O FICBUEU estreou “Buscar traballo”, a curtametraxe do obradoiro audiovisual da Área Social, nun auditorio cheo e cun coloquio moi emotivo

Bueu, 3 de novembro de 2026 – A proxección da curtametraxe Buscar traballo, creada no obradoiro audiovisual da Área Social do FICBUEU en colaboración con Accem, encheu o Centro Social do Mar de Bueu o pasado 28 de outubro. 

A estrea tivo lugar nunha sesión cunha dobre proxección, na que a curtametraxe compartiu pantalla con Emilia, o documental dirixido por Rafa Arroyo en colaboración coa Asociación Somos Acogida. Dúas historias que poñen o foco no que moitas veces non se ve: as dificultades para atopar traballo sendo migrante e a solidariedade que, a pesar de todo, tece comunidade.

Buscar traballo é o froito do obradoiro de creación audiovisual desenvolvido en agosto coas persoas usuarias do centro de Atención Humanitaria de Accem en Bueu. Durante varias xornadas, os usuarios participantes percorreron todas as fases da creación dunha curtametraxe: a historia e o guion, a preprodución, a rodaxe e a montaxe. Cada grupo asumiu responsabilidades nos equipos de dirección, produción, cámara, son e arte, e de forma colectiva levaron o proxecto desde a idea inicial ata o resultado final. A historia, contada por quen coñece esta experiencia de primeira man, aborda os obstáculos aos que se enfronta unha persoa migrante para atopar emprego.

Tras a proxección, parte do equipo da curtametraxe compartiu a súa experiencia co público nun coloquio onde non faltaron as preguntas, os aplausos e a emoción. Foi un momento especial no que o cinema demostrou ser unha ferramenta de expresión, creatividade e traballo en equipo, e unha ponte entre quen chega e a comunidade que o acolle.

Pola súa parte, Emilia retrata a unha activista incansable polos dereitos humanos e polo movemento feminista que, a través do amor, da empatía e da solidariedade, loita cada día pola xustiza social e redefine o concepto de familia para moitos mozos e mozas que quedan na rúa ao cumprir a maioría de idade.

O obradoiro forma parte da programación da Área Social do FICBUEU 2026, unha liña de traballo que a asociación desenvolve desde 2016 con colectivos en situación de vulnerabilidade, principalmente na provincia de Pontevedra. A través de proxeccións con coloquio e obradoiros de creación de curtametraxes, o cinema convértese en ferramenta de inclusión, educación e cohesión social.

Desde o FICBUEU queremos agradecer a todas as persoas implicadas nesta iniciativa o seu traballo e a súa xenerosidade; El Rincón de Cela, Muebles Del Río e Restaurante Loureiro por ceder os seus espazos e colaborar na curtametraxe,  a Accem e á Asociación Somos Acogida polo seu apoio, e ao público que nos acompañou, pola súa presenza.

Pódese ver a curtametraxe aquí:

 Este proxecto conta co apoio da Fundación “la Caixa” e co financiamento da Deputación de Pontevedra.

Comparte o teu aprecio
Ir o contido
FICBUEU
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.