Please ensure Javascript is enabled for purposes of website accessibility Homenaxe Jonas Mekas

Novas do festival

← Volver

O FICBUEU súmase á homenaxe mundial do Pompidou de París a Jonas Mekas, pai do cinema de vangarda estadounidense

FICBUEU

O Festival realizará mañá unha lectura do seu poema “A Requiem for the XXth Century”, elixido polo seu fillo, e dedicará ao artista lituano o seu quinto Caderno e a súa «Retrospectiva», que celebra a súa traxectoria a través de nove das súas películas.

13.09.24. BUEU. Este domingo 15 é o Día da Poesía creado polo Centro Nacional de Arte e Cultura Georges Pompidou de París. O poeta e director de orixe lituana Jonas Mekas (1922-2019) será o homenaxeado este ano. Mekas está considerado o fundador do cinema de vangarda e experimental estadounidense. O FICBUEU súmase a un evento no que tamén participan unha trintena de institucións artísticas e culturais de cidades de todo o mundo: dende a capital francesa ata Nova York ou Los Ángeles pasando por Vilna, Londres, Oporto, Milán, Estocolmo, Seúl, Toquio ou Teherán. En España, só o Festival Internacional de Cinema de Bueu está nesa lista. De feito, o FICBUEU será o primeiro en sumarse á homenaxe internacional, mañá sábado, co seu particular tributo a este creador pioneiro e gardián do cinema libre e independente que inspirou a mestres como Martin Scorsese ou Jim Jarmusch.

Cine e literatura

Ademais de ser o fío condutor nesta edición do estilo visual do festival, o FICBUEU adica a Jonas Mekas a súa sección «Retrospectiva» co obxectivo de achegar ao seu público a súa figura e a súa obra, onde o seu cinema se fai literatura e coa que ofrece unha reflexión sobre a natureza da existencia e da condición humana. As 9 curtametraxes seleccionadas entre a súa filmografía proxectaranse mañá, ás 17.00 horas. Pero antes, sumándose ao Día da Poesía organizado polo Pompidou, realizarase unha lectura dun dos poemas favoritos do poeta e cineasta, A Requiem for the XXth Century. Foi elixido polo seu fillo, Sebastian Mekas, e traducido do inglés ao galego por Adrián Estévez. El será o encargado de lelo ante o público.

Viaxe visual por cinco décadas

Xusto despois comezará a proxección, unha viaxe visual pola obra fílmica de Mekas, entre 1966 e 2011, dende as súas primeiras películas ata as últimas, nas que se combinan momentos cotiás e significativos da vida dende unha perspectiva moi próxima á poesía e ao documental, onde se amosa a relación do artista coa súa entorna e o seu inconformismo. Entre as curtas de Mekas que exhibirá o festival están a emblemática Cassis (1966), que desafía as convencións narrativas ao capturar a vida cotiá nunha secuencia ininterrompida de imaxes, e Mozart Wien&Elvis (2000), con tomas da última actuación de Elvis Presley en Nova York, en 1972, precedidas por outras de Viena que gravou anos antes. Ademais, proxectaranse Notes of the Circus, Hare Krishna e Report from Millbrook (as tres de 1966), Travel songs (unha rodaxe itinerante por Europa entre 1967 e 1981), Quartet #1 (1981), Imperfect Three-Image Films(1995) e Song of Avignon (1998).

A homenaxe complétase co Caderno FICBUEU #5, que aborda a figura do cineasta a través dunha revisión crítica da súa traxectoria e centrándose nas curtas elixidas para a súa retrospectiva. O libro presentarase mañá, ás 11.00 horas, e no acto estará a súa autora, a investigadora, docente e fotógrafa musical Nieves Febrer. A Secretaría Xeral de Política Lingüística apoiou, un ano máis, a publicación do Caderno FICBUEU, traducido tamén do castelán ao galego por Adrián Estévez.

Mekas, figura cultural e artística clave

Jonas Mekas comezou a explorar a vangarda cinematográfica coa súa cámara de 16mm en 1949, tras chegar dende Lituania a Nova York e logo de ter pasado 10 anos preso nun campo de concentración nazi. Co tempo, acabou desempeñando un papel fundamental no movemento do New American Cinema entre as décadas dos anos 60 e 70 e foi seguido e admirado por outras grandes voces da revolución cultural da época como Jean-Paul Sartre, Andy Warhol, Allen Ginsberg ou Susan Sontag.

Protector infatigable dos cineastas independentes, Mekas avogou sempre pola liberdade de expresión artística cofundando a Film Makers Cooperative, loitando contra a censura e dirixindo a súa mirada cara a emancipación das normas convencionais cinematográficas. Continuou facendo películas experimentais ata que cumpriu 80 anos. Algunhas delas proxectáronse, ademais de en salas de cinema, nalgúns dos museos máis importantes dos Estados Unidos e Europa.

VISITAS DE CINEASTAS E XURADO DO FICBUEU Á ILLA DE ONS

“Descubrindo a Vila de Bueu”, o programa organizado para os convidados do FICBUEU, levou esta mañá a cineastas e membros do xurado do festival a Ons, unha das catro illas que forman parte do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Realizaron unha ruta de sendeirismo con parada no Centro de Visitantes de Ons, situado no edificio da antiga escola da illa e onde hai unha exposición centrada nos costumes e tradicións dos seus habitantes. Cabe lembrar que é precisamente en Ons onde o FICBUEU realiza a súa Residencia, un proxecto para desenvolver guións de curtas con cineastas que se estreou en 2023 con Isabel Peña -guionista de películas como As Bestas ou El Reino e a serie Antidisturbios- como titora. Este ano celebrarase entre o 16 e o ​​23 de outubro e estará coordinada por Estibaliz Urresola, directora do filme 20.000 especies de abellas, que gañou tres premios Goya, entre eles os de guión e dirección novel.

Hoxe pola tarde, cineastas e xurados realizarán unha visita guiada ao Museo Massó, instalado nas naves industriais da antiga fábrica de conservas Massó Hermanos, a carón do porto de Bueu. Mañá participarán nunha saída con embarcacións tradicionais organizada coa Asociación Os Galos e, ao seu regreso, participarán nunha comida a base de produtos con denominación de orixe patrocinada pola Consellería do Mar a través da marca pescadeRías.

  • A infancia desfruta do cinema coas actividades do Minific do FICBUEU

    21.09.24. BUEU. A décima sétima edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu baixou o pano este sábado. Con películas, claro. As do Minific, o programa de actividades dedicadas cada ano á infancia. A sesión de curtas para público familiar, programada para as 18:30 horas, foi a última das actividades do XVII FICBUEU. Antes, nenas e nenos puideron participar nun obradoiro de stop […]

    2024-09-22
  • Palmarés 2024: «Il compleanno di Enrico» acada o primeiro premio e «Habitar», o de mellor curta galega

    O filme estoniano «Saab» obtén o Segundo Premio e «Aunqe es de noche» leva o galardón a mellor cinta española A curta británica «If you are happy», de Phoebe Arnstein faise co Premio do Público A película francesa «Intelligence» triunfa na sección «Descubertas», e «pechar caixas, abrir caixas» en «GZ_00» «Il compleanno di Enrico», de Francesco […]

    2024-09-15
  • O FICBUEU súmase á homenaxe mundial do Pompidou de París a Jonas Mekas, pai do cinema de vangarda estadounidense

    O Festival realizará mañá unha lectura do seu poema “A Requiem for the XXth Century”, elixido polo seu fillo, e dedicará ao artista lituano o seu quinto Caderno e a súa «Retrospectiva», que celebra a súa traxectoria a través de nove das súas películas. 13.09.24. BUEU. Este domingo 15 é o Día da Poesía creado polo Centro […]

    2024-09-13
O teu carriño 0
Non hai produtos na cesta!
Continuar comprando
0
Skip to content