O FICBUEU camiña cara a normalidade cun amplo programa de filmes e actividades na 14ª edición

  • A organización e as administracións financiadoras presentaron a programación que se desenvolverá do 10 ao 19 de setembro

O 14º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra) ofrecerá entre o 10 e o 19 de setembro máis de cen filmes e ducias de actividades complementarias, retomando boa parte da programación previa á pandemia pero mantendo ao mesmo tempo as medidas de prevención fronte a Covid-19. Así se puxo de manifesto este mediodía na rolda de prensa que brindaron tanto representantes da organización como do Concello de Bueu, da Deputación de Pontevedra e da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, principais institucións cofinanciadoras do certame xunto co ICAA do Ministerio de Cultura.

A xefa de produción do certame, María Ruiz, puxo de relevo que “o FICBUEU camiña cara a recuperación da normalidade”, restablecendo propostas como as proxeccións para escolares, as charlas divulgativas, a radio ao vivo ou seccións como Retrospectiva e Panorama. Ao mesmo tempo, o programa incorpora entre as súas novidades un filme de apertura e outro de peche. A maiores, haberá obradoiros, coloquios ou o encontro co actor Alfonso Agra, que recibirá o Premio Cinema Galego. Outro síntoma de recuperación é que se tiveran presentado ao certame máis de 2.000 curtas, destacando na selección final a calidade dos documentais e mais o peso das cintas dirixidas por mulleres, en claro avance cara a igualdade de xénero.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, corroborou que “o programa do FICBUEU 2021 é moi completo, conservando a súa esencia” e destacou as actividades dirixidas ás e aos profesionais do eido cinematográfico, de xeito que “non só se contribúe á difusión do audiovisual, senón tamén a potenciar o sector”. O representante autonómico aproveitou asemade para expresar o seu “recoñecemento ás traballadoras e traballadores do mundo da cultura neste momento de incertidume” e garantiu que este tipo de eventos se poden celebrar de maneira segura.

Tamén a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, lle deu “parabéns á organización por sacar adiante este festival nun contexto complexo” e por “unha traxectoria de catorce anos que pon de manifesto o compromiso coa cultura e co cinema”, contribuíndo a “dinamizar o sector cultural e a economía”. A deputada provincial salientou ademais como “a veciñanza de Bueu e arredores se involucra co festival, participando nas actividades, valorando as curtametraxes, etc.”

Pola súa banda, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, definiu o certame como “un proxecto compartido” no que “se consolida un traballo que se leva a cabo durante todo o ano e que ten o cinema como protagonista”. Cualificouno así mesmo como unha iniciativa estratéxica que fai posible “gozar da cultura, das relacións sociais, da convivencia e compartir emocións”. Unha cita que “contribúe á nosa formación como persoas” e que nos permitirá “achegarnos pouco a pouco á normalidade, sen baixar a garda”, concluíu o rexedor.

Neste senso, manterase o aforo reducido segundo a normativa vixente, a máscara obrigatoria, as distancias de seguridade ou a aplicación de xel hidroalcólico nas entradas e saídas. A programación completa do 14º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu está dispoñible na web, onde tamén se poden adquirir xa as entradas.

Comparte o teu aprecio
Ir o contido
FICBUEU
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.