O FICBUEU explora a conexión entre música e cinema nas súas Xornadas Cinematográficas

Bueu, 12/08/2025 – Un ano máis, dentro da programación do festival, que se celebrará entre o 5 e o 20 de setembro, organizamos as Xornadas Cinematográficas, un espazo dedicado á reflexión sobre a arte cinematográfica e as disciplinas que a rodean. Nesta 18ª edición do FICBUEU as xornadas estarán dedicadas á relación entre música e cinema, baixo o título: Música e cinema. A composición como elemento narrativo. As actividades terán lugar o sábado 6 de setembro, e contaremos con profesionais de prestixio que abordarán diferentes perspectivas, análise e experiencias arredor da composición musical no ámbito audiovisual.

Visitarán Bueu profesionais como Ana Pfaff e Ernest Pipó para falar sobre a música e a montaxe en Romería, de Carla Simón; e outros como Ana Morote, Gustavo Gill, Iván M. Lacámara, Mara Villavicencio, Alberto Torres e Gabi Martínez abordarán a creación das bandas sonoras e o emprego da música na creación audiovisual.
O público poderá coñecer da man do crítico de cinema Diego Salgado os nomes das compositoras que fixeron grandes aportes á historia da composición cinematográfica, mentres que o especialista en música de cine Conrado Xalabarder analizará a importancia do son e da música no cinema de David Lynch.

Encontros profesionais

Para continuar afondando na composición como elemento narrativo, levaranse a cabo uns Diálogos sobre a composición en colaboración con Musimagen (Asociación de Compositorxs de Música para el Audiovisual). Esta actividade consistirá en tres mesas nas que compositoras e compositores de bandas sonoras conversarán por parellas sobre cuestións relacionadas con coa composición musical para o audiovisual, combinando un perfil experimentado cun perfil máis novel.

Os seus protagonistas serán Alicia Morote e Gustavo Gill para falar sobre como comezar a compoñer e os procesos da creación da canción dentro do cine; Iván M. Lacámara e Mara Villavicencio, que se centrarán no aspecto máis tecnolóxico, sintetizadores e hibridación sonora; e Alberto Torres e Gabi Martínez, que aboradarán o deseño sonoro e o guión musical.

As compositoras de bandas sonoras

Como outra das actividades destas Xornadas Cinematográficas, o crítico de cinema e divulgador de cómic e cultura popular Diego Salgado impartirá unha clase maxistral na que propoñerá unha viaxe polos aportes das compositoras á historia da música de cine. Doreen Carwithen, Shirley Walker, Rachel Portman, Hildur Guðnadóttir e Mica Levi serán algunhas das compositoras protagonistas desta ponencia onde poderemos descubrir os aportes das mulleres á historia da música no cine. 

A palestra non só se centrará nas figuras máis recoñecidas, senón que atenderá tamén ás autoras de culto e ás circunstancias de produción cultural e recepción social que condicionaron a presenza dunhas e doutras.

A música e a montaxe en Romería

Tal e como xa adiantamos, unha das actividades destas xornadas porá o foco sobre A música e a montaxe en Romería, que será o filme inaugural desta 18º edición do festival. Será nun encontro no que Ana Pffaf (montadora) e Ernest Pipó (compositor) reflexionarán sobre os procesos de traballo conxunto no filme de Carla Simón, nunha sesión moderada por Gaspar Broullón e na que se dialogará co público sobre a importancia das sinerxías entre ambas disciplinas. 

David Lynch visto cos ouvidos

As Xornadas Cinematográficas do FICBUEU acollerán tamén a actividade Análise fílmica. David Lynch visto cos ouvidos, na que o especialista en música de cine Conrado Xalabarder analizará a importancia do son e da música no cinema do director.  Lynch fixo uso tanto do son como da música con finalidades artísticas, para completar os seus filmes e convertelos nunha experiencia única. Tomando isto como referencia, comentaranse globalmente algúns dos seus filmes máis representativos e particularmente algunhas escenas, procedentes de clásicos lynchianos como The Elephant Man (1980), Blue Velvet (1986), Twin Peaks (1990) ou Mulholland Drive (2001), entre outras. O encontro pecharase coa proxección de The Grandmother (1970), unha das primeiras curtas dirixidas polo cineasta.

Estas actividades son abertas ao público e de balde.

Programa Sábado 6. Xornadas cinematográficas:

  • 11:00 H Encontros profesionais. Diálogos sobre a composición
  • 16:30 H Clase maxistral. Do clasicismo á modernidade: as compositoras de bandas sonoras
  • 18:30 H Conversa. A música e a montaxe en Romería
  • 20:30 H Análise fílmica. David Lynch visto cos ouvidos

Comparte o teu aprecio
Ir o contido
FICBUEU
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.