Filmes de case unha trintena de países na 19ª edición do FICBUEU

Bueu, 28/08/2026 – O Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU) presentará a súa 19ª edición nunha rolda de prensa o vindeiro 1 de setembro no Museo Massó.

O festival reunirá filmes de máis case unha trintena de países nunha programación que se abrirá na xornada de inauguración o venres 4 de setembro. 

Antes de dar paso á competición, o festival celebrará a súa apertura cunha das obras fundamentais da historia do cinema, a curtametraxe de ciencia ficción La Jetée (1962), de Chris Marker. A música tamén estará presente nesta xornada con Chus Pazos Ensemble. O batería Chus Pazos, cunha traxectoria de máis de vinte anos na escena do jazz galego, presentarase en formato trío acompañado por Álex Touceda ao contrabaixo e Dani Font á guitarra, músico cunha ampla trayectoria internacional que actualmente reside en Montreal (Canadá). A formación ofrecerá un repertorio no que as composicións orixinais convivirán con grandes estándares do jazz americano.

Na selección de filmes que podrán verse a partir do domingo 6, inclúese un percorrido internacional por cinematografías de Europa, Asia, América e Oceanía, que reúne algunhas das propostas máis estimulantes do cinema contemporáneo en formato curto.

Sección Oficial

A Sección Oficial reunirá 28 curtametraxes distribuídas en seis programas, que se proxectarán entre o luns 7 e o sábado 12 de setembro, con dúas sesións diarias ás 19.00 e ás 21.30 horas. A competición ofrece unha ampla panorámica do cinema internacional actual, con obras procedentes de países como Portugal, Francia, Cuba, Estados Unidos, Mongolia, Australia, Ucraína, China, Canadá, Armenia, Lituania ou Reino Unido, ademais dunha destacada presenza española e galega.


A selección atravesa temas e formas moi diversas: os conflitos familiares e os coidados, a guerra e o desprazamento, a identidade, a memoria, a vellez, a precariedade, as expectativas económicas ou a procura dun lugar propio. Faino ademais desde ficcións, documentais e propostas de animación que amosan a diversidade formal e narrativa do formato curto contemporáneo.

O cinema galego estará representado por tres obras. Ángel Suanzes competirá con Escala un cincuenta mil, ambientada en xullo de 1974 e centrada nunha muller cuxa transformación persoal transcorre en paralelo aos cambios políticos que se achegan en España; David Fidalgo presentará Lucus, unha peza de animación situada no apoxeo do Imperio Romano na que unha nena de Lucus Augusti ten visións sobre a futura destrución do seu fogar; e Bea Lema participará con El cuerpo de Cristo, un relato bordado en animación que se aproxima ao sufrimento psíquico desde «o brando e o belo».


A dimensión internacional desta sección permite, ao mesmo tempo, achegarse a realidades afastadas a través de historias profundamente persoais. En Unavailable, de Kyrylo Zemlyanyi, un mozo ucraíno perde o contacto coa súa nai, atrapada nun territorio ocupado; mentres que Winter in March, de Natalia Mirzoyan, acompaña unha parella rusa que abandona o seu fogar empurrada pola impotencia e a tristeza provocadas pola guerra.


A memoria e a pertenza atravesan tamén boa parte da selección. A canadense Paradaïz, de Matea Radic, combina animación absurdista, arquivo e recordos da infancia da súa autora en Saraievo para preguntarse polo significado do fogar; mentres que Hasta mañana si Dios quiere, de Alejandro Egido, regresa a unha pequena aldea castelá para establecer un paralelismo entre a fraxilidade da vida dos seus habitantes e a dun lugar próximo a desaparecer.


Outras obras colocan o foco sobre algunhas das tensións do presente. Correct Me If I’m Wrong, de Hao Zhou, aborda desde o documental o conflito entre identidade queer, familia e tradición no suroeste de China; e +10K, de Gala Hernández López, segue a un mozo de 21 anos que soña con vivir en Miami e gañar 10.000 euros ao mes mentres consume discursos de desenvolvemento persoal, segue coachs en internet e inviste en criptomoedas.

Descubertas

A Sección Descubertas é o espazo no que o FICBUEU concentra algunhas das propostas máis arriscadas e innovadoras da programación. Catro coproducións procedentes de Croacia, Chile, Estados Unidos, Francia, Bélxica, Brasil e Suíza compoñen unha selección atravesada pola experimentación e as posibilidades de novas linguaxes cinematográficas.

Forman parte Opera, de Igor Zelić, un filme experimental que transforma unha única fonte de luz para cuestionar a percepción e a capacidade da imaxe para ocultar a realidade; Merrimundi, de Niles Atallah, que imaxina unha utopía retorcida creada por unha máquina sentinte do futuro; Tamashi, de Ashima Shiraishi e Jess X. Snow, onde a danza e a escalada se converten nunha linguaxe para abordar a relación entre un pai e unha filla e transformar os traumas do pasado; e O Rio de Janeiro continua lindo, de Felipe Casanova, que converte o Carnaval de Río nun territorio suspendido entre a memoria persoal e a resistencia política.

GZ_00

A competición GZ_00 reafírmase un ano máis como unha das grandes fiestras para descubrir o cinema galego contemporáneo. Forman parte da competición Moon Safari, de Hugo Amoedo Canal; Furada Negra, de Berio Molina; BROOM BROOM FOLLAR, de SOHU; A voz de todas as cousas, de Daniel Pérez Silva; e A través, de Juan Lorenzo Loureiro, na súa estrea mundial. 

Cinco propostas que comparten unha mirada profundamente persoal sobre o mundo: a memoria íntima dun reencontro inesperado, a exploración do territorio e da lembranza, a reapropiación dunha lenda urbana viguesa desde a cultura pop, unha viaxe sensorial a través dos sons da cidade ou a delicadeza dos encontros marcados polo tempo e pola paisaxe.

A calidade da selección reflíctese tamén no seu percorrido por algúns dos principais festivais nacionais e internacionais, consolidando a GZ_00 como unha sección que mantén a súa aposta por aquelas obras que exploran novas formas de creación audiovisual e contribúen a ampliar os límites do cinema contemporáneo.


O FICBUEU volve facer do formato curto un punto de encontro entre cinematografías, xeracións e maneiras moi diferentes de mirar o mundo. Unha programación que combina a descuberta das novas voces do cinema e reivindica a capacidade da curtametraxe para experimentar, arriscar e ampliar os límites da linguaxe cinematográfica.

Agardámosvos a partir do venres 4 de setembro para esta nova edición!

Comparte o teu aprecio
Ir o contido
FICBUEU
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.