O FICBUEU volverá proxectar unha sesión de curtas en Ambienta, a Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ de Pontevedra

Un ano máis o FICBUEU será o encargado da sección ‘Ambienta en curta’.

A proxección terá lugar o 1 de xullo na Praza da Pedreira de Pontevedra.

O Festival Internacional de Cinema de Bueu achegará de novo o formato curto a Ambienta, a Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ de Pontevedra. Será na sección ‘Ambienta en curta’, na que se poderán ver cinco pezas que amosarán as distintas realidades dos colectivos e que contribuirán á difusión do cinema pola diversidade, obxectivo principal do evento.

A sesión celebrarase na última xornada da mostra, o venres 1 de xullo ás 22:30 horas nun espazo ao aire libre como é a Praza da Pedreira de Pontevedra. Previamente haberá un acto de clausura con música relacionada co cinema a cargo de Palito Dj. A entrada será de balde ata completar o aforo dispoñible.

A programación contará con títulos coñecidos para o público do FICBUEU, xa que dúas das obras que se poderán ver neste ‘Ambienta en curta’ como son “Dustin”, de Naïlla Guiguet, e “Son of Sodom”, de Theo Montoya, participaron na Sección Internacional do 2021, levándose “Dustin” os premios á Mellor Música e a Mellor Son. Os outros títulos que serán proxectados son “Ensom Cowgirl”, de Gina Kippenbroeck, “Victoria”, de Daniel Toledo e “Marlon Brando”, de Vicent Tilanus.

Unha imaxe do título ‘Dustin‘.

Aínda que o FICBUEU será o encargado de poñer o broche final á Ambienta deste ano o vindeiro 1 de xullo, os diferentes actos da mostra comezarán o 27 de xuño. Deste xeito, a presente edición contará con outras tres seccións de proxeccións.

Por unha banda ‘Ambienta Actual’, unha selección na que se mergulla na sociedade contemporánea e o rumbo da mesma a través das proxeccións dos títulos “A primeira morte de Joana”, de Cristiane Oliveira, e “ÉTÉ 85”, de François Ozon, organizada por Avante LGBT+

Por outra, estará a sección ‘Ambienta Doc’, unha proposta realizada coa participación da Cinemateca Pedro Zerolo e que achega filmes documentais que exploran as distintas vías de representación do colectivo, como pode ser a obra de Borja Lynch “Triángulos rosas”.

Por último, tamén haberá unha mirada ao pasado coa ‘Ambienta Clásica’, na que se recuperan títulos importantes que axudan a descubrir a presenza do colectivo na historia do cinema, como pode ser “Tokyo Godfathers” de Satoshi Kon e Shôgo Furuya, e que estará organizada polo Cineclube de Pontevedra.

Ademais das diferentes sesións, a programación da mostra tamén inclúe a presentación dun videoclip realizado por Laura Cadenas Amandi, Enzo Sarmiento e Éric Dopazo, un encontro coa actriz, política e activista trans Carla Antonelli, que tamén presentará o documental “Triángulos rosas”, e un acto musical de clausura a cargo de Palito Dj.

Será o segundo ano que o Concello de Pontevedra leve a cabo a mostra baixo o nome Ambienta, que dende os inicios contou co FICBUEU como unha das súas entidades colaboradoras. Toda a programación do evento poderase consultar na páxina web de Ambienta.gal.

Comparte o teu aprecio
Ir o contido
FICBUEU
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.