O 26 de febreiro abrirase o prazo de recepción de proxectos. A través desta convocatoria seleccionaranse cinco curtametraxes que participarán neste programa formativo, que terá lugar do 13 ao 19 de outubro.
Bueu, 19/02/2026 – Un ano máis, a Illa de Ons acollerá ás persoas seleccionadas na IV Residencia FICBUEU, ofrecéndolles unha contorna natural privilexiada e un ambiente óptimo para a creación e o desenvolvemento dos seus proxectos.
A Residencia FICBUEU é un programa formativo dirixido a creadoras e creadores cinematográficos no que diferentes profesionais do sector acompañan e titorizan proxectos de curtametraxe en fase de desenvolvemento.
O programa combina titorías individuais, mesas de guión e formacións específicas, todas elas impartidas por recoñecidas profesionais do sector audiovisual. Esta estrutura busca, ademais de fortalecer os proxectos seleccionados, facilitar a adquisición de ferramentas e recursos que potencien unha perspectiva interdisciplinar do proceso de produción.
Organizada pola Asociación FICBUEU, a iniciativa está orientada a consolidar propostas de curtametraxe desde a fase de guión, creando un espazo de traballo centrado no tratamento integral dos proxectos na súa etapa de desenvolvemento e ofrecendo acompañamento e asesoramento ao longo de todo o proceso.
As cinco persoas seleccionadas para a IV Residencia FICBUEU, ademais de estaren acreditadas para participar en todas as actividades da 19ª edición do FICBUEU, recibirán un premio de 1.500 € destinado a apoiar a fase de desenvolvemento do proxecto.
O FICBUEU consolida así unha iniciativa que chega á súa cuarta edición tras o éxito das convocatorias anteriores, cun récord de máis de 200 propostas recibidas o pasado ano, e que reafirma o seu compromiso coa creación audiovisual. A Residencia súmase á programación anual do FICBUEU como un espazo de acompañamento, encontro e reflexión imprescindible para o desenvolvemento de novos proxectos.
As obras poderán enviarse ata o 1 de abril. As bases completas da convocatoria poden consultarse aquí.









