Please ensure Javascript is enabled for purposes of website accessibility FICBUEU 2023 • Curtas premiadas nos mellores festivais compiten en Bueu

Novas do festival

← Volver

Curtas distinguidas nos Oscar, Cannes, Berlín ou Venecia compiten desde mañá por entrar no palmarés do FICBUEU 

FICBUEU

I Mañá coñeceranse tamén as curtas seleccionadas para participar na primeira edición da «Residencia FICBUEU» e comezará a actividade «Cinema e Radio» coa emisión en directo e con público do podcast galego Café Derby 21

I As 28 películas a concurso na «Sección Oficial», tres delas dirixidas por creadores galegos, proxectaranse ata o vindeiro sábado en dúas sesións diarias 

BUEU. 10.08.2023. Arranca a «Sección Oficial» do FICBUEU 2023. O Festival Internacional de Cinema de Bueu presenta dende mañá luns e ata o sábado 16 unha escolma da mellor produción de curtametraxes realizada durante o pasado ano en todo o mundo, así como as novas tendencias de creación cinematográfica e cinema autoral. O público que se achegue ata o Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu poderá descubrir nesta edición do certame 28 curtametraxes procedentes de 21 países, que se irán proxectando cada día en dúas sesións (19.30 e 21.30 horas) e cun coloquio con cineastas entre ambas.

As curtametraxes participantes foron elixidas entre preto de 3.000 cintas chegadas do mundo enteiro. «Queremos amosar relatos audiovisuais de calidade que dean a coñecer novas perspectivas autorais, novas formas de contar», explica o co-director do FICBUEU Manuel Pena. «O FICBUEU trata de ser unha ventá dende a que cada ano poidamos coñecer as novas tendencias das linguaxes cinematográficas».

Mañá tamén se presentará a «I Residencia FICBUEU», un programa formativo destinado a desenvolver curtametraxes aínda sen realizar, centrándose especialmente no traballo de guión. Durante a presentación, coñeceranse as curtas seleccionadas para a primeira edición da Residencia, que terá lugar na Illa de Ons, do 9 ao 15 de outubro, e contará coa titorización da galardoada guionista Isabel Peña.

'20.000 ESPECIES DE ABELLAS' E UN AUDITORIO CHEO

A proxección de "20.000 especies de abellas" completou o aforo do auditorio do Centro Social do Mar. O sábado pola tarde, antes do inicio, esgotáronse as entradas. O filme acaba de ser pre-seleccionado para representar a España nos Oscar. Izaskun Urquijo, directora de Arte da película, mantivo un interesante conversatorio co público e presentou a proxección.

Co inicio da sección oficial do Festival comeza tamén «Cinema e Radio», actividade que traerá ata o vindeiro venres cinco dos mellores podcasts de radio especializados en cinema que se emiten no país. Realizaranse en vivo e con público dende o Centro Social do Mar de Bueu. Abrirá este espazo radiofónico Café Derby 21, podcast conversacional presentado e realizado polos xornalistas Adrián Lede, Carme D. Prol e Nico Carreira (18.00 horas).

Curtas premiadas nos mellores festivais

Na selección de curtas a concurso da «Sección Oficial», tanto de ficción coma documentais e de animación, o Festival presentará moitos dos traballos máis distinguidos a nivel internacional nos últimos meses.

É o caso de Will you look at me, do realizador chinés Huang Shuli: a historia da conversa entre un director e a súa nai levou un galardón no Festival de Cannes e o premio do xurado á mellor curta de non ficción en Sundance. Outra cinta asiática que estará no FICBUEU e trunfou nos festivais de Venecia e Toronto é Snow in September, da directora Lkhagvadulam Purev-Ochir, de Mongolia.

Outras xoias na lista oficial do Festival chegaron dende Europa, coma Ma mère et moi, road trip emocional dunha filla e a súa nai da realizadora holandesa Emma Branderhorst, que foi nominada na Berlinale e acadou o premio á dirección xove en Cannes (e o Premio do Público FICBUEU na pasada edición coa curta Spotless); ou Nest, do islandés Hylnur Palmason, recoñecida en San Sebastián e que explora a idea do tempo a través de tres irmáns (os fillos de Palmason) que constrúen unha casa nunha árbore. Airhostess-747, do grego Thanasis Neofotistos, finalista en Toronto, é outra das apostas europeas.

Realismo social

O director estadounidense Sam Shainberg levou tamén varios galardóns e nominacións internacionais por Endless Sea, curta sobre o vertixinoso día dunha muller de 70 anos en Nova York en busca dunha solución para poder mercar a medicación que necesita para o corazón e que conta coa colaboración do artista Iggy Pop.

Dende Mexico chega a curta a finalista en Sundance Sweatshop girl, de Selma Cervantes e con Yalitza Aparicio –gañadora dun Oscar por Roma, de Alfonso Cuarón– no papel dunha traballadora dunha maquila que fai todo o posible por ocultar o seu embarazo para que non a despidan. Outra das películas participantes, Will my parents come to see me, da realizadora somalí Mo Harawe, obtivo o Gran Premio de Clermont-Ferrand polo seu retrato sensible e preciso do ultimo día dun condenado a morte e da axente de policía que o acompaña.

Animación de Oscar

No campo da animación proxectaranse dous dos máis recoñecidos traballos do pasado ano. Trátase de Ice Merchants, proxecto de fin de carreira do portugués Joao Gonzalez, premiado en Cannes e que se converteu na primeira produción lusa nominada aos Oscar; e The Flying Sailor, das realizadoras canadenses Wendy Tilby e Amanda Forbis, nominadas tamén aos premios da Academia de Hollywood por este traballo.

En canto á representación española na «Sección Oficial», o FICBUEU seleccionou sete curtametraxes. Tres son galegas: Alicia fai cousas, do marinense Ángel Santos e Ulises, de Félix Brixel, foron multipremiadas no Festival de Cans; e Sandwich Cat, curta de animación do lucense David Fidalgo, gañou o South by SouthWest Film Festival de Austin. Completan a lista Arquitectura emocional 1959, do cántabro León Siminiani; Aqueronte, do sevillano Manuel Muñoz Rivas; Ruovesi, da viguesa Andrea Zapata; e El perro de un torero, de Sandra Romero.

  • O FICBUEU abre a convocatoria de recepción de obras e presenta a súa 18ª edición.

    24/01/2025, Bueu. O Festival Internacional de Cinema de Bueu ten aberta a convocatoria de recepción de curtametraxes ata o 20 de abril. Como cada ano, o FICBUEU acollerá unha exquisita selección de obras chegadas de todo o mundo. Alén das proxeccións, o FICBUEU seguirá convidando ao público a participar en coloquios, encontros e actividades relacionadas […]

    2025-01-24
  • BUEU escolle a Mellor Curtametraxe Holandesa

    Bueu, 10/ 01/ 2025 – Shortcutz Amsterdam invita un ano máis ao público do FICBUEU a participar na elección da curtametraxe holandesa favorita do público. Shortcutz Amsterdam é un movemento internacional de curtametraxes que se converteu nunha das maiores plataformas dos Países Baixos para o cinema neerlandés. Esta plataforma brinda oportunidades de exhibición e conecta audiencias […]

    2025-01-10
  • O FICBUEU programa a súa primeira Noite de festivais en colaboración con outros certames internacionais

    Bueu, 20 de novembro de 2024 – O próximo 30 de novembro terá lugar no Centro Social de Bueu a primeira “Noite de festivais”. Un evento organizado polo FICBUEU baixo o seu programa de colaboracións internacionais no que achegarán ao público catro curtametraxes procedentes doutros catro certames.  As curtametraxes foron propostas polo Edimburgh Short Film […]

    2024-11-19
O teu carriño 0
Non hai produtos na cesta!
Continuar comprando
0
Ir o contido