Please ensure Javascript is enabled for purposes of website accessibility O FICBUEU 2023 presenta 89 curtametraxes de 30 países %

Novas do festival

← Volver

O FICBUEU regresa en setembro con 89 curtametraxes de preto de 30 países

FICBUEU

O certame consolídase na súa 16ª edición como «unha xanela dende a que coñecer o novo cinema internacional de autor sen esquecer a nosa propia identidade». A retrospectiva deste ano está dedicada ao director neerlandés de documentais Joris Ivens.

 

10.08.2023. Volve o FICBUEU. Durante a décimo sexta edición, que dende o a vila buenense amosa cada ano as novas tendencias de creación cinematográfica e de cinema de autor, proxectaranse 70 curtametraxes dunha trintena de países dos cinco continentes. Será do 8 ao 23 de setembro. Un total de 28 curtas participan na sección oficial do Festival. Poderán verse entre os días 11 e o 16 de setembro no Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu. As curtas a competición presentaranse en dúas sesións de proxeccións que terán lugar ás 19.30 e ás 21.30 horas e haberá un coloquio con cineastas en cada sesión.O compromiso social con colectivos en risco de exclusión, o fomento de valores como o respecto e a igualdade, e o apego ao territorio, a Bueu, volverán ser elementos diferenciais do FICBUEU.

O cartaz da 16ª edición do Festival foi deseñado pola ilustradora Natalia Umpiérrez. Artista multidisciplinar que completou a súa formación en ilustración e animación na Universidade de Vigo, Umpiérrez participa ademais en colectivos vencellados á difusión da cultura coma o Liceo Mutante da cidade do Lérez. É coautora de obras infantís coma Cando Ana adoptou a Perico e Imaxinar animais imaxinarios.

De China a Mongolia pasando por Somalia ou Islandia
As películas a concurso están producidas ou co-producidas en 21 países dos 5 continentes. Moitas delas foron premiadas nos últimos meses nos festivais máis importantes do mundo. É o caso do documental Will you look at me?, do realizador chinés Shuli Huang, galardonado en Cannes, Sundance e Melbourne; da cinta Snow in September, da directora Lkhagvadulam Purev-Ochir, de Mongolia, que se fixo co premio á mellor curta en Venecia e Toronto, ou da curta de animación The Flying Sailor, das canadenses Wendy Tilby e Amanda Forbis, tamén distinguida en Sundance. O FICBUEU amosará tamén outras «xoias» do cinema en formato curto chegadas de lugares tan suxestivos como a India, Somalia, Islandia, Costa Rica, México ou Australia.

Galicia amosa o seu cinema
E non faltará a representación galega. O FICBUEU elixiu este ano catro curtas producidas ou dirixidas na comunidade –Ulises, de Félix Brixel; o documental Ruovesi, de Andrea Zapata-Girau; Alicia fai cousas, de Ángel Santos; e Sandwich Cat, curta de animación de David Fidalgo– para competir na sección oficial.

A programación inclúe ademais media ducia de curtametraxes de novos creadores e novas creadoras de Galicia no espazo denominado «GZ_00», que poderán verse o domingo 10 xunto aos traballos seleccionados para as seccións de «Escolas Internacionais» e «Descubertas». «Somos unha xanela dende a que coñecer o novo cinema internacional de autor sen esquecer a nosa propia identidade», afirman dende a organización do certame.

O Premio Cinema Galego FICBUEU será este ano para a actriz coruñesa Luisa Merelas. Recíbeo «pola súa importante traxectoria na televisión, no teatro e no cinema e polo seu compromiso coas producións e a cultura galegas», apunta a organización. Merelas participou en series como Pratos Combinados, Mareas Vivas ou Fariña e películas como Los lunes al sol ou As bestas.

Actividades en paralelo
O FICBUEU ten entre os seus obxectivos a divulgación da cultura, especialmente da cinematográfica. De aí que o programa do Festival estea tamén cimentado sobre actividades comoa «II Xornadas Cinematográficas». Ou a sesión «Retrospectiva», dedicada nesta edición ao cineasta neerlandés Joris Ivens (1898-1989). O director, coñecido pola súa contribución ao cinema documental dende o campo das curtametraxes, foi testemuño directa dos principais eventos históricos do século XX, desde a guerra de Vietnam e as revoltas en Indochina ata as manifestacións en Bélxica. A Joris Ivens dedícaselle este ano o Caderno FICBUEU#4. O seu autor, Severiano Casalderrey, estará en Bueu para presentar a publicación.

As futuras xeracións de espectadores de cinema seguen a ser de vital importancia para o festival. O MiniFIC, a programación dirixida á rapazada, regresará no tramo final do certame. Haberá actividades especiais para a infancia e proxeccións para alumnos e alumnas de centros de ensino do luns 18 ao venres 22.

Residencia coa guionista Isabel Peña e pódcast en directo
O programa complétase cunha importante novidade: a «I Residencia FICBUEU», que se presentará o luns 11. Trátase dunha aposta do festival pola formación, o diálogo e o traballo en equipo a través dun programa de creación baseado no fornecemento de proxectos de guión con profesionais para impulsar as curtametraxes de novos autores e novas autoras. A residencia terá lugar na Illa de Ons do 9 ao 15 de outubro e estará titorizada por Isabel Peña, guionista de filmes como As bestas ou El reino.

O FICBUEU volve apostar pola radio coma medio de difusión cultural. Cinco pódcast especializados en cinema visitarán o festival para realizar os seus programas en vivo e con público. Dende Bueu para o mundo. Abrirá «Café Derby 21», ao que lle seguirán «Kinótico», «El Cine de LQYTD», «Cine Divergente» e «Saltos de Eje». Os pódcast realizaranse en directo ás 18.00 horas no Punto de Encontro do festival e a entrada será gratuíta ata completar aforo.

O FICBUEU é un do festivais de cinema de maior impacto en Galicia. A súa aposta polo cinema de autor, pola vinculación con Bueu e O Morrazo, ou polo apoio a valores coma os da igualdade, a integración e a solidariedade, convérteno nun certame diferente marcado polo seu compromiso co cinema, coa cultura e coa persoas.

  • ÁBRESE A CONVOCATORIA PARA ESCOLAS E FACULTADES NO FICBUEU 2025

    Bueu, 15 de maio de 2025 — O FICBUEU abre a convocatoria para a Sección Escolas da súa 18ª edición. Esta sección está dedicada ao traballo audiovisual desenvolvido en centros de ensino, facultades e escolas de formación, e conta cun espazo propio dentro do certame desde hai varios anos. A Sección Escolas conta con tres categorías […]

    2025-05-15
  • O Festival Internacional de Cinema de Bueu abre a convocatoria para unha nova edición da Residencia FICBUEU.

    Bueu. 15/04/2025 – O 15 de abril abre a convocatoria para a recepción de proxectos. A través desta convocatoria, seleccionaranse cinco curtametraxes que participarán neste programa formativo e que terá lugar do 15 ao 21 de outubro. Un ano máis, a Illa de Ons acollerá ás persoas seleccionadas na III Residencia FICBUEU ofrecéndolles un ambiente […]

    2025-04-23
  • O FICBUEU abre a convocatoria de recepción de obras e presenta a súa 18ª edición.

    24/01/2025, Bueu. O Festival Internacional de Cinema de Bueu ten aberta a convocatoria de recepción de curtametraxes ata o 20 de abril. Como cada ano, o FICBUEU acollerá unha exquisita selección de obras chegadas de todo o mundo. Alén das proxeccións, o FICBUEU seguirá convidando ao público a participar en coloquios, encontros e actividades relacionadas […]

    2025-01-24
O teu carriño 0
Non hai produtos na cesta!
Continuar comprando
0
Ir o contido
FICBUEU
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.