O cartel da XVII edición do FICBUEU suma 15 estreas internacionais e unha completa programación de actividades

O festival arrincará o vindeiro venres coa proxección dos curtos da Asociación FICBUEU, a creación dunha alfombra floral e o concerto do grupo indie Sr. Chinarro

30.08.24. BUEU. A piques de cumprir a maioría de idade (este ano chega á súa décimo séptima edición), o Festival Internacional de Cinema de Bueu, o FICBUEU, preparou un completo programa que inclúe a estrea en España de 15 curtametraxes realizadas por directoras e directores de Canadá, Italia, Suíza, Lituania, Estonia, Líbano, República Checa, Francia, Estados Unidos, Países Baixos, Reino Unido ou Finlandia. Dúas das curtas poderanse ver o domingo 8 de setembro na sección «Descubertas», que reúne media ducia de películas innovadoras e de vangarda. O resto forman parte do cartel da «Sección Oficial», que se desenvolverá en seis bloques de películas entre o luns 9 e o sábado 14. 

O certame comeza o vindeiro venres 6 coa proxección na pantalla do Centro Social do Mar de Bueu de Millonetis, a curta realizada en colaboración coa Fundación Igualarte no marco dos obradoiros da Área Social da Asociación FICBUEU (20.00 horas) e coa elaboración no exterior da alfombra floral da man da Asociación Cunchas e Flores. Despois será a quenda do concerto do grupo indie sevillano Sr. Chinarro (21.30 horas). Todas estas actividades son gratuítas e só será necesario retirar as invitacións -no despacho de billetes en liña ou no despacho de billetes- para asistir ás estreas dos curtos da Asociación FICBUEU.  

A nova edición do certame bueuense foi presentada publicamente hoxe no centro de Bueu coa participación da concelleira de Cultura de BueuCarmen García; o presidente de Deputación de PontevedraLuis López; o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, e máis as directoras e o director do FICBUEU: Nerea Lores, María Ruiz-Falcó e Manuel Pena. Tamén estiveron presentes o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e mailo deputado provincial de Cultura, Jorge Cubela.

A concelleira Carmen García felicitou á dirección e o equipo do FICBUEU, un festival que, lembrou, «conta co respaldo da veciñanza, incluído o tecido asociativo da vila». Dende a Deputacíon, Luis López lembrou que o organismo provincial incrementou este ano o seu apoio aos festivais da provincia. E destacou a importancia e interese do FICBUEU. O director da AGADIC, Jacobo Sutil, referiuse á calidade da programación do Festival e tamén á súa implantación no territorio e o apoio social. Lembrou, ademais, que dada a importancia que ten «o ecosistema estratéxico de festivais» de Galicia, a Xunta tamén incrementou neste ano «en máis dun 30%» o seu apoio para este tipo de actividades.

Encontro de altura

O FICBUEU adica este ano as súas Xornadas Cinematográficas. É un dos puntos de interese da programación deste ano, tal e como explicou durante a presentación Manuel Pena, co-director do FICBUEU, Analizarase, durante as Xornada, o impacto no cinema, en diferentes momentos da historia, das correntes políticas do momento. 

O programa deste ano inclúe tamén un encontro a tres bandas: o director Rodrigo Cortés (Buried, Red lights ou a aínda por estrear Escape), o novelista Juan Gómez-Jurado (creador da triloxía Reina Roja e do seu protagonista, Antonia Scott) e o guionista, humorista e comunicador Arturo González-Campos charlarán o domingo 8 (12.00 horas) co público sobre a pegada do cambio que supuxo a chegada do son ao cinema. Os tres forman parte dos coñecidos pódcast ´Todopoderosos» e «Aquí hai dragones». Pola tarde, terán un encontro co público nunha firma de libros. 

Un día antes, o sábado 7, desenvolveranse as III Xornadas Cinematográficas.Este espazo de reflexión, que este ano abordará a relación de cinema e política, contará coa masterclass do profesor de Filosofía Política Camil Ungureanu, unha conversación entre as críticas e programadoras Belit Lago e Daniela Urzola, unha mesa redonda en liña con membros do podcast «La escóbula de la Brújula» e un encontro co director Jaime Rosales (Petra, Girasoles silvestres). Ademais, proxectarase a película The Conversation, realizada en 1974 por Francis Ford Coppola e protagonizada por Gene Hackman e John Cazale.

A canteira fórmase en Ons

Residencia FICBUEU é un claro exemplo do apego ao territorio por parte do festival. Na súa segunda edición, elixiu a catro realizadoras e realizadores de entre 25 e 28 anos para que poidan desenvolver os seus novos proxectos. Un equipo de expertas liderados pola directora e guionista Estibaliz Urresola (a súa ópera prima, 20.000 especies de abellas, proxectada durante a pasada edición do FICBUEU, fíxose con tres Goya) formaraos e asesorará durante unha semana (do 16 ao 23 de outubro) na Illa de Ons. Participan a arxentina Camila Mailén Bóveda, as catalás Ana Calderón e Anna Llargués e o lucense Miguel Casaseca. Unha das catro curtametraxes, ademais, recibirá apoio para a súa produción. O ano pasado o proxecto gañador foi Sismes, de Jordi Sanz. Recibiu un premio de 15.000 euros e foi producido pola produtora galega Nortecatro Cinema e a catalá Shoji Films.

Comparte o teu aprecio
Ir o contido
FICBUEU
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.