Please ensure Javascript is enabled for purposes of website accessibility FICBUEU • Ludocteca para a conciliación
FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINEMA DE BUEU

Novas do festival

← Volver

O FICBUEU convertirase no primeiro festival galego de cinema con ludoteca gratuíta para facilitar a conciliación

FICBUEU

O novo servizo atenderá a menores de 3 a 10 anos e estará dispoñible polas tardes, entre o 11 e o 16 de setembro, no Centro Social do Mar de Bueu

03.09.2023. Seguindo a estela de grandes festivais internacionais de cinema coma Berlín, Cannes ou San Sebastián, e na liña do seu compromiso social, o Festival Internacional de Cinema de Bueu, o FICBUEU, convertirase nesta edición nun evento a favor da conciliación familiar coa creación dunha ludoteca para nenas e nenos de 3 a 10 anos. O seu obxectivo é facilitar a asistencia de nais e pais ás proxeccións das curtametraxes programadas e tamén ás actividades culturais relacionadas co certame, que terá lugar entre o 8 e o 23 de setembro na vila pontevedresa.

Este novo servizo é pioneiro nos festivais de cinema que se celebran en Galicia e conta co apoio da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta. «A experiencia e o contacto co noso público habitual dinos que en moitas ocasións a súa presenza no festival está condicionada por ter que coidar das e dos menores ao seu cargo. Por iso impulsamos esta nova iniciativa, para favorecer a igualdade no acceso á cultura», sinalan dende a organización do FICBUEU.

A ludoteca será gratuíta e disporá de 15 prazas, que se cubrirán por orde de chegada. Estará ubicada no Centro Social do Mar de Bueu –o recinto onde se celebra cada ano o certame– e abrirá dende o luns 11 setembro ata o sábado 16, de 17.30 a 21.00 horas. O espazo de ocio deseñado para a rapazada estará supervisado por persoal do FICBUEU e disporá de xogos (algúns deles feitos e cedidos pola Asociación Juan XXIII de Cangas), contos e libros, actividades creativas e tamén zona de descanso.

Con este servizo, as familias poderán desfrutar da programación do festival dirixida ao público de máis idade coa tranquilidade de que a cativada estará ben coidada, entretida «e compartindo tempo en grupo». «A conciliación é un tema recorrente, pero case sempre esquecido se falamos de ocio e actividades culturais para persoas adultas. É importante concienciar e facelo con feitos», afirman dende a organización. 

Curtas, coloquios, música ou radio

O FICBUEU, que amosa cada ano as novas tendencias de creación cinematográfica e de cinema de autor, celebrará a súa 16ª edición coa proxección de 89 curtametraxes dunha trintena de países dos cinco continentes, das que 28 participarán na «Sección Oficial». A selección de curtas complétase coas que se poderán ver nas categorías «GZ_00», «Escolas Internacionais», «Descubertas», «Retrospectiva» (dedicada este ano ao realizador holandés de curtas documentais Joris Ivens), «Escolas Galegas» e «Curtas en Familia». Tamén haberá coloquios con cineastas, charlas e clases maxistrais, concertos, obradoiros e programas de radio en vivo. 

A entrega de premios do FICBUEU 2023 terá lugar o sábado 16 (23.00 horas) no Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu. Un dos galardóns será o Premio Cinema Galego FICBUEU, que nesta edición se outorgará a Luisa Merelas, actriz de coñecidas series e películas como Pratos Combinados, Fariña, Los lunes al sol ou As bestas.




  • Un total de 40 centros participan este curso no programa ‘Cinema con perspectiva’

    A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publicou o pasado mes a resolución de centros seleccionados para participar este curso no programa Cinema con perspectiva, desenvolvido en colaboración coa asociación cultural FICBUEU. O programa, dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO, ten como obxectivo educar na identificación e tratamento […]

    22/02/2024
  • As mellores curtas neerlandesas no FICBUEU

    O venres 12 de xaneiro chega a Bueu o Premio Internacional do Público do Shortcutz Amsterdam Bueu. 4/01/2023 – Shortcutz Amsterdam é unha das principais plataformas dos Países Baixos para o talento emerxente do cinema neerlandés, brindando oportunidades de exhibición, conectando cunha audiencia nacional e internacional e facilitando as relacións entre profesionais da industria. Cada […]

    03/01/2024
  • A Residencia FICBUEU recibe o apoio do Ministerio de Cultura

    A primeira edición do programa de mellora de guións de curtametraxe é un dos proxectos beneficiarios das axudas para a acción e promoción cultural. Bueu, 14 de decembro de 2023 – A dirección xeral das industrias culturais, propiedade intelectual e cooperación, dependente do Ministerio de Cultura, publicou hoxe a resolución definitiva das axudas para a […]

    14/12/2023
O teu carriño 0
Non hai produtos na cesta!
Continuar comprando
0
Skip to content