FILMIN acollerá algunhas das mellores curtametraxes internacionais que pasaron polas últimas edicións do FICBUEU

Bueu, 21/08/2026 – O Festival Internacional de Cinema de Bueu contará cunha canle propia en FILMIN, no marco da programación especial que a plataforma dedica aos festivais de cinema.

Para esta ocasión, o FICBUEU seleccionou oito curtametraxes internacionais que pasaron por distintas edicións do festival nos últimos anos. A selección ofrece unha mostra representativa da identidade e da liña de programación do FICBUEU, reunindo obras que dan conta da diversidade e calidade da creación cinematográfica internacional en formato curto.

A colaboración con FILMIN, plataforma de streaming especializada en cine e series e referente en España e Portugal, supón unha nova oportunidade para dar visibilidade ao traballo de programación e curadoría desenvolvido polo FICBUEU e a súa aposta polo cinema en formato curto. Ao mesmo tempo, permite achegar esta selección a un público máis amplo, tanto nacional como internacional, e continuar ampliando a comunidade do festival máis alá do evento.

A canle estará activa entre o 24 de agosto e o 13 de setembro e nela poderanse ver as seguintes obras:

CAMPOLIVAR, Alicia Moncholí / 2024 / España

Realidade e imaxinación mestúranse nun descenso á infancia da directora durante o regreso ao último espazo onde estivo co seu pai, a casa de Campolivar.

DOMINGO FAMILIAR, Gerardo del Razo / 2025 / México

Nunha unidade habitacional da Cidade de México, unha parella de criminais tenta extorsionar aos comerciantes locais, pero os veciños, fartos dos abusos, únense para detelos.

ESTE NO ES TIEMPO PARA CARNAVAL, Tadeo Pestaña Caro e Kevin Havas / 2025 / Arxentina

Joaco percorre os barrios de Salta na súa motocicleta vendendo películas piratas. Nas vésperas do Entroido, coñece a Martina, a filla dun dos seus clientes, e atópase atrapado na investigación dunha serie de roubos que axexan aos repartidores do centro da cidade.

HELLO STRANGER, Amélie Hardy / 2024 / Canadá

Entre coada e coada na lavandería da esquina, Cooper comparte a tumultuosa historia do seu cambio de xénero.

IF YOU ARE HAPPY, Phoebe Arnstein / 2023 / Reino Unido

Unha muller loita contra as presións da maternidade e utiliza un xogo infantil nun grupo local de nais para desafogar a súa rabia, desencadeando unha inesperada reacción en cadea.

ROSE, Annika Mayer / 2024 / Alemaña

Unha curtametraxe sobre a invisibilidade da violencia doméstica. Mentres ve películas en Super8 sobre a súa aparentemente idílica vida familiar na Alemaña dos anos 60, a avoa da directora, Rose, describe a realidade de vivir cun marido violento.

SAAB, Liisbeth Kala / 2023 / Estonia

Saab investiga a estética do aburrimento e os estados de lentitude no contexto da poética cotiá. Que se sente ao capturar sentimentos e estados de ánimo nunha cámara? Que ocorre cando se di tan pouco e se sente tanto?

THE EGGREGORES’ THEORY, Andrea Gatopoulos / 2024 / Italia

Non lembra moito daquela época. As cousas foron esvaecéndose, como a cor dun cadro despois de recibir demasiada luz. O único que o molesta é esta música. Segue aparecendo… Cre ter esquecido xa o que significaba. O único que sabe con certeza é que non pode sacala da cabeza.

Comparte o teu aprecio
Ir o contido
FICBUEU
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.