, estará en Bueu para presentar a publicación.

As futuras xeracións de espectadores de cinema seguen a ser de vital importancia para o festival. O MiniFIC, a programación dirixida á rapazada, regresará no tramo final do certame. Haberá actividades especiais para a infancia e proxeccións para alumnos e alumnas de centros de ensino do luns 18 ao venres 22.

Residencia coa guionista Isabel Peña e pódcast en directo
O programa complétase cunha importante novidade: a «I Residencia FICBUEU», que se presentará o luns 11. Trátase dunha aposta do festival pola formación, o diálogo e o traballo en equipo a través dun programa de creación baseado no fornecemento de proxectos de guión con profesionais para impulsar as curtametraxes de novos autores e novas autoras. A residencia terá lugar na Illa de Ons do 9 ao 15 de outubro e estará titorizada por Isabel Peña, guionista de filmes como As bestas ou El reino.

O FICBUEU volve apostar pola radio coma medio de difusión cultural. Cinco pódcast especializados en cinema visitarán o festival para realizar os seus programas en vivo e con público. Dende Bueu para o mundo. Abrirá «Café Derby 21», ao que lle seguirán «Kinótico», «El Cine de LQYTD», «Cine Divergente» e «Saltos de Eje». Os pódcast realizaranse en directo ás 18.00 horas no Punto de Encontro do festival e a entrada será gratuíta ata completar aforo.

O FICBUEU é un do festivais de cinema de maior impacto en Galicia. A súa aposta polo cinema de autor, pola vinculación con Bueu e O Morrazo, ou polo apoio a valores coma os da igualdade, a integración e a solidariedade, convérteno nun certame diferente marcado polo seu compromiso co cinema, coa cultura e coa persoas.

O teu carriño 0
Non hai produtos na cesta!
Continuar comprando
0
Skip to content