Bueu, 7/10/2025 – O pasado sábado 20 de setembro puxemos fin á 18ª edición do FICBUEU, unha cita que volveu consolidarse como referente cultural na comarca do Morrazo e no panorama cinematográfico nacional.
Esta edición destacou polo éxito de participación, cun incremento de asistencia en todas as seccións competitivas. Especialmente salientable foi a alta afluencia aos coloquios diarios, que rexistraron cifras récord e deron lugar a encontros enriquecedores entre o público e as e os cineastas convidados.
O FICBUEU 2025 programou preto de 80 películas, das que 43 foron estreas en Galicia e máis dun 10% en España; máis dunha trintena de nacionalidades estiveron representadas nesta edición. Ao longo do festival recibimos máis de corenta convidados e convidadas de dentro e fóra do país, que participaron tanto en proxeccións como en actividades paralelas.

A xornada inaugural contou cunha gran acollida: o trío galego Furanchology encheu de música o ambiente antes de dar paso a unha sala ateigada de público que asistiu ao discurso de apertura e á estrea de Romería, de Carla Simón. A proxección estivo seguida dun coloquio con parte do equipo da película, o director ferrolán e actor Alberto Gracia, a actriz Marina Troncoso e a montadora do filme Ana Pfaff.
O primeiro sábado celebráronse as Xornadas Cinematográficas, dedicadas este ano á relación entre música e cinema. Durante a xornada desenvolvéronse diferentes propostas que achegaron a Bueu profesionais de primeiro nivel da composición musical audiovisual. Estas actividades, cada vez máis seguidas tanto polo público especializado como polo público xeral, quedan xa dispoñibles no repositorio dixital na nosa canle de YouTube.
O domingo arrancaron as proxeccións de curtametraxes coas Seccións Escolas de Cinema Galegas e Internacionais, creadas co obxectivo de xerar sinerxías coa comunidade educativa e as e os novos cineastas. Proxectándose tamén a Sección Descubertas, que reuniu traballos innovadores de marcado carácter experimental, e a Sección GZ_00, dedicada a novos creadores e creadoras galegas que compartiron as súas obras co público nun coloquio abarrotado posterior á sesión.
O luns 8 arrincou a Sección Oficial, que a través de seis sesións se estendeu ata o sábado. Foi acompañada, por terceiro ano consecutivo, dun folleto de críticas cinematográfias que nos propoñen pensar e revisar as curtametraxes tralo visionado. Foron seis sesións que contaron coa presenza diaria de cineastas e coloquios posteriores que favoreceron o diálogo co público asistente. Durante esa semana compartimos unha conversa con Anxos Fazáns, gañadora do premio á Mellor curtametraxe galega no FICBUEU 2024, na que nos presentou en primicia fragmentos do seu novo filme As liñas descontinuas. Ademais, presentouse o Caderno FICBUEU #6 e a Sección Retrospectiva ligada a esta publicación. O seu autor, José Manuel Mouriño, afonda na relación entre o exilio e a imaxe cinematográfica a través das creadoras María Luisa Elío e María Zambrano, e a filósofa María Zambrano.

A última semana tivo como protagonistas ás novas xeracións co MiniFIC, un programa infantil e xuvenil que reuniu arredor de 2.000 nenas e nenos en proxeccións adaptadas a diferentes idades. O festival rematou o sábado 20 cunha xornada festiva que incluíu a Gala Escolas Escolas, na que se proxectaron os traballos finalistas e se outorgaron os premios, unha instalación artística arredor da historia dos xoguetes ópticos e rematamos, como é habitual, cunha sesión familiar de curtametraxes que encheu a sala.

O compromiso social volveu impregnar a programación do festival, tanto a través do carácter social da liña editorial dos filmes e do discurso da Asociación FICBUEU, como mediante accións concretas. Entre elas, continuamos ofrecendo o servizo gratuíto de ludoteca, a participación, un ano máis, da Asociación Juan XXIII, cuxas usuarias e usuarios, ademais de formar parte do voluntariado, impartiron obradoiros diarios na ludoteca. Tamén se mantivo a colaboración co Banco de Alimentos Vigo-Pontevedra, cunha recollida de produtos de alimentación, hixiene e xestión menstrual que este ano acadou a cifra máis elevada ata o momento, con máis de 450 quilos. Ademais, nesta edición o equipo de voluntariado contou tamén coa participación de persoas usuarias da ONG ACCEM.
O FICBUEU continúa cunha programación que se estende ao longo de todo o ano, con colaboracións tanto nacionais como internacionais, e con actividades no eido da educación e da acción social. Pechamos así a 18ª edición consolidando ao FICBUEU como unha cita imprescindible cada mes de setembro, tanto para a veciñanza do Morrazo como para o público cinéfilo internacional.



