MINI-FIC GALA / OBRADOIRO / CONTOS / CONCERTO -
SÁBADO 14
CENTRO SOCIAL DO MAR / PUNTO DE ENCONTRO

Baixo o título Mini-FIC, prográmase para a derradeira xornada do FICBUEU unha completa axenda de actividades dirixidas á rapazada, co patrocinio da empresa armadora Agustín Santomé SL. Estas propostas súmanse ás Sesións Miúdas, nas que se proxectarán as seccións Infantil, Xuvenil e Irmandade, e ás que asistirán máis de 1.500 estudantes de nove centros de ensino do Morrazo.

Gala Escolas Galegas. Sábado 14 – 11:00h. Centro Social do Mar.

O audiovisual no ensino será o protagonista deste acto aberto ao público, conducido pola actriz e narradora Beatriz Campos, coa colaboración da editorial Kalandraka. No transcurso do evento proxectaranse as curtas gañadoras da Sección Escolas Galegas e entregaranse os premios das tres categorías nas que se subdivide: educación especial, infantil e primaria; educación secundaria, e  mais facultades e escolas de imaxe. Búscase así recoñecer e visibilizar o gran traballo que se está a realizar desde os centros educativos en materia audiovisual, poñendo en valor e estimulando a creatividade das e dos cineastas do futuro.

Obradoiro ‘O cine soa ben’. Sábado 14 – 12:30h. Centro Social do Mar.

O grupo Caspervek Trio porá de relevo nesta actividade didáctica o importante papel que cumpre a música no cinema, complementando e realzando os contidos visuais. Mediante o xogo, a banda integrada por Brais González, Brais Castañer e Raquel Fernández retará ao público familiar a identificar diferentes filmes pola súa banda sonora e mesmo viaxará ata os inicios da sétima arte para descubrir as proxeccións de películas mudas con música en directo. Para isto contarán co apoio da musicóloga e pedagoga Erea Carbajales.

Contos e cinema. Sábado 14 – 17:00h. Punto de Encontro.

Esta sesión de contacontos fusionará as historias narradas por Olalla González e as ilustracións en tempo real a cargo de Marc Taeger, unha proposta que lles permitirá ás nenas e nenos gozar do relato oral e a animación en directo. Olalla González, mestra especialista en animación á lectura, é tamén autora de varios álbums ilustrados, mentres que Marc Taeger traballa como deseñador e ilustrador para campañas publicitarias, editoriais e prensa. A súa obra gráfica foi recoñecida con diversos galardóns.

Concerto PunkInfantil. Sábado 14 – 18:00h. Exteriores do Centro Social do Mar .

Peter Punk e Brais das Hortas protagonizan este espectáculo da cooperativa Charlatana no que un rockeiro e un cantante infantil se verán na obriga de compartir escenario. Ambos os dous personaxes conectan coa rapazada e co mundo infantil a través do xogo e de referencias ás súas inquedanzas, deixando á marxe o concepto máis adulto do punk. Toda unha descarga de música ao vivo, humor e malabares, onde a diversión está asegurada.