O FICBUEU celebra unha nova edición de Cinema na praia con flocos de millo de variedades autóctonas galegas

Bueu, 24/08/2026 – O Festival Internacional de Cinema de Bueu celebra unha nova edición de Cinema na praia este venres 28 de agosto na Praia de Bueu (Banda do Río), cunha dobre sesión de curtametraxes ao aire libre e de balde. 

As proxeccións estarán organizadas en dúas quendas. A primeira, ás 22:00 horas, estará composta por filmes recomendados para todos os públicos, mentres que ás 23:00 horas terá lugar unha segunda sesión, con curtametraxes destinadas a persoas maiores de 16 anos.

Como é habitual, o FICBUEU ofrecerá flocos de millo de balde ás persoas asistentes, pero nesta ocasión farao da man da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), nunha colaboración que pon en valor a investigación e a conservación das variedades agrícolas autóctonas. Os flocos de millo que se ofrecerán durante as sesións proceden de variedades galegas autóctonas estudadas polo Grupo de Investigación en Xenética e Mellora de Millo da Misión Biolóxica de Galicia, centro do CSIC especializado na investigación agraria, forestal e ambiental.

O Grupo de Investigación en Xenética e Mellora de Millo é o que conta cunha traxectoria máis longa na Misión Biolóxica de Galicia, onde desenvolve a súa actividade desde 1974. A partir do traballo de recollida de variedades galegas autóctonas, o grupo contribuíu á creación dun Banco de Xermoplasma, tamén coñecido como Banco de Sementes, que conserva actualmente preto de 250 poboacións diferentes de millo. Na actualidade, as súas investigacións céntranse, entre outros ámbitos, na identificación de variedades vexetais de millo resistentes a diferentes estreses bióticos e aos derivados do cambio climático, así como na mellora do millo destinado ao consumo.

Para saber máis, pódense consultar dous vídeos sobre que son os Bancos de Sementes e sobre as características do Millo de Palomitas:

Que son os bancos de sementes
características do millo de palomitas

Para gozar das sesións con comodidade, a organización recomenda ao público levar cadeiras, mantas, toallas ou outros elementos para sentar durante as proxeccións na praia.

No caso de que as condicións meteorolóxicas non permitisen realizar as proxeccións na praia, a actividade trasladarase ao Estaleiro de Purro.

Cinema na praia será a antesala da 19ª edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu, que se celebrará do 4 ao 19 de setembro.

Esta actividade conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra.

Comparte o teu aprecio
Ir o contido
FICBUEU
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.