Bueu, 16/09/2026 – O sábado 19 de setembro, o MiniFIC estenderá as súas actividades durante toda a xornada e abrirá boa parte da programación ao público xeral. Ás 11.00 horas terá lugar no Auditorio a Gala Escolas Galegas, na que se proxectarán as curtametraxes dos centros de ensino seleccionados e se entregarán os premios das categorías de Educación Especial, Infantil e Primaria e Educación Secundaria.
A gala, organizada co apoio de Kalandraka, estará conducida pola escritora e editora Olalla González, acompañada polos debuxos e a animación en directo do artista plástico Marc Taeger. A música correrá a cargo de Martín, Carmen e Juan Sánchez Paz.
Ao longo da mesma xornada, os exteriores do Centro Social do Mar acollerán tamén obradoiros de cartelaría cinematográfica a cargo da imprenta ambulante Alouette Machine, cunha proposta para coñecer como se elaboraban tradicionalmente os carteis mediante técnicas de imprenta tipográfica e experimentar de maneira colectiva con letras, imaxes, tintas e papel.Os obradoiros desenvolveranse en tres quendas, ás 11:00 h, 12:00 h e 16:00 h, e serán de balde, previa inscrición no enderezo mariarey@ficbueu.com.
Pola tarde, a música e a diversión chegarán da man de Pakolas, que presentará o espectáculo infantil e familiar As máis molonas! ás 17:00 horas nos exteriores do Centro Social do Mar. A actividade tamén será de balde.
O peche do FICBUEU 2026 chegará coa sesión Curtas en Familia ,ás 18:30 horas, unha última proxección pensada para compartir entre público infantil e adulto e coa que o festival porá punto final ás actividades da súa 19ª edición.

Co MiniFIC, o Festival Internacional de Cinema de Bueu completa unha programación que, tras situar durante a pasada semana o foco na competición internacional, dedica os seus últimos días á formación audiovisual, á creación de novos públicos e ao achegamento do cinema ás xeracións máis novas.



