O FICBUEU alcanza o ecuador da súa 19ª edición consolidando Bueu como punto de encontro internacional en torno á curtametraxe 

Bueu, 9 de setembro de 2026 – O Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU) alcanza o ecuador da súa 19ª edición tras unhas primeiras xornadas marcadas pola boa resposta do público e pola presenza en Bueu de cineastas e profesionais chegados de distintos países.

A competición internacional está integrada por 28 curtametraxes distribuídas en seis programas, que están a contar coa presenza de parte dos seus equipos para presentar os filmes e participar nos coloquios co público. Durante as primeiras sesións da Sección Oficial producíronse xa unha estrea internacional, catro estreas en España e tres en Galicia, dentro dunha selección que reúne diferentes procedencias, linguaxes e formas de entender o cinema contemporáneo.

En total, a 19ª edición do FICBUEU proxecta 78 películas de 28 países, con 41 estreas en Galicia, 19 en España e dúas estreas internacionais, consolidando a dimensión internacional do festival e o seu papel como espazo de exhibición e encontro arredor do cinema. A Sección Oficial continuará ata o sábado 12 de setembro, cando se dará a coñecer o palmarés da 19ª edición.

O FICBUEU continuará a súa programación ata o 19 de setembro coa programación do MINIFIC, mantendo a súa aposta pola formación e pola creación de novos públicos.

«Un setembro de cine», co comercio local

Coincidindo coa celebración da Sección Oficial, o FICBUEU colabora coa campaña «Un setembro de cine», unha iniciativa destinada a vincular a actividade do festival co comercio local do Morrazo e incentivar as compras nos establecementos da contorna. A acción desenvólvese do 7 ao 13 de setembro e repartirá un total de 750 euros en premios.

Durante estes días, as persoas asistentes ás proxeccións do FICBUEU recibirán unha tarxeta cun código que poderán introducir na web comerciodomorrazo.com para comprobar se resultou premiado. A campaña contempla nove vales directos de 50 euros ademais dun sorteo final de 300 euros para utilizar nos comercios adscritos.

Organizada polas asociacións comerciais ACICA, ACIMO e ACIBU, a iniciativa busca aproveitar a presenza de público en Bueu durante o festival para reforzar tamén o vínculo coa actividade económica da comarca. A campaña conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia e Comercio Galego e coa colaboración do FICBUEU.

Nova liña de autobús de regreso a Pontevedra

Para facilitar a asistencia á última sesión da Sección Oficial e favorecer os desprazamentos a Bueu sen vehículo particular, o servizo de autobús de regreso a Pontevedra conta cunha nova liña, operativa de luns a sábado.

A saída terá lugar ás 23.15 horas desde a parada de Bueu Porto, unha vez finalizada a última proxección da xornada. Esta nova ruta, creada en colaboración co Servizo de Mobilidade da Xunta de Galicia, reforzará a liña regular durante os días da Sección Oficial do festival.

Comparte o teu aprecio
Ir o contido
FICBUEU
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.