Bueu, 18/09/2025 – O FICBUEU pon fin á 18ª edición o vindeiro sábado 20 cunha xornada dedicada a todos os públicos.
Ás 11:00H terá lugar no auditorio do Centro Social do Mar a Gala Escolas Galegas, na que se proxectarán as obras finalistas da Sección centros de ensino e se entregarán os galardóns ás curtas gañadoras das categorías Educación Especial, Infantil e Primaria e Educación Secundaria.
A cerimonia estará conducida pola escritora e editora Olalla González, acompañada polo artista plástico Marc Taeger, quen realizará debuxo e animación ao vivo durante toda a gala. Tamén contaremos con música en directo a cargo de Martín, Carmen e Juan Sánchez Paz.
Nas inmediacións do Centro Social do Mar gozaremos do espectáculo A feira das Ilusións, unha instalación artística que ten como fío condutor o cinema. Trátase dun espazo expositivo no que a través de zootropos, praxinoscopios e demais inventos descubriremos como xurdiron as imaxes en movemento. A feira das ilusións é unha instalación teatralizada a modo de feira ambulante de enxeños ambientada no século XIX. O espectáculo, organizado pola agrupación burgalesa Errabundo Pelele, ofrece un paseo pola historia dos xoguetes ópticos e das ilusións visuais que deron lugar ao nacemento do cinema.
O público poderá acceder de balde á instalación entre as 12:00h e as 13:30h e as 16:30h e as 18:00h, faranse varios pases de aproximadamente 15 minutos deste espectáculo teatralizado.
Remataremos a xornada coa Sección Curtas en Familia, ás 18:30H, unha sesión para todos os públicos. Descubriremos unha selección de seis curtas internacionais que chegan de diferentes lugares como República Checa, Francia, Bélxica ou Brasil.




