Aberta a inscrición para os obradoiros de guión e planificación de rodaxe
FICBUEU- As persoas interesadas en participar nestas accións formativas teñen ata o 31 de xullo para enviar os seus guións.
Ata o 31 de xullo permanece aberto o prazo de inscrición en dúas actividades formativas que se celebrarán no marco do FICBUEU 2021: o xa habitual obradoiro de desenvolvemento de guión, titorizado pola Asociación Galega de Guionistas (AGAG), e un novidoso workshop de planificación de rodaxe, impartido por CREA, Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización. Seleccionaranse catro proxectos para cada unha das formacións, que terán lugar os días 12 e 11 de setembro, respectivamente.
En ambos os dous casos, quen desexe participar deberá presentar un guión que aínda non fose filmado. Poderán concorrer todas as persoas de orixe galega ou que estean estudando ou asentadas na nosa Comunidade Autónoma. Tamén se aceptarán guións ambientados en Galicia ou que aborden unha temática fundamentalmente galega. No entanto, o tema das obras será libre e cada participante poderá enviar tantos textos como desexe, sempre no formato profesional que se adoita empregar no sector. Os guións deberán corresponderse con produtos audiovisuais dun máximo de 30 minutos de duración.