ENCONTROS CINEASTAS DE GALICIA E INTERNACIONAIS -
DO SÁBADO 7 AO VENRES 13
CENTRO SOCIAL DO MAR / PUNTO DE ENCONTRO

As espectadoras e espectadores terán a oportunidade de atoparse en distintos espazos con recoñecidos profesionais do eido cinematográfico, tanto galegos coma internacionais. Un contacto directo que lles permitirá intercambiar impresións, coa colaboración de traductores cando sexa necesario.

Encontro con Luis Zahera. Sábado 7 – 18:00h. Centro Social do Mar.

O Encontro con Luis Zahera desenvolverase a xeito de entrevista, conducida pola xornalista Pilar García Rego, na que o público está convidado a participar. A conversa, tras a que o actor recollerá o Premio Cinema Galego 2019, completarase coa proxección das curtametraxes O Matachín e Marina e mais un capítulo da webserie Entre pipas. Luis Zahera entrou nos nosos fogares a finais dos 90 como o mítico taberneiro “Petróleo” de Mareas vivas e a día de hoxe conta cun amplo percorrido en televisión, teatro e cine, onde este ano foi recoñecido co Goya ao mellor papel de reparto pola súa intervención en El reino.

Achegándonos, un café con Proxecta. Sábado 7 – 10:30h. Punto de Encontro.

Representantes dos festivais integrados en Proxecta, Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, participarán neste foro aberto que xirará arredor do papel do voluntariado neste tipo de certames. A mesa redonda permitirá ademais reflexionar de xeito transversal arredor dos desafíos que enfrontan as entidades organizadoras á hora de xestionar o persoal. Ao tempo, o público poderá compartir con membros da dirección, do equipo e do voluntariado dos festivais  un café cortesía de Cafés Candelas.

Achegándonos, un café con CREA. Domingo 8 – 10:30h. Punto de Encontro.

Un ano máis contaremos coa participación da Asociación de Profesionais da Dirección e Realización de Galicia (CREA), desta volta para conversar sobre as súas experiencias nos festivais de cinema, tanto do ámbito estatal como internacional. Arredor dun café, xentileza de Cafés Candelas, as e os cineastas compartirán coas persoas asistentes as impresións propias sobre este tipo de eventos, se lle tiran proveito ou se, pola contra, a presenza neles supón un esforzo poucas veces recompensado.

Coloquios da Sección Galicia R. Sábado 7 – 21:30h. Punto de Encontro.

Directoras, produtores e intérpretes das curtas da Sección Galicia R estarán presentes na proxección das 20:30 horas no Centro Social do Mar para dar paso aos seus traballos, mentres que, ao remate, participarán nun coloquio co público no Punto de Encontro.

Coloquios da Sección Internacional. Luns 9 / Martes 10 / Mércores 11 / Xoves 12 / Venres 13 – 21:15h. Punto de Encontro.

Cineastas de distintos países presentarán os seus filmes nos dous pases diarios da Sección Internacional, que terán lugar de luns a venres no Centro Social do Mar ás 19:45 e ás 22 horas. Ao remate da primeira sesión, as e os convidados trasladaranse ao Punto de Encontro para debater co público do festival.