Seis pezas competirán polo premio á Mellor Curtametraxe de Escolas Internacionais do FICBUEU 2022

Será o terceiro ano no que o festival bueuense entregue o galardón nesta categoría.

O Festival Internacional de Cinema de Bueu premiará na súa 15ª edición á mellor curtametraxe da Sección Escolas Internacionais, nunha categoría que está asentada na programación dende que se creou no ano 2020.

Dos miles de traballos recibidos polo FICBUEU para a Sección Oficial, o equipo do festival tivo que realizar unha escolma previa entre aqueles procedentes de escolas de cine internacionais para poder anunciar aos seis finalistas da presente edición. A decisión final correspondeulle ao Xurado Escolas, conformado pola escritora e editora Olalla González, o pedagogo, docente e investigador Álvaro Dosil, e polo produtor, director de cine e docente Sergio Clavero, quenes resolveron entre unha destacada selección de curtametraxes chegadas de diferentes partes do mundo.

Fotograma da curta Fruto do vosso ventre

Dende a Escola Superior de Teatro e Cinema de Portugal Fábio Silva presenta Fruto do vosso ventre, que conta a historia dun fillo que descobre as vellas cintas de 8mm do seu pai e comeza a descubrir a realidade sobre os seus pais e a súa vida.

A segunda finalista é a singapurense Yi Yi de Giselle Lin da Lasalle College of Arts, que narra a vida dunha nai atrapada na comodidade do recordo e do loito que se ten que enfrontar á súa dor chegado o momento.

Mikai Geronimo e Josh O’Caoimh firman dende a National Film School at IADT de Irlanda Fall of the Ibis king, na que o antagonista dunha ópera escura vólvese cada vez máis inquieto tras o improbable regreso do antigo actor principal.

En Joy de Alexandra Brodski, da escola NFTS de Reino Unido, poderemos asistir á vida de Jacob, un rapaz en réxime de internamento de menores desesperado por volver ao mundo exterior, unha situación que cambia cando coñece a Joy, unha nena de 10 anos misteriosamente magnética.

Outra das obras finalistas é An ostrich told me the world is fake and I think I believe it do alumno da Griffith Film School australiana Lachlan Pendragon. Nesta curta, un mozo teleoperador enfrontarase a unha misteriosa avestruz parlante e decatarase de que o universo é unha animación en stop motion, o que o leva a tratar de espallar o seu descubremento.

Fotograma da curta Joy

A sexta nomeada é a suíza Es muss de Jumana Issa e Flavio Luca Marano, da  Zürcher Hochschule der Künste, que contará a complicada xornada de Silvia, unha moza que no mesmo día perde o papel de solista no seu coro, é despedida do seu traballo e é multada pola policía, o que desata a súa resistencia silenciosa.

Todos os traballos proxectaranse durante a segunda semana do festival, nunha sesión que terá lugar o luns 19 ás 11 horas no Centro Social do Mar, con entrada de balde para todas as persoas interesadas.

A curta gañadora da Sección Escolas Internacionais anunciarase o mesmo luns 19 de setembro ás 13.30 horas, nunha entrega de premios aberta o público onde tamén se coñecerá o nome do traballo gañador na Sección Escolas de Imaxe e Son e Facultades Galegas.

Será a terceira ocasión na que o FICBUEU repartirá este galardón. As obras gañadoras nos anos anteriores foron a francesa Avant notre heure, da directora e xefa de fotografía Chloé Terren, quen continúa traballando en proxectos similares, e a finesa Hiljaisuus de  Saara Hakkarainen, peza gañadora noutros festivais como o Tampere Film Festival ou o Santorini Film Festival.

Comparte o teu aprecio
Ir o contido
FICBUEU
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.