O FICBUEU explora a historia da ciencia ficción a través da curtametraxe na súa XIX edición

Bueu, 23 de xullo do 2026 – O festival, que se celebrará do 4 ao 19 de setembro, dedica a súa retrospectiva e o novo Caderno FICBUEU a analizar como o formato curto foi clave na evolución dun dos xéneros máis influíntes da historia do cinema

A ciencia ficción será un dos grandes eixos temáticos da XIX edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU), que se celebrará do 4 ao 19 de setembro. O certame dedicará a súa tradicional retrospectiva a percorrer máis de 130 anos de historia do xénero a través da curtametraxe, unha viaxe que se completa coa publicación dun novo volume da colección Cadernos FICBUEU, asinado pola investigadora e cineasta Irene de Lucas Ramón.

Baixo este enfoque, o festival reivindica o papel esencial da curtametraxe na construción da ciencia ficción como linguaxe cinematográfica. Lonxe de ser un formato secundario, os filmes curtos converteron o xénero nun espazo de experimentación onde, desde os primeiros anos do cinema ata a actualidade, cineastas de distintas épocas puxeron a proba novas formas de representar o futuro, imaxinar outros mundos e explorar os límites da narrativa e da creación visual.

A retrospectiva reunirá unha selección de obras fundamentais que percorren distintas décadas e estilos, desde os pioneiros do cinema como Georges Méliès, Alice Guy ou Segundo de Chomón ata autores e autoras contemporáneas como Chris Marker, Guy Maddin, Coralie Fargeat, Chema García Ibarra ou Jérémy Clapin. O programa permitirá descubrir fitos da historia do xénero como o primeiro robot do cinema, a primeira curtametraxe española de ciencia ficción, viaxes espaciais, distopías, invasións alieníxenas, futuros alternativos ou reflexións sobre a memoria e a tecnoloxía. Tamén se evidenciaría a capacidade da ciencia ficción para dialogar con outros rexistros como a comedia, o surrealismo, o musical ou o cinema experimental.

Novo Caderno FICBUEU a cargo de Irene de Lucas Ramón

Como complemento á programación, o festival publicará un novo título da colección Cadernos FICBUEU, dedicado a afondar na relación entre a ciencia ficción e a curtametraxe. A publicación propón un percorrido polos códigos que definiron o xénero desde os seus inicios e analiza como o formato curto contribuíu decisivamente á súa evolución, establecendo conexións entre distintas épocas, autores e formas de entender a imaxinación cinematográfica.

A autora do volume é Irene de Lucas Ramón, doutora en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Valencia, investigadora especializada no cinema dos primeiros tempos e nas figuras pioneiras da historia cinematográfica. Autora de libros como Alice Guy en el origen del cine ou Helena Cortesina. Una cineasta pionera en España, compaxina o labor investigador coa dirección e guión de curtametraxes premiadas en festivais nacionais e internacionais, ademais dunha intensa actividade como programadora, relatora e colaboradora en publicacións especializadas.

Con esta retrospectiva e o novo Caderno, o FICBUEU propón unha mirada ampla sobre un dos xéneros máis fértiles da historia do cinema e reivindica a curtametraxe como un territorio privilexiado para a innovación, a experimentación e a capacidade de anticipar o futuro. Unha proposta que reforza a vocación do festival por ofrecer ao público ferramentas para descubrir, contextualizar e reflexionar sobre o cinema máis alá das proxeccións.

A publicación deste volume dá continuidade á colección Cadernos FICBUEU, unha serie de publicacións anuais coa que o festival contribúe á bibliografía e á historiografía cinematográficas desde a perspectiva da curtametraxe. O anterior título da colección, O destino como forma. Imaxes do exilio / exilios da imaxe, de José Manuel Mouriño, continuou ao longo do último ano o seu percorrido por diferentes institucións culturais e académicas, con presentacións na Filmoteca de Galicia, o Goethe-Institut Madrid, o Lenfest Center for the Arts, o Instituto Cervantes de Nova York, a Filmoteca de Andalucía ou a Facultade de Filosofía da Universidade Complutense de Madrid. Unha traxectoria que evidencia a proxección da colección máis alá do festival e reforza o compromiso do FICBUEU coa investigación, a divulgación e o pensamento arredor do cinema.

A edición deste caderno lévase a cabo coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da Secretaría Xeral da Lingua.

Comparte o teu aprecio
Ir o contido
FICBUEU
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.