Bueu, 23/07/2025 – O FICBUEU, que se celebrará entre os próximos 5 e 20 de setembro, presenta hoxe aos integrantes dos seus xurados. Mentres que o Xurado Oficial estará formado por Beatriz Hernández, Eloy Domínguez Serén e Massimo Ianetti; o Xurado Descubertas integrarano María Juárez, Elba Fernández e Xavier Montoriol.
O Xurado Oficial, de carácter internacional e encargado de entregar o Primeiro Premio, o Premio á Mellor Curtametraxe Galega e o Premio á Mellor Curtametraxe Española estará formado pola productora e xestora cultural Beatriz Hernández, o cineasta e docente Eloy Domínguez Serén e o programador Massimo Ianetti.

Beatriz Hernández é actualmente é directora artística do Skyline Benidorm Film Festival, presidenta da Coordinadora del Cortometraje Español e unha das fundadoras de FESCICOM, a Asociación de Festivais de Cinema da Comunitat Valenciana. Pola súa banda, os filmes de Eloy Domínguez Serén foron programados en festivais como IDFA, Mar del Plata, Visions du Réel ou Clermont-Ferrand, así como no Anthology Film Archives, o Centre Pompidou ou o Museo Reina Sofía; ademais é docente na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. E Massimo Ianetti forma parte do equipo de programación do Festival de Cine Black Nights de Tallin, do Festival Internacional de Cine de Edimburgo e do Lago Film Fest. Tamén coordina o Mercado no Sheffield DocFest e é Responsable de Industria no Pordenone Docs Fest.
Ademais, as personas integrantes do Xurado Descubertas serán a xestora cultural e programadora María Juárez, a compositora musical e deseñadora Elba Fernández e o cineasta, crítico e tradutor Xavier Montoriol. Os tres entregarán o premio á Mellor Curtametraxe Descubertas, á Mellor Curtametraxe de GZ_00 e á Mellor Curtametraxe de Escolas de Cinema Internacionais.

María Juárez ten traballado dentro dos equipos de produción e comunicación en Documenta Madrid, Emergente CineLab!, MAFIZ, Alcine, Torino Film Lab e Rizoma, forma parte do equipo de Iberseries & Platino Industria e dirixe o festival Directed by Women Spain. A compositora Elba Fernández ten traballado nas bandas sonoras de proxectos como Hierro, Rapa, Ons, Código: Emperador ou Sica, entre outros. No ámbito gráfico, realiza key art, cartelería, títulos e deseño gráfico para cine e series. Xavier Montoriol está especializado en comisariado audiovisual e colaborou con publicacións especializadas en cinema como A Cuarta Parede, Otros Cines Europa, Outskirts, À pala de Walsh e é cofundador do espazo Muelle5. En 2024 estreou no festival Curtas Vila do Conde a súa primeira curtametraxe, Cantarà l’alosa.
Obras recibidas e premios
Para esta 18ª edición do FICBUEU, o equipo de programación visionou máis de 1.700 obras audiovisuais, fronte aos 1.212 filmes que se recibiron o ano pasado. Con respecto ao xénero, a ficción ocupa a maioría da porcentaxe das pezas recibidas, seguida, por esta orde, de animación, documental e experimental.
As películas finalmente seleccionadas poderán optar aos seguintes galardóns: Primeiro premio (2.000€ e trofeo); Premio do público (500 € e trofeo); Premio mellor curtametraxe galega (500 € e trofeo); Premio mellor curtametraxe española (500 € e trofeo); Premio á mellor curtametraxe Descubertas (500 € e trofeo); Premio á mellor curtametraxe GZ_00 (250 € e trofeo); e Premio á mellor curtametraxe de Escolas de Cinema Internacionais (250 € e trofeo).



