Please ensure Javascript is enabled for purposes of website accessibility Palmarés arquivos • FICBUEU

Palmarés 2024: «Il compleanno di Enrico» acada o primeiro premio e «Habitar», o de mellor curta galega

← Volver

Palmarés 2024: «Il compleanno di Enrico» acada o primeiro premio e «Habitar», o de mellor curta galega

FICBUEU

O filme estoniano «Saab» obtén o Segundo Premio e «Aunqe es de noche» leva o galardón a mellor cinta española

A curta británica «If you are happy», de Phoebe Arnstein faise co Premio do Público

A película francesa «Intelligence» triunfa na sección «Descubertas», e «pechar caixas, abrir caixas» en «GZ_00»

BUEU. 14 de setembro de 2024Il compleanno di Enrico (O aniversario de Enrico), unha co-produción de Alemaña, Francia e Italia dirixida por Franceso Sossai, é a curtametraxe gañadora da «Sección Oficial» da 17ª edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu. De entre as 29 películas a concurso, chegadas de 18 países, o xurado –composto pola serbia Tara Karajica, programadora de cinema e xornalista, a finlandesa Riina Mikkonen, tamén programadora e directora do Festival de Cinema de Tampere, e o realizador e guionista español Chema García Ibarra– concedeu a esta cinta o Primeiro Premio FICBUEU, dotado con 2.000 euros.

O xurado distinguiuna pola súa capacidade de ver a través dos ollos do seu protagonista, un neno que vai á festa de aniversario doutro nunha vella casa no campo, «a vea rebelde dunha avoa nos albores do novo milenio». «O director –engadiron– márcanos habilmente a lectura entre liñas, como cando eramos nenos e deixábannos encher os ocos a nós mesmos, á vez que xoga axilmente coas esperanzas». O galardón entregouno o alcalde de Bueu, Félix Juncal. Sossai, que non puido estar presente na cerimonia, enviou un vídeo de agradecemento ao festival.

A película estoniana Saab, da directora Liisbeth Kala, unha curta que investiga a estética do aburrimento e do silencio dentro dun coche no que viaxan varias persoas, mereceu o Segundo Premio FICBUEU por «convidar o espectador a ser un pasaxeiro máis e mergullarnos nunha viaxe misteriosa e poética». Kala non puido recoller en persoa o galardón do Festival (dotado con 1.000 euros), pero si o fixo unha das actrices do filme, Maria Valk. Encargouse de entregarllo Jorge Cubela, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra.

Historias de amigos e de corpos

O xurado oficial do FICBUEU 2024 premiou dous filmes máis. Un é Aunque es de noche, obra de Guillermo García López, quen conseguiu o premio á mellor curtametraxe española coa historia de Toni, un rapaz de 13 anos que vive no poboado chabolista da Cañada, en Madrid, e que descobre que o seu mellor amigo Nasser márchase para sempre e busca seguir conectado a el. O xurado destacou esta cinta, gañadora do Goya este ano, «polo modo en que o director converte aos seus protagonistas en actores activos e conscientes, nun sutil esforzo por reacondicionar os nosos filtros».

A outra película galardoada é Habitar, da realizadora marinense Anxos Fazáns, que levou o premio á mellor curta galega polo seu documental sobre a construción da identidade a través do retrato de persoas transxénero e non binarias de Galicia. A súa mirada aos corpos «con tenrura» e a súa capacidade para «conseguir capturar algo tan esquivo como é a intimidade» convenceron aos membros do xurado. Recolleu o seu galardón de mans de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Premio do Público

O premio do Público foi para a curta británica If you are happy, da realizadora británica Phoebe Arnstein. A película é unha mirada crúa e honesta sobre a loita e a axitación emocional dunha nai nova que se enfronta desesperadamente coas presións da nova maternidade e descarga a súa furia durante un xogo infantil nun grupo local de bebés, desencadeando unha reacción inesperada. A primeira curta de Arnstein como escritora e directora inspirouse nos seus propios recordos difusos dos primeiros días tras ser nai, moi lonxe dunha imaxe perfecta de felicidade. Os berros dos nenos, as contornas claustrofóbicas e un crescendo catártico caracterizan o filme elixido como o mellor polo público do festival.

Premios para a vangarda e a canteira de cineastas

Manuel Pena e María Ruiz, directores do FICBUEU xunto a Nerea Lores, anunciaron as curtas premiados nas categorías «GZ_00», «Descubertas», «Escolas de Cinema Internacionais» e «Escolas de Cinema Galegas», valoradas por outro xurado integrado por tres expertos en cinema e cultura como Daniela Urzola, Elisa Pereira e Xan Gómez Viñas.

pechar caixas, abrir caixas, do realizador redondelano Hugo Amoedo, fíxose co galardón na primeira das seccións, creada para mostrar o traballo que está a facer a nova xeración de cineastas en Galicia. Amoedo resultou gañador cunha película que descobre «unha maneira diferente e interesante de falar da emigración» mostrando «todo tipo de sentimentos mediante diarios filmados, onde o drama e a comedia teñen cabida xuntas».

En «Descubertas», que reúne a creación cinematográfica máis innovadora a nivel mundial, a curta vencedora nesta edición do festival é Intelligence, dos franceses Cosme Castro e Jeanne Frenkel. O xurado valorou a súa «orixinal mestura de linguaxes visuais e a súa enxeñosa narración distópica, que reflexiona sobre as pantasmas, pasadas e futuras, da sociedade contemporánea».

En «Escolas de Cinema Internacionais», sección que recolle algúns dos traballos máis destacados que se fan en centros de cinema de todo o mundo, a gañadora foi a película francesa La voix deas autres, de Fatima Kaci. Destacou «polo seu estilo directo e conciso para mostrar a violencia institucional e o trato deshumanizado cara ás persoas refuxiadas», ademais de por «o excelente traballo de contención expresiva da súa actriz, Amira Chebli». Xogo de nenos, de Miguel R. Berride, da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, levou o galardón á mellor curta de «Escolas de Cinema Galegas». O xurado distinguiuno pola súa factura técnica, tanto na posta en escena como na montaxe, «e polo seu sorprendente xiro final».

  • O Festival Internacional de Cinema de Bueu abre a convocatoria para unha nova edición da Residencia FICBUEU.

    Bueu. 15/04/2025 – O 15 de abril abre a convocatoria para a recepción de proxectos. A través desta convocatoria, seleccionaranse cinco curtametraxes que participarán neste programa formativo e que terá lugar do 15 ao 21 de outubro. Un ano máis, a Illa de Ons acollerá ás persoas seleccionadas na III Residencia FICBUEU ofrecéndolles un ambiente […]

    2025-04-23
  • O FICBUEU abre a convocatoria de recepción de obras e presenta a súa 18ª edición.

    24/01/2025, Bueu. O Festival Internacional de Cinema de Bueu ten aberta a convocatoria de recepción de curtametraxes ata o 20 de abril. Como cada ano, o FICBUEU acollerá unha exquisita selección de obras chegadas de todo o mundo. Alén das proxeccións, o FICBUEU seguirá convidando ao público a participar en coloquios, encontros e actividades relacionadas […]

    2025-01-24
  • BUEU escolle a Mellor Curtametraxe Holandesa

    Bueu, 10/ 01/ 2025 – Shortcutz Amsterdam invita un ano máis ao público do FICBUEU a participar na elección da curtametraxe holandesa favorita do público. Shortcutz Amsterdam é un movemento internacional de curtametraxes que se converteu nunha das maiores plataformas dos Países Baixos para o cinema neerlandés. Esta plataforma brinda oportunidades de exhibición e conecta audiencias […]

    2025-01-10
← Volver

PALMARÉS FICBUEU 2023 | A curta estadounidense «Endless Sea» faise co Primeiro Premio e a canadense «Invincible» conquista o Premio do Público

FICBUEU

I A película holandesa «Ma mére et moi» obtén o Segundo Premio e a somalí «Will my parents come to see me» recibe unha mención especial do xurado

I O Festival distingue tamén a «Ulises» de Félix Brixel, mellor curtametraxe galega, e «Arquitectura Emocional 1959», de León Siminiani,  mellor cinta española

I A peza «30’ 70 60’ 120», da directora viguesa Marta Valverde, é a gañadora na sección «GZ_00», que amosa o traballo da nova xeración do audiovisual galego

I A actriz coruñesa Luísa Merelas recolleu o Premio Cinema Galego FICBUEU 2023 en recoñecemento á súa traxectoria artística 

Endless Sea, do director estadounidense Sam Shainberg, é a curtametraxe gañadora da «Sección Oficial» da 16ª edición do FICBUEU. Anunciouno onte a concelleira de Cultura de Bueu, Carmen García, nun acto celebrado no Centro Social do Mar de Bueu.  De entre as 28 a concurso, o xurado concedeulle a esta cinta o Primeiro Premio FICBUEU, dotado con 2.000 euros, «pola súa crúa enerxía, a súa desafiante produción, a súa magnética interpretación principal e un benvido toque de humor negro».

Sam Shainberg

Así se referiron os seus membros –os produtores de cinema Silvia Lobo e Manuel Monzón xunto a Mihai Chirilov, director artístico, crítico e membro da Academia de Cinema Europeo– a esta película que conta a «apaixoante historia de supervivencia» de Carol, unha muller de 70 anos «que loita contra o sistema» cando non pode mercar a súa medicación para o corazón.

A película Ma mére et moi, da realizadora holandesa Emma Branderhorst, mereceu o Segundo Premio FICBUEU por «captar de forma sutil e delicada ese momento decisivo co que todo o mundo se identifica, cando un fillo ten que crecer e unha nai ten que deixalo ir». Esa é a historia, a da moza Kees e a súa nai Lois, que reflicte esta curta. Emma Branderhorst, quen o ano pasado levou o Premio do Público con Spotless, filme no que visibiliza a pobreza menstrual, non puido recoller en persoa o galardón do Festival (dotado con 1.000 euros), pero si o fixo a guionista do filme, Nena van Driel. A encargada de entregarllo foi a vicealcaldesa de Bueu, Isabel Quintás. Van Driel falou ante o público do Festival para agradecer o premio ao xurado, que escolleu Ma mére et moi entre «tantos filmes inspiradores» e asegurou que «foi un honor que a nosa película se proxectara con todos eles». «É moi emocionante ver canta xente da zona se interesa polas curtas neste festival. É algo verdadeiramente especial», engadiu.

O xurado tamén realizou unha mención especial á cinta Will my parents come to see me, do realizador somalí Mo Harawe, «unha curtametraxe de gran forza sobre aferrarse á vida cando un se enfronta á pena de morte».

O palmarés oficial do FICBUEU 2023 complétase con dous filmes máis. Un é Ulises, obra de Félix Brixel, realizador de Rianxo, que acada o premio á mellor curtametraxe galega pola súa «historia enigmática e intrigante sobre o amor fraternal» e polos «impactantes efectos visuais» que a complementan. Brixel recibiu o galardón de mans de Fon Cortizo, da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA). A outra película distinguida é Arquitectura emocional 1959, do director cántabro León Siminiani, que leva o premio á mellor curta española. O xurado destaca dela «a súa orixinalidade lúdica, que mestura pasado e presente, amor e política, a través do cinema e a arquitectura».

O fallo do público

O Premio do Público, outorgado co seu voto polas espectadoras e os espectadores do FICBUEU, recae nesta edición na película canadense Invincible, de Vincent René-Lortie, inspirada nunha historia real. No filme, cóntase as últimas 48 horas de vida dun mozo de 14 anos recluido nun centro de menores e cunha urxente necesidade de liberdade foi a que máis impactou no público.

A actriz Luísa Merelas, homenaxeada

O galardón honorífico do certame, o Premio Cinema Galego FICBUEU, foi este ano para a actriz coruñesa Luísa Merelas, que estivo no acto celebrado en Bueu. A intérprete de series tan coñecidas como Pratos Combinados e Fariña ou películas como Los lunes al sol ou, máis recentemente, As bestas, foi homenaxeada no Festival pola súa longa traxectoria profesional e a súa contribución ao sector do audiovisual galego. 

Premios para as novas e os novos cineastas

A directora Anxos Fazáns, en nome do xurado Descubertas, foi a responsable de anunciar os premios elixidos nas categorías «GZ_00», «Descubertas» e «Escolas Internacionais». A curta 30’ 70 60’ 120, da directora viguesa Marta Valverde, fíxose co galardón na primeira das tres seccións, creada para amosar o traballo que está a facer a nova xeración de cineastas en Galicia. De feito, Valverde resultou gañadora cunha «peza arriscada que mestura xéneros e estilos saíndo estupendamente ben parada». No apartado «Descubertas» a curta vencedora nesta edición é Buurman Abdi, do holandés Douwe Dijkstra. O xurado valorou a súa orixinalidade e capacidade de transgresión, «chea de emoción e humor». En «Escolas Internacionais», espazo que amosa os traballos máis destacados que se fan en centros de cinema de todo o mundo, o premio foi para a película italiana Raíces, do Centro Sperimentale di Cinematografia.  Sara Moschini, unha das realizadoras do filme xunto a Maddalena Brozzi e Laura Cagnoni, recolleu o premio a unha película que aborda con beleza formal e sinxeleza narrativa o universo en torno á perda dun ser querido.   

Todas as curtametraxes do palmarés do FICBUEU 2023 poderán verse xuntas mañá domingo nun pase especial que terá lugar, a partir das 20.30 horas, no Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu. 

  • O Festival Internacional de Cinema de Bueu abre a convocatoria para unha nova edición da Residencia FICBUEU.

    Bueu. 15/04/2025 – O 15 de abril abre a convocatoria para a recepción de proxectos. A través desta convocatoria, seleccionaranse cinco curtametraxes que participarán neste programa formativo e que terá lugar do 15 ao 21 de outubro. Un ano máis, a Illa de Ons acollerá ás persoas seleccionadas na III Residencia FICBUEU ofrecéndolles un ambiente […]

    2025-04-23
  • O FICBUEU abre a convocatoria de recepción de obras e presenta a súa 18ª edición.

    24/01/2025, Bueu. O Festival Internacional de Cinema de Bueu ten aberta a convocatoria de recepción de curtametraxes ata o 20 de abril. Como cada ano, o FICBUEU acollerá unha exquisita selección de obras chegadas de todo o mundo. Alén das proxeccións, o FICBUEU seguirá convidando ao público a participar en coloquios, encontros e actividades relacionadas […]

    2025-01-24
  • BUEU escolle a Mellor Curtametraxe Holandesa

    Bueu, 10/ 01/ 2025 – Shortcutz Amsterdam invita un ano máis ao público do FICBUEU a participar na elección da curtametraxe holandesa favorita do público. Shortcutz Amsterdam é un movemento internacional de curtametraxes que se converteu nunha das maiores plataformas dos Países Baixos para o cinema neerlandés. Esta plataforma brinda oportunidades de exhibición e conecta audiencias […]

    2025-01-10
O teu carriño 0
Non hai produtos na cesta!
Continuar comprando
0
Ir o contido
FICBUEU
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.