Please ensure Javascript is enabled for purposes of website accessibility FICBUEU • Curtas do novo talento audiovisual galego e do cinema europeo más experimental cítanse no FICBUEU •

Novas do festival

← Volver

Curtas do novo talento audiovisual galego e do cinema europeo más experimental cítanse no FICBUEU

FICBUEU

- Catro películas documentais, tres delas realizadas por directoras, competirán na sección adicada ás producións galegas, «GZ_00»
- O Festival ofrecerá con «Descubertas» unha selección da produción máis vangardista con seis filmes chegados de Finlandia, Italia, Países Baixos, Alemaña, Suíza e Francia

26.08.24. BUEU. O FICBUEU converterase o próximo mes de setembro en punto de encontro e plataforma de presentación do talento audiovisual emerxente máis próximo e das producións máis recentes en formato curto xurdidas en Galicia. Farao con «GZ_00», unha sección que o Festival Internacional de Cinema de Bueu inclúe dende o ano pasado na súa programación e coa que busca achegar ao público o traballo de novas creadoras e novos creadores de curtametraxes dirixidas e/ou producidas na comunidade. A cita será o domingo 8, a partir das 18.30 horas, no Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu. Na sección «GZ_00» o público poderá ver na gran pantalla catro películas desta nova xeración de cineastas de Galicia, que competirán para lograr o premio ao mellor curto galego do certame. As propostas seleccionadas tocan temáticas variadas, pero todas pertencen ao xénero documental. 

Detrás dos títulos hai tres directoras e un director. Andrea Bouzo (Cambados, 1993) leva ao FICBUEU Kalabukú. A semente do cambio, que presenta a historia de catro mulleres de Oukout, en Senegal (kalabukú significa «as mulleres» en diola, a lingua local), que se reúnen cada domingo co seu grupo para autogestionar un sistema de microcréditos e organizar a colleita de arroz e que buscan un equilibrio entre a vida tradicional e a independencia económica. Coa mirada sempre posta no social e comprometida co xénero, Bouzo compaxina a súa faceta como realizadora de ficción, publicidade e documental coa de montadora. O seu último traballo é a montaxe da serie Marbella, dirixida por Dani da Torre para Movistar Plus+.

Queimar cando morra é obra de Inés Pintor, directora e guionista nada en Madrid en 1989 aínda que con orixes coruñesas. A curta é unha reflexión persoal sobre a familia, os recordos e a vida das mulleres nadas nos anos 30 a partir da morte da súa avoa Encarna e o achado nun armario dun paquete con obxectos, fotos e imaxes de súper 8 cunha nota que dicía: «Queimade á miña morte, padrenuestro e ao lume». Pintor traballou en series coma El Ministerio del Tempo e películas coma Blancanieves, de Pablo Berger, Combustión, de Daniel Calparsoro, ou Musarañas, producida por Álex de la Iglesia. Desde 2016 traballa na súa propia produtora, A breve historia, e en 2021 creou con Pablo Santidrián a serie El tiempo que te doy  para Netflix.

 

Historias da emigración

A coruñesa Anita Pico (A Coruña, 1996) estará en «GZ_00» con Segunda II, un retrato que descobre a vida de Segunda García, unha muller de 79 anos nada nunha aldea de Coristanco que desafía o seu propio nome protagonizando unha historia de superación excepcional. Pico, sobriña neta da protagonista da curtametraxe, a cuarta que realiza, é a fundadora da produtora Henfunk Studio. Traballou coma guionista en programas de TVE, BBC ou HBOMax España; acaba de dirixir a súa primeira serie dixital, a sitcom Pulp Air, e está a traballar na súa primeira longametraxe: Shido.

Hugo Amoedo (Redondela, 1987) completa a lista do emerxente talento cinematográfico galego que mostrará este ano o FICBUEU. Presentará pechar caixas abrir caixas, un documental autobiográfico rodado en súper 8 sobre o retorno que mestura dúas historias: a da mudanza do escritor Xavier Queipo, que regresa a Galicia despois de 30 anos asentado en Bruxelas, e a do propio autor, que non sabe como nin cando poderá volver á súa terra e, mentres tanto, insignia ao seu fillo para andar en bicicleta, dúbida, ten soños e ideas para películas e peléxase no portelo de correos. Amoedo, creador de varias curtas nas que adoita combinar elementos íntimos e políticos, o drama e a comedia, traballa tamén para a RTBF, a televisión belga francófona, como produtor audiovisual. Tamén traballa coma formador para as institucións europeas.

 

Estreas en España

A sección «Descubertas» proxectarase tamén o domingo 8 de setembro, desde as 21.00 horas. É unha aposta por proxectar algunhas das curtas máis vangardistas ou innovadoras de factura recente no mundo. Este ano, todos os filmes seleccionados son europeos e dous deles elixiron o FICBUEU para a súa estrea en España. Trátase de Scenic view, da artista visual e cineasta finlandesa Maija Blåfield, unha película experimental sobre a natureza que nos fala de como contemplamos unha paisaxe forestal, pero tamén de como contemplamos a realidade, e Intelligence, dos franceses Cosme Castro e Jeanne Frenkel. A curta, de corte fantástico, presenta a un home que traballa nun xornal e un día descobre nel a súa propia necrolóxica e que morrerá aos 45 anos.

 

Gran presenza da animación

As outras catro cintas exhibiranse por vez primeira en Galicia no marco do festival. Unha é Beautiful men, película de animación chegada de Países Baixos, obra de Nicolas Keppens sobre tres irmáns calvos que viaxan a Istambul para facerse un transplante de pelo e, atrapados nun hotel lonxe de casa, ven como as súas inseguridades crecen máis rápido que o seu cabelo. levou un premio no festival de Annecy. 

The waiting, do alemán Volker Schlecht, é outra multipremiada curtametraxe de animación sobre Karen Lips, unha bióloga que describe a súa investigación sobre varias especies de ras da selva tropical de América Central e a súa misteriosa desaparición coma se estivese ante un caso criminal. 

O tándem de realizadoras suízas Bianca Cadeiras e Kerstin Zemp asina Matta und matto, unha curta animada que imaxina un mundo onde o contacto físico está prohibido e só unha sorte de hotel ambulante satisfai a necesidade de acceder ao tacto, aínda que sexa de forma pouco convencional. A película percorreu xa festivais como Clermont-Ferrand, Melbourne, Sundance, SXSW e Buenos Aires, sendo o gañador no IndieLisboa e o Ann Arbor de Michigan (EE.UU.), un dos festivais de cinema independente e experimental máis importantes do mundo.

De Italia procede A Liña do Terminatore, de Gabriele Biasi. Esta cinta documental que foi nomeada en Venecia sobre a fuga de Fernanda González de Buenos Aires a Italia, mestura imaxes de arquivo de exploracións espaciais e vídeos familiares para contar a viaxe emocional da protagonista e a culpa que sente por deixar atrás aos seus seres queridos.

  • O Festival Internacional de Cinema de Bueu abre a convocatoria para unha nova edición da Residencia FICBUEU.

    Bueu. 15/04/2025 – O 15 de abril abre a convocatoria para a recepción de proxectos. A través desta convocatoria, seleccionaranse cinco curtametraxes que participarán neste programa formativo e que terá lugar do 15 ao 21 de outubro. Un ano máis, a Illa de Ons acollerá ás persoas seleccionadas na III Residencia FICBUEU ofrecéndolles un ambiente […]

    2025-04-23
  • O FICBUEU abre a convocatoria de recepción de obras e presenta a súa 18ª edición.

    24/01/2025, Bueu. O Festival Internacional de Cinema de Bueu ten aberta a convocatoria de recepción de curtametraxes ata o 20 de abril. Como cada ano, o FICBUEU acollerá unha exquisita selección de obras chegadas de todo o mundo. Alén das proxeccións, o FICBUEU seguirá convidando ao público a participar en coloquios, encontros e actividades relacionadas […]

    2025-01-24
  • BUEU escolle a Mellor Curtametraxe Holandesa

    Bueu, 10/ 01/ 2025 – Shortcutz Amsterdam invita un ano máis ao público do FICBUEU a participar na elección da curtametraxe holandesa favorita do público. Shortcutz Amsterdam é un movemento internacional de curtametraxes que se converteu nunha das maiores plataformas dos Países Baixos para o cinema neerlandés. Esta plataforma brinda oportunidades de exhibición e conecta audiencias […]

    2025-01-10
O teu carriño 0
Non hai produtos na cesta!
Continuar comprando
0
Ir o contido
FICBUEU
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.