Dúas semanas de cinema e actividades conforman a programación do FICBUEU

O Festival Internacional de Cinema de Bueu, que se celebra do 11 ao 24 de setembro, presenta o cronograma da programación para a décimo quinta edición, marcado pola nova estrutura do festival que divide o mesmo en varios apartados diferenciados, estando a primeira semana reservada para a proxección das principais seccións competitivas, entre outras actividades.

Semana de curtametraxes

O evento dará comezo o domingo 11 ás 19 horas cun acto inaugural onde se estrearán as curtametraxes realizadas durante os meses anteriores coas asociacións Érguete de Vigo e Juan XXIII de Cangas, dentro dos obradoiros postos en marcha a través da Área Social FICBUEU. A entrada será de balde retirando a invitación no despacho de billetes.

No segundo día comezarán as primeras sesións de proxección, cunha programación que seguirá a mesma estrutura todos os días ata o venres 16, coa diferenza que neste último ás 17 horas exhibiranse as curtas da Sección Descubertas, mentres que no mesmo horario de martes a xoves visionaranse as pezas da Sección Retrospectiva, na que se poderá ver unha recompilación de traballos realizados no Instituto de Experiencias Cinematográficas e na Escola Oficial de Cinema.

Logo tocará a primeira queda da Sección Oficial, composta por unha selección das mellores curtametraxes internacionais, ás 19 horas. Tras isto chegarán os coloquios coas directoras e os directores dalgunhas das pezas proxectadas,  ás 20.30 horas, para logo ter unha segunda sesión da Sección Oficial ás 21 horas, coa que se pecharán as actividades durante esta primeira semana.

O sábado 17 haberá unha gran variedade de actividades que arrincarán coa presentación do Caderno FICBUEU#3, baseado na Sección Retrospectiva e titulado “As prácticas do Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas e a Escuela Oficial de Cinematografía como primordio dun novo cinema español (1947-76)”. Será ás 11 horas no Punto de Encontro e estará dirixida polo autor do monográfico, Severiano Casalderrey, con entrada de balde para o público xeral.

Ás 12 horas o equipo de Carne Cruda realizará un programa en directo adicado á contracultura e no que estarán presentes algunhas das persoas protagonistas da décimo quinta edición do festival.

Continuando coa programación vespertina, ás 17 horas será a quenda da Sección España. Logo desta primeira sesión será o coloquio coas e cos cineastas participantes neste apartado ás 18.30 horas. A partir das 19 horas dará comezo a Sección Galicia R, trala que tamén se poderá asistir ao correspondente coloquio coas e cos participantes ás 20.30 horas.

A penúltima actividade do sábado será a entrega de premios do FICBUEU 2022. Pechará a xornada e a primeira semana do festival o concerto de clausura ao cargo da artista Tulsa, que será na Praza Massó con acceso libre.



Segunda semana: MiniFIC 

Logo da primera semana terá lugar o MiniFIC, a programación especial para a rapazada e os centros de ensino. Contará cunha duración total de cinco días, dende o luns 19 ata o venres 23, e comezará coas proxeccións da Sección Escolas Internacionais ás 11 horas. Logo desta primeira sesión virá a quenda das proxeccións das curtas de Escolas de Imaxe e Son e Facultades Galegas á 13.00horas, coa súa correspondente entrega de premios programada para as 13.30 horas.

Do martes 20 ao xoves 22 serán as proxeccións das Seccións Cativa, Infantil e Xuvenil, de portas pechadas e reservadas unicamente para os centros de ensino e o alumnado.

O venres 23 será o día con maior número de actividades para o público máis novo e para as familias, comezando coa Gala Escolas Galegas ás 11.30 horas. Pola tarde celebrarase o Concerto MiniFIC ‘Consertasso na horta’, da man de Brais Das Hortas ás 17.00 horas, pechando o día a proxección da Sección Curtas en Familia ás 18.30 horas.

I Xornadas Cinematográficas: esculpindo o tempo

O festival porá o seu punto e final coa principal novidade desta edición, as xornadas cinematográficas, un espazo para a reflexión sobre a arte do cinema que se realizará o sábado día 24. A entrada será de balde, aínda que será preciso reservar praza.

A apertura da programación destas I Xornadas Cinematográficas: esculpindo o tempo correrá a cargo do cineasta e investigador José Manuel Mouriño, quen dará unha clase maxistral sobre o tratamento do tempo nos seus filmes ás 11.00 horas. Despois, ás 12.30 horas, as críticas de Caimán – Cuadernos de Cine Andrea Morán e Daniela Urzola terán unha conversa na que repasarán a obra dalgúns cineastas relevantes no tratamento do tempo.

Na sesión de tarde poderase asistir a unha mesa redonda en liña moderada pola docente Diana Ramahí na que participarán as cineastas e montadoras DianaToucedo, Ana Pfaff e Carolina Astudillo (17.00 horas), a un encontro con Oliver Laxe conducido polo xornalista Ángel Suanzes (19.00 horas) e a proxección de Zerkalo de Andrei Tarkovski (1975) ás 21.00 horas.

Actividades paralelas

De forma simultánea á celebración das actividades principais do festival tamén se levarán a cabo diversas iniciativas paralelas, como é o caso da gravación do podcast Espazo Negativo con Ariadna Cordal e Dani Cornes, que dedicarán dous programas aos contidos da décimo quinta edición do festival, facendo un repaso polas curtas das seccións Oficial e Galicia R. O podcast estará dispoñible en todas as canles de FICBUEU e de Espazo Negativo, incluíndo Ivoox, Spotify, Apple Podcasts, Anchor e demais plataformas.

Por outra banda, e como vén sendo habitual, o público poderá desfrutar da VII Ruta das Tapas 5 Estrelas, organizada en colaboración co Concello de Bueu e a Asociación de Empresas da Hostalaría de Bueu e que terá unha duración de nove días, dende o venres 9 ata o domingo 18.

Do mesmo xeito, entre o 11 e o 18 de setembro tamén se poderá asistir ao V Mercado da Curtametraxe no Musseo Massó, no que profesionais da industria audiovisual terán a posibilidade de visionar todas as curtametraxes inscritas na actual edición do FICBUEU.

O mercado terá un horario continuado entre as 10:00 horas e as 20:00 horas, agás o luns, e para acceder deberá solicitarse unha acreditación a través do correo electrónico info@ficbueu.com.

Toda a información pódese consultar nesta páxina web e nas redes sociais do festival, onde se irán anunciando as novidades, como as curtametraxes seleccionadas para esta edición, comezando polas Seccións Competitivas a partir do 9 de agosto, ou a venda de entradas, que estará dispoñible nas vindeiras semanas.

Comparte o teu aprecio
Ir o contido
FICBUEU
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.