O cinema con perspectiva feminina protagonizará mañá un novo coloquio no FICBUEU

I A viguesa Andrea Zapata-Girau, directora de «Ruovesi», e as actrices de «Anansi», as francesas Chanel Victor e Marie-Solange Oussou, manterán un encontro co público do Festival tras a proxección das súas curtas, que compiten na «Sección Oficial» 

I O podcast «Cine Divergente» tomará o relevo no espazo «Cinema e Radio» para achegar o máis destacado da programación do Festival

BUEU. 13.08.2023. O Festival Internacional de Cinema de Bueu, que dende a vila pontevedresa amosa cada ano as novas tendencias de creación cinematográfica e de cinema autoral, porá o seu foco de novo na perspectiva das mulleres que traballan no sector audiovisual. O espazo «Coloquios con cineastas» reunirá mañá a unha directora e dúas actrices de dúas das curtametraxes seleccionadas na «Sección Oficial» do certame. A viguesa Andrea Zapata-Girau, autora de Ruovesi, e as francesas Chanel Victor e Marie-Solange Oussou, actrices de Anansi, falarán co público do FICBUEU sobre as claves dos procesos creativos nas súas respectivas películas. O encontro celebrarase a partir das 21.00 horas na Sala Amalia Domínguez Búa, tras a proxección das curtas.

Andrea Zapata-Girau, cineasta e montadora que vive entre Galicia e Finlandia, país no que fixo os seus primeiros filmes, conversará sobre o significado do desterro xeográfico e familiar e a loita interior e política dunha muller superviviente da represión militar chilena e da relación coa súa neta. É a historia que plasma na súa curta, estreada este mesmo ano e baseada, ademais, na vida da actriz que interpreta o papel principal. O título Ruovesi vén do nome do lago da poboación finesa na que está ambientada a película. 

A realizadora e guionista viguesa estará acompañada no coloquio de mañá por Chanel Victor e Marie-Solange Oussou, protagonista e actriz secundaria na película Anansi, obra da directora francesa de orixe africana Aude N’Guessan Forget e producida pola escola de cine de París La Fémis, onde se formou. Chanel Victor, quen tamén é pintora e fotógrafa, dá vida nesta curtametraxe a unha moza que traballa nunha peluquería, que sofre a diario fortes dores de ventre e cuxa vida se convirte nun inferno cando esa dor aumenta. A historia parte da propia experiencia da directora da curta.  

 

Segue a radio no FICBUEU

Mañá chegará tamén a cuarta entrega do espazo dedicado polo FICBUEU ao medio radiofónico como vehículo de difusión cultural e cinematográfica. «Cinema e Radio» terá como convidado ao podcast Cinema Divergente, un programa que se define como un proceso intelectual de unión entre cinema e outras manifestacións culturais para falar de tendencias, autoras e autores e o circuito menos comercial. Álvaro Peña, Javier Acevedo e Yago París gravarán en directo un novo episodio do seu podcast no que achegarán a programación máis destacada do FICBUEU. A actividade comezará ás 18.00 horas no punto de encontro do Festival e a entrada é gratuíta. 

Comparte o teu aprecio
Ir o contido
FICBUEU
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.