Please ensure Javascript is enabled for purposes of website accessibility FICBUEU • As curtametraxes realizadas na Área Social e a presentación da programación inauguran o FICBUEU 2022 •
FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINEMA DE BUEU

Novas do festival

← Volver

As curtametraxes realizadas na Área Social e a presentación da programación inauguran o FICBUEU 2022

FICBUEU

Os filmes feitos coas asociacións Érguete e Juan XXIII foron os protagonistas da primeira xornada

O 15º Festival Internacional de Cinema de Bueu arrincou hoxe domingo cun acto de inauguración no que se estrearon as curtametraxes realizadas nos obradoiros levados a cabo na Área Socia FICBUEU ao longo do pasado curso 2021/2022. A presentación da grella das actividades programadas para esta edición completou a xornada de comezo do FICBUEU 2022, que se prolongará ata o próximo día 24.

A apertura do festival tivo lugar ás 19 horas no Centro Social do Mar, sede principal do evento, e contou coa presenza de representantes das diferentes asociacións colaboradoras e do resto de institucións que apoian e patrocinan esta edición. Dende a dirección do festival, quíxose destacar este acto inaugural por ser “un dos días máis bonitos ao poder presentar todo o traballo feito con estas asociacións durante o ano”.

Proxectáronse dúas pezas, A fin do osíxeno, realizada coa Asociación Juan XXIII de Cangas e que contou co respaldo da Deputación de Pontevedra, e Sabía que vendrías, gravada coas usuarias e usuarios de Érguete Vigo grazas ao soporte da Obra Social LaCaixa. Na estrea estiveron presentes as creadoras e os creadores das curtas.

As e os participantes e o equipo de Juan XXIII afirmaron que lles encantou “participar no proxecto porque nos ensinou moito sobre compromiso e constancia, así como amosar o que son capaces de facer as persoas con discapacidade con traballo e esforzo”, mentres que por parte de Érguete resaltouse que “todo o traballo está feito por eles, o centro trata de incentivar este tipo de iniciativas pero o proceso e a idea é cousa deles”.

A primeira das obras, na que participaron integrantes do centro ocupacional para persoas con discapacidade intelectual de Cangas, é unha ficción que narra a historia dunha parella de xornalistas que descubren que dúas científicas están a experimentar para acabar co osíxeno do planeta, polo que terán que facer todo o posible por evitalo.

Na segunda curtametraxe, na que se involucraron persoas usuarias de Érguete pertencentes ao programa de ‘Vivendas de apoio ao tratamento’, cóntase outra historia de ficción protagonizada por unha muller que volve á súa cidade natal tras un longo periodo afastada, amosando as sensacións que ten a xente que loita por integrarse na sociedade. 

Trala estrea dos filmes presentouse a programación do FICBUEU 2022, dando paso ás proxeccións e actividades que terán lugar dende o luns 12 ata o sábado 24.

Seccións, coloquios, concertos e máis actividades 

O segundo día comezarán as primeras sesións de proxección. Dende o luns 12 ata o xoves 15 celebrarase a Sección Retrospectiva ás 17 horas, cunha dobre quenda da Sección Oficial ás 19 horas e ás 21 horas e, entre medias, os coloquios ás 20.30. O venres 16 ás 17 horas terá lugar a Sección Descubertas, mantendo a dobre sesión da Sección Oficial e o coloquio no mesmo horario que nos días anteriores.

O sábado 17 arrincará coa presentación do CADERNO FICBUEU#3 ás 11 horas e o directo de Carne Cruda ás 12, mentres que pola tarde teremos a Sección España ás 17 horas e a Galicia R ás 19 horas, cos seus coloquios previstos para as 18.30 e as 20.30 respectivamente. A primeira semana finalizará coa entrega de premios ás 21.15 horas e co concerto de clausura, a cargo da artista Tulsa, ás 22.30 horas na praza Massó con entrada de balde.

Segunda semana: MiniFIC e Xornadas

A segunda semana estará adicada á programación para a rapazada co MiniFIC, que comezará o luns 19 coas proxeccións da Sección Escolas Internacionais ás 11 horas e da Sección Escolas de Imaxe e Son e Facultades Galegas ás 13.00 horas, para logo rematar coa entrega de premios ás 13.30 horas. Do martes 20 ao xoves 22 serán as proxeccións das Seccións Cativa, Infantil e Xuvenil, pechadas para centros de ensino.

Coa Gala Escolas Galegas ás 11:30 horas do venres 23 comezará o día adicado ao público infantil, xuvenil e familiar,  co obradoiro de storyboard con Gáidil ás 16 horas, o Consertasso na horta con Brais das Hortas ás 17 horas e a proxección da Sección Curtas en Familia, prevista para as 18.30 horas.

Para rematar, o sábado 24 celebraranse as I Xornadas Cinematográficas, con unha ampla programación que recolle unha charla maxistral sobre Andrei Tarkovski con José Manuel Mouriño ás 11.00 horas e unha conversa entre as críticas de cine Andrea Morán e Daniela Urzola ás 12.30 horas para a xornada matinal.

A sesión de tarde iniciarase cunha mesa redonda en liña moderada pola docente Diana Ramahí na que participarán as cineastas e montadoras Diana Toucedo, Ana Pfaff e Carolina Astudillo ás 17.00 horas, para logo ter un encontro con Oliver Laxe conducido polo xornalista Ángel Suanzes ás 19.00 horas e a proxección de Zerkalo de Andrei Tarkovski (1975) ás 21.00 horas.

Por outra banda, de xeito paralelo ao festival tamén se levarán a cabo actividades como a gravación do podcast Espazo Negativo con Ariadna Cordal e Dani Cornes, a VII Ruta das Tapas 5 Estrelas, organizada en colaboración co Concello de Bueu e a Asociación de Empresas da Hostalaría de Bueu, ou o V Mercado da Curtametraxe no Musseo Massó.

As entradas para os diferentes apartados do festival poderanse adquirir na nosa tenda en liña ou no despacho de billetes do Centro Social do Mar unha hora antes de cada actividade. 

  • Un total de 40 centros participan este curso no programa ‘Cinema con perspectiva’

    A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publicou o pasado mes a resolución de centros seleccionados para participar este curso no programa Cinema con perspectiva, desenvolvido en colaboración coa asociación cultural FICBUEU. O programa, dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO, ten como obxectivo educar na identificación e tratamento […]

    22/02/2024
  • As mellores curtas neerlandesas no FICBUEU

    O venres 12 de xaneiro chega a Bueu o Premio Internacional do Público do Shortcutz Amsterdam Bueu. 4/01/2023 – Shortcutz Amsterdam é unha das principais plataformas dos Países Baixos para o talento emerxente do cinema neerlandés, brindando oportunidades de exhibición, conectando cunha audiencia nacional e internacional e facilitando as relacións entre profesionais da industria. Cada […]

    03/01/2024
  • A Residencia FICBUEU recibe o apoio do Ministerio de Cultura

    A primeira edición do programa de mellora de guións de curtametraxe é un dos proxectos beneficiarios das axudas para a acción e promoción cultural. Bueu, 14 de decembro de 2023 – A dirección xeral das industrias culturais, propiedade intelectual e cooperación, dependente do Ministerio de Cultura, publicou hoxe a resolución definitiva das axudas para a […]

    14/12/2023
O teu carriño 0
Non hai produtos na cesta!
Continuar comprando
0
Skip to content