CONCERTOS CASPERVEK TRIO / ENRIC MONTEFUSCO / SESIÓNS VERMÚ -
VENRES 6 / SÁBADO 7 / DOMINGO 8
CENTRO SOCIAL DO MAR / EXTERIORES DO CSM

O programa cinematográfico do FICBUEU 2019 compleméntase con variadas actividades nas que non podían faltar as actuacións en directo. Alén do concerto de Enric Montefusco, das sesións vermú e da actividade con Caspervek Trio, a música ao vivo tamén estará presente nas xornadas de inauguración e clausura, na programación infantil ou nos programas de radio.

Caspervek Trio, curtas con música ao vivo. Venres 6 – 22:30h. Centro Social do Mar.

‘Panorama de cinema mudo: 15 anos de pioneiros da sétima arte (1902-1917)’ é o título da sesión na que Caspervek Trio se encargará de poñerlle banda sonora a tres obras xa habituais do seu repertorio, máis outras dúas que estreará para a ocasión. Deste xeito, proxectaranse con música en directo cinco fitas capitais da orixe do cinema, asinadas por Mèliés, De Chomón, Chaplin, Guy e Griffit. O pianista Brais González e o percusionista Blas Castañer fundaron este grupo en 2013, ao que logo se uniría o violín de Eduards Vecbastiks e, máis adiante, a tamén violinista Raquel Fernández.

Sesión vermú: High Paw meets Mr. Mou. Sábado 7 – 12:30h. Exteriores do Centro Social do Mar.

High Paw defínese como unha “singjay” viguesa, en referencia a un tipo de canto vocal xamaicano, aínda que a música deste país non é a súa única influencia. O show de High Paw como vocalista e guitarrista, nova promesa do reggae estatal, virá nesta ocasión acompañado de Mr. Mou ao casiotone. O público poderá escoitar ao dúo mentres degusta un Vermut Lodeiros de produción galega.

Concerto de Enric Montefusco. Sábado 7 – 22:30h. Centro Social do Mar. Entradas.

Trátase dunha oportunidade moi especial para gozar da calidade e potencia do directo deste artista barcelonés, que presentará entre outros os temas do seu novo disco en solitario, Diagonal. Nunha sala con poco más de 200 butacas, Enric Montefusco deleitaranos coa parte máis poética, persoal e fonda da súa música, convidándonos a percorrer a canción de autor combinada con variados estilos, desde o folclore popular ata o rock más puro que o caracteriza. O que fora líder da banda de hardcore punk Standstill leva vinte anos sobre os escenarios, nos que a súa busca de novas vías de expresión identifícano coma un dos músicos máis creativos, arriscados e inclasificables do panorama estatal, un artista libérrimo que non coñece fronteiras.

Sesión vermú: Iván Rodríguez Covers. Domingo 8 – 12:30h. Exteriores do Centro Social do Mar.

Con máis de 25 anos de experiencia en diferentes formacións musicais, Iván Rodríguez interpretará versións de clásicos do pop e do rock que sen dúbida engaiolarán ás espectadoras e espectadores do FICBUEU, que ademais poderán compartir un vermú cortesía de Bodegas Lodeiros mentres gozan da actuación en directo.