Bueu, 27/04/2026 – O Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU) pon en marcha un certame de creación artística dirixido a nenas, nenos, mozas e mozos de 3 a 16 anos. O obxectivo é atopar unha proposta gráfica que pase a formar parte da imaxe oficial do MINIFIC, o programa de actividades e proxeccións destinado ao público infantil, escolar e xuvenil do festival.
A 19ª edición do FICBUEU celebrarase do 4 ao 19 de setembro de 2026 e terá a ciencia ficción como eixo temático das súas Xornadas Cinematográficas. Baixo esta premisa, os participantes deberán crear un debuxo ou imaxe orixinal inspirado nese universo.
As obras deberán presentarse en formato A4 ou A3 vertical, en branco e negro ou cunha soa cor. Poderán realizarse tanto en formato físico como dixital, e poden consistir unicamente nunha imaxe ou combinar imaxe e texto.
Un xurado designado pola Asociación FICBUEU valorará a orixinalidade, a creatividade e a relación coa temática da ciencia ficción. O fallo darase a coñecer antes do 10 de xuño a través da páxina web e das redes sociais do festival.
A obra seleccionada pasará a formar parte da imaxe oficial do MINIFIC 2026, que poderá adaptarse e combinarse con outros elementos gráficos propios do festival. A súa autora ou autor recibirá, ademais, unha impresión da súa creación e dous convites para asistir á proxección da sección Curtas en Familia, que clausura a programación do MINIFIC.
O prazo para o envío das propostas permanecerá aberto ata o venres 29 de maio de 2026 ás 23:59 h. As inscricións deberán enviarse ao correo minific@ficbueu.com cunha imaxe en boa resolución da obra e os datos persoais da persoa participante (nome, apelidos, idade e teléfono de contacto).
Poden consultarse as bases aquí.
Con esta iniciativa, o FICBUEU continúa a promover a participación activa do público máis novo, fomentando a creatividade e o vínculo co cinema desde idades temperás.



