CLAUSURA CONCERTO / PREMIOS / FESTA DE PECHE -
SÁBADO 14, 20:30 H
CENTRO SOCIAL DO MAR

Os actos de peche do FICBUEU 2019 darán comezo ás 20:30 horas do sábado 14 de setembro nos exteriores do Centro Social do Mar coa actuación de The Swinging Flamingos. Será un concerto con moito swing que nos trasladará á Nova Orleans dos anos 20, recollendo a esencia das big bands norteamericanas.

Ás 21:00 horas arrincará no auditorio do Centro Social do Mar a Gala de Clausura, na que se entregarán os galardóns ás curtametraxes premiadas e se volverán proxectar as gañadoras dos premios principais. Ao acto acudirán as e os cineastas que optan aos premios, así coma distintas autoridades e persoeiros da industria cinematográfica. A cerimonia estará conducida polo actor César Aldea, acompañado por Severiano Casalderrey ao piano.

Ao remate, as persoas asistentes terán acceso á Festa de Clausura, un encontro entre organización, convidados e público que porá o ramo ao 12º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu.

Para esta xornada, a Asociación Cultural Alfombras de Corpus de Bueu engalanará o acceso ao Centro Social do Mar cunha alfombra floral, obra de arte efémera coa que lles daremos a coñecer ás e aos visitantes unha das tradicións máis arraigadas na nosa vila.