Please ensure Javascript is enabled for purposes of website accessibility FICBUEU • O FICBUEU lembra as curtas documentais do holandés Joris Ivens, lenda do cinema con conciencia social •

Novas do festival

← Volver

O FICBUEU lembra as curtas documentais do holandés Joris Ivens, lenda do cinema con conciencia social

FICBUEU

I Poeta, activista, aventureiro e cronista de guerra, o Festival presentará mañá unha monografía sobre o realizador, que filmou máis de medio centenar de películas por todo o mundo durante os seus 60 anos de carreira

I O domingo achegará a súa filmografía ao público coa proxección de catro das súas curtametraxes máis icónicas na «Sección Retrospectiva»

BUEU. 15.09.2023. «Foi unha persoa inqueda, sempre de aquí para aló». A longa lista de países nos que filmou o cineasta Joris Ivens (Nimega, Países Baixos, 1898-París, 1989) supera a vintena, nos cinco continentes, e respalda as palabras de Severiano Casalderrey, programador do FICBUEU. O Festival Internacional de Cinema de Bueu dedica este ano a súa «Sección Retrospectiva» a este realizador holandés, un dos máis grandes documentalistas do cinema mundial de todos os tempos: unha lenda dun formato cinematográfico habitualmente excluído das salas de cinema e dos circuítos de distribución. 

Catro das curtas máis icónicas da  extensa filmografía de Joris Ivens proxectaranse na tarde do domingo (18.00 horas) no auditorio do Centro Social do Mar en Bueu. As entradas están dispoñibles na tenda online do FICBUEU. Tamén poderán mercarse no despacho de billetes do Centro Social do Mar dende unha hora antes das proxeccións.

 

Caderno FICBUEU

Mañá sábado (11.30 horas), Casalderrey presentará no Festival unha monografía sobre o director holandés, da que é autor e que leva por título A expansion do documental a través das curtametraxes de Joris Ivens (1898-1989). Será o cuarto dos Cadernos FICBUEU –tras os dedicados á Nouvelle Vague, a National Film Board of Canada (a maior produtora de carácter público do mundo) e á Escola Oficial de Cinematografía (o primeiro centro de estudios cinematográficos de España)– cos que o certame busca poñer en valor obras e cineastas que tiveron un importante papel na historia do cinema. A publicación achegará ao público a figura de Ivens, quen foi testemuña coa súa cámara dos máis importantes cambios sociais, crises, guerras e revolucións do século XX.

O Caderno está apoiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, que leva  colaborando coa iniciativa dende a súa primeira edición. 

O holandés filmou máis de medio centenar de películas nas súas seis décadas de carreira, dende a súa primeira curtametraxe, o western A frecha ardente, que fixo axudado polo seu pai cando só tiña 13 anos, ata a última, Unha historia de vento, sobre China, que filmou só un ano antes de morrer.

 

Mirada poética e tamén comprometida 

Caderno e películas van da man no FICBUEU co obxectivo de subliñar catro facetas clave do director holandés. A de cineasta poético, influenciado polas vangardas artísticas de principios de século, amosarase coa curta Regen (Chuvia), unha exploración abstracta dos efectos da chuvia nunha cidade coma Ámsterdam. A súa vertente activista (a conciencia social foi o motor permanente do seu traballo ata o final da súa vida: uns días antes da súa morte participou en París, aos 91 anos, nunha multitudinaria protesta contra as masacres da Praza de Tiananmen) reflictirase en Borinage, curta sobre as folgas mineiras en Bélxica. O seu espírito aventureiro representarase na terceira peza incluida na proxección, Indonesia Calling, coa que Ivens apoiou aos independentistas cando o país asiático era aínda unha colonia holandesa. E verase tamén a súa faceta de cronista de guerra, porque filmou case todas: a Guerra Civil Española (con Ernest Hemingway e Orson Welles), a Segunda Guerra Mundial, a Revolución Cubana ou a Guerra do Vietnam, escenario de Le ciel, la terre (O ceo, a terra), que pecha a proxección retrospectiva do Festival. «As súas películas son un retrato do pasado século arredor do mundo», resume Casalderrey.

 

Concerto de rap galego, máis curtas e a entrega de premios

A programación de mañá sábado no FICBUEU inclúe tamén o concerto do grupo de rap compostelán Malandrómeda (12.30 horas), as dúas últimas sesións de exhibición das curtametraxes que compiten na «Sección Oficial» e a entrega dos premios FICBUEU 2023. O palmarés desta 16ª edición se fará público nun acto que terá lugar no Centro Social do Mar de Bueu a partir das 23.00 horas.

  • ÁBRESE A CONVOCATORIA PARA ESCOLAS E FACULTADES NO FICBUEU 2025

    Bueu, 15 de maio de 2025 — O FICBUEU abre a convocatoria para a Sección Escolas da súa 18ª edición. Esta sección está dedicada ao traballo audiovisual desenvolvido en centros de ensino, facultades e escolas de formación, e conta cun espazo propio dentro do certame desde hai varios anos. A Sección Escolas conta con tres categorías […]

    2025-05-15
  • O Festival Internacional de Cinema de Bueu abre a convocatoria para unha nova edición da Residencia FICBUEU.

    Bueu. 15/04/2025 – O 15 de abril abre a convocatoria para a recepción de proxectos. A través desta convocatoria, seleccionaranse cinco curtametraxes que participarán neste programa formativo e que terá lugar do 15 ao 21 de outubro. Un ano máis, a Illa de Ons acollerá ás persoas seleccionadas na III Residencia FICBUEU ofrecéndolles un ambiente […]

    2025-04-23
  • O FICBUEU abre a convocatoria de recepción de obras e presenta a súa 18ª edición.

    24/01/2025, Bueu. O Festival Internacional de Cinema de Bueu ten aberta a convocatoria de recepción de curtametraxes ata o 20 de abril. Como cada ano, o FICBUEU acollerá unha exquisita selección de obras chegadas de todo o mundo. Alén das proxeccións, o FICBUEU seguirá convidando ao público a participar en coloquios, encontros e actividades relacionadas […]

    2025-01-24
O teu carriño 0
Non hai produtos na cesta!
Continuar comprando
0
Ir o contido
FICBUEU
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.