O FICBUEU incrementa case un 40% o público da súa sección oficial e volve colgar o cartel de ‘non hai entradas’ para algunhas actividades

I Na penúltima xornada de proxección de filmes a concurso, a deste venres, exhibiranse nove curtametraxes de ficción, animación e documentais chegadas de 8 países de 3 continentes 

BUEU. 14.08.2023. O pasado sábado, o FICBUEU penduraba o cartel de ‘Non hai entradas’ para a proxección do filme 20.000 especies de abellas, da realizadora Estibaliz Urresola preseleccionado para os Oscar. Era o segundo día do Festival e resultou un bo sinal. Durante as tres primeiras xornadas da «Sección Oficial», o público incrementouse en máis dun 37%. Algunhas das sesións de tarde, en concreto as das 19.30 horas, tiveron ocupación próximas ao 90%. 

O movemento do despacho electrónico de entradas permite avanzar xa un alto nivel de ocupación en diferentes proxeccións desta fin de semana. É o caso da sesión de curtametraxes a concurso da tarde do venres. 

A programación da fin de semana ten entre os seus atractivos a retrospectiva adicada ao documentalista holandés Joris Ivens, un dos grandes do xénero na historia do cinema, o concerto da banda compostelá de rap Malandrómeda e o acto da entrega dos premios FICBUEU 2023. 

 

Penúltima xornada de proxeccións da «Sección Oficial»

Pero antes, mañá venres, o Festival proxectará 9 das 28 curtametraxes a concurso da «Sección Oficial». Os pases (ás 19.30 e ás 21.30 horas) reunirán na pantalla do Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu películas de ficción, animación e documentais chegadas de Canadá, Chipre, Reino Unido, Grecia, Portugal, Hungría, Somalia e España, país con dúas candidatas a premio: Aqueronte, do sevillano Manuel Muñoz Rivas (filme que combina drama e xénero fantástico, galardoado xa no Festival de Rótterdam) e Alicia fai cousas, do director e guionista galego Ángel Santos, que acadou catro dos principais premios na pasada edición do Festival de Cans. 

O realizador de Marín tamén será quen protagonizará o espazo «Coloquio con cineastas» que terá lugar mañá entre as dúas sesións de películas. Ángel Santos conversará co público do FICBUEU (21.00 horas) tras a proxección da súa curtametraxe para afondar no seu significado e no proceso creativo que desenvolveu durante a súa realización.

 

«Saltos de Eje» pecha a sección dos podcasts en vivo

Mañá finalizará tamén a sección «Cinema e Radio», que dende o luns ten permitido ao público do certame escoitar en directo diferentes programas radiofónicos especializados en cinema. O podcast mensual Saltos de Eje gravarase en vivo (18.00 horas, na Sala Amalia Domínguez Búa, punto de encontro do Festival) e permitirá achegarse a un espazo de reflexión e diálogo sobre a industria cinematográfica actual, así como coñecer cara onde se dirixe ou cales son os seus principais retos e oportunidades. Diego Rufo, creador e coordinador do podcast, ademais de realizador e crítico, presentará o programa dende Bueu.

Comparte o teu aprecio
Ir o contido
FICBUEU
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.