O 19º Festival Internacional de Cinema de Bueu celebrarase do 4 ao 19 de setembro de 2026 na localidade de Bueu, e terá como obxectivo a proxección e promoción das mellores curtametraxes realizadas nos dous últimos anos no ámbito internacional.

A participación está aberta a todas as obras estreadas a partir do 1 de xaneiro do 2025, podendo concorrer creadoras e creadores de calquera nacionalidade sempre e cando teñan cumprido 18 anos de idade. Poderán presentarse obras de calquera xénero, cunha duración máxima de 30 minutos (títulos de crédito incluídos). Cada participante poderá presentar tantas obras como desexe. Non serán admitidas as curtametraxes que xa fosen presentadas en edicións anteriores.

MAGDALENA ARAU, PROGRAMADORA E DOCENTE

Magdalena Arau traballa desde 2016 como programadora en BAFICI (Buenos Aires Festival Internacional de Cine Independiente). Participou como xurado en festivais americanos e europeos, e programou ciclos e focos en diversos museos e festivais. Tivo ao seu cargo a área de cine e a Film Comission da Provincia de Bos Aires, onde entre outras accións creou Encuentros de Cine, programa de residencia para realizadoras e realizadores.

É profesora adxunta da cátedra Taller de Tesis da Licenciatura en Artes Audiovisuais (Universidade Nacional da Plata, Arxentina), onde impartiu Guión, Historia do Cine e Dirección de Actores. De maneira independente coordina obradoiros de escritura e creación, e dirixe xunto a Karin Idelson Pensamos como vemos, espazo de formación e creación audiovisual na plataforma Proyecto Imaginario.

MIGUEL DIAS, DIRECTOR DO FESTIVAL CURTAS VILA DO CONDE

Miguel Dias fundou o festival Curtas Vila do Conde en 1993, onde actualmente traballa como director e programador. Foi produtor e programador no departamento de cine, audiovisuais e multimedia de Oporto 2001, Capital Europea da Cultural, do festival Odisseia nas Imagens entre 1999 e 2001 e da sala de cine Passos Manuel en Oporto.

No campo da industria audiovisual dirixe a compañía Curtas Metragens CRL desde 1997, dedicada á distribución, produción e programación, con máis de 30 curtas realizadas desde 2011. Dirixe ademais a Agência – Axencia Portuguesa da Curtametraxe para a promoción, ventas internacionais e distribución de curtas portuguesas. Desde 2005 lidera Solar – Galería de Arte Cinematográfica, galería na que expoñen obras contemporáneas centradas na imaxe en movemento.

 

MASOUD SOHEILI, CINEASTA

Amir Masoud Soheili é un galardoado cineasta, programador de festivais e fotógrafo iraniano, coñecido polas súas curtametraxes Blue-eyed Boy (2014), Elephantbird (2019) e MARDAZMA (2025). As súas obras proxectáronse en eventos como o PÖFF (Tallinn Black Nights Film Festival), o Festival Internacional de Cine de Leeds, Interfilm Berlín e o Festival Internacional de Cine Documental de Yamagata. Produciu tamén varios documentais, incluíndo Co-exist, Veiled Village e Land of Demons, e o seu traballo audiovisual esténdese á fotografía e realización de vídeo, con obras que formaron parte de plataformas como National Geographic, AJ+ VICE Media, TRT ou Business Insider. 

Á parte da súa carreira como cineasta, Masoud é cofundador e director creativo do Festival de Cine pola Paz de Asia, celebrado en Islamabad (Pakistán). Traballou como xurado en múltiples festivais de cinema ao redor do mundo, coma o Festival de Cine Asiático Jogja-NETPAC en Indonesia, o Festival Internacional de Cine de Avianca en Portugal ou o Festival de Cine SAARC en Sri Lanka, entre moitos outros. Tamén foi programador de diversos certames. 

SILVIA FUENTES, PRODUTORA AUDIOVISUAL

Silvia Fuentes fundou en 2018 a produtora Sétima xunto coa directora Anxos Fazáns, na que traballa actualmente. Desde Sétima, produciu filmes como As liñas descontinuas (Anxos Fazáns, 2025), que percorreu diversos festivais, o documental Filmei paxaros voando (Zeltia Outeiriño, 2024), con varios premios e candidaturas, o filme Cando toco un animal (Ángel Filgueira, 2023) e a curta Habitar (Anxos Fazáns, 2023). Agora traballa na posprodución d’A morte nos teus ollos, ópera prima de Guillermo de Oliveira. En fase de financiamento conta con proxectos como Porto Alegre, segunda longametraxe de Álvaro Gago, Fame e Febre, ópera prima de Javier Ferreiro, e Handen, próximo filme de Ángel Filgueira.

Á marxe de Sétima destaca o seu paso pola empresa produtora catalá Lastor Media. Ademais traballou como directora de produción nos filmes O Corno (Jaione Camborda, 2023) Matria (Álvaro Gago, 2023) ou Nación (Margarita Ledo, 2020).

LAURA PIÑEIRO, MONTADORA E REALIZADORA

Laura Piñeiro é montadora cinematográfica e realizadora. Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela, especializouse en montaxe cinematográfica no Mestrado da Escola Superior de Cinema i Audiovisuals de Catalunya. Desenvolve a súa actividade principalmente no cinema independente galego e participa no equipo de programación da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico e do Festival Internacional Intersección da Coruña.

Como montadora traballou en longametraxes como As liñas descontinuas (Anxos Fazáns, 2025) e Os espazos en branco (Bruno Arias, 2023), así como en diversas curtametraxes de ficción e documentais. Ademais, formou parte do colectivo audiovisual Memoria e Cinema, desde o que desenvolveu proxectos arredor da memoria histórica e a creación documental, entre eles 586 cantos (Fran Rodríguez Casal, 2024) e Na pel da memoria (Laura e Coral Piñeiro, 2022).

AARÓN RODRÍGUEZ SERRANO, DOCENTE E INVESTIGADOR

Aarón Rodríguez Serrano é Catedrático de Narrativa Audiovisual na Universitat Jaume I e membro do grupo de investigación IRMA-VEP. Leva dúas décadas adicadas á docencia e investigación no ámbito da análise fílmica. Conta con máis dun centenar de artigos e capítulos de libro, tendo especial importancia as monografías que publicou nos últimos anos, entre as que destacan Espejos en Auschwitz: Apuntes sobre cine y Holocausto (2015), Nanni Moretti (2018) e Volver al cine: Pensar, escribir y analizar las películas (2024). 

A súa liña de investigación principal pasa pola exploración das relacións entre filosofía e análise fílmica, se ben nos últimos anos centrou o seu interese no xurdimento do cine metamoderno e a súa aplicación no tecido español contemporáneo. Actualmente atópase traballando nun proxecto de investigación becado polo Ministerio de Cultura (Becas para a Creación Literaria – Modalidade de Ensaio) que verá a luz ao longo do 2027. 

Ir o contido
FICBUEU
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.