O FICBUEU pecha a tempada cunha forte proxección internacional

Bueu, 10/07/2026 – A piques de presentar a súa 19ª edición, o FICBUEU fai balance dunha tempada marcada por unha intensa actividade, cunha ampla programación e múltiples colaboracións con eventos culturais e festivais nacionais e internacionais.

Ao longo de todo o ano, o festival traballou na visibilización da curtametraxe e no reforzo da súa presenza no panorama cinematográfico internacional, ampliando a súa rede de colaboracións e promovendo o intercambio cultural e a difusión do cinema en formato curto.

O ano comezou coa celebración en Bueu, por terceiro ano consecutivo, dunha nova sesión de Shortcutz Amsterdam, un circuíto internacional que conecta audiencias de todo o mundo para outorgar o Premio do Público Internacional deste festival neerlandés. Máis información aquí.

No mesmo mes de xaneiro, o FICBUEU participou nas xornadas Unha cuestión de perspectiva. As mulleres no audiovisual galego, organizadas polo Concello de Pontevedra no marco da programación cultural previa aos Premios Feroz. A responsable de comunicación do festival, Lucía Rodríguez, formou parte da mesa redonda Os circuítos do cinema galego, na que se abordaron cuestións como a perspectiva de xénero nos festivais, a oferta cinematográfica nas salas e outros espazos de exhibición, divulgación e consumo audiovisual.

No mes de abril celebrouse unha nova edición de Noite de Festivais, unha iniciativa consolidada xa como un espazo de encontro entre certames internacionais e o público galego arredor do cinema breve. A proposta reúne nunha sesión especial curtametraxes seleccionadas por festivais convidados de distintos países, ofrecendo ao público a posibilidade de descubrir pezas dificilmente accesibles nos circuítos habituais. Máis información aquí.

Foi precisamente en abril cando o FICBUEU iniciou en Marsella (Francia) o desenvolvemento do proxecto europeo EIYEI, Youth Empowerment Initiative, impulsado no marco do programa Erasmus+ xunto con entidades de Francia, Italia e Grecia.

A iniciativa busca favorecer a inclusión social e profesional da mocidade en situación de vulnerabilidade a través da cultura, o cinema e as novas tecnoloxías inmersivas. O proxecto articúlase arredor da creación dun hub dixital concebido como un espazo de formación, experimentación e produción audiovisual, no que as persoas participantes poderán adquirir competencias técnicas e transversais vinculadas ás profesións do futuro.

Ademais, EIYEI proporcionará recursos pedagóxicos ao profesorado e aos axentes socioeducativos para reforzar o acompañamento da mocidade en situación de exclusión ou abandono escolar. O proxecto desenvolverase durante os próximos dous anos, período no que os catro socios manterán encontros de traballo nos distintos países participantes.

A actividade internacional do festival continuou en maio coa participación de María Ruiz-Falcó, codirectora do FICBUEU, nos Encontros Profesionais organizados polo Festival de Cinema de Viana do Castelo (Portugal), dentro do Foro Cinema e Escola. Ruiz-Falcó participou na terceira mesa redonda do encontro, centrada nas prácticas pedagóxicas en Portugal e Galicia, e presentou o proxecto educativo que desenvolve o FICBUEU. Nesta xornada abordáronse tamén cuestións relacionadas coa conexión entre a industria audiovisual e o cinema destinado á infancia e á mocidade, coa vontade de reforzar os vínculos entre proxectos de educación cinematográfica, profesorado e axentes culturais.

Neste mes de xullo, María Ruiz-Falcó regresa a Portugal convidada pola 34ª edición do Curtas Vila do Conde – International Film festival, un dos festivais de curtametraxes máis relevantes do panorama internacional.

A presenza do FICBUEU no exterior completouse coa participación no Adriatic Film Festival (Italia), onde María Ruiz-Falcó presentou o proxecto do festival no marco do programa profesional Coproduction Forum. Ademais, o festival tivo a oportunidade de programar dentro da sección Fuori Concorso, Aunque es de noche, de Guillermo García López, gañadora do Premio á Mellor Curtametraxe Española da 17ª edición do FICBUEU.

Xunto a estas colaboracións internacionais, o festival continuou reforzando o seu compromiso social a través da participación en diferentes iniciativas e programacións desenvolvidas en colaboración con colectivos como Ambienta, o Cineclube Entre Cortiñas ou a organización Polari. Máis información sobre estas actividades aquí.

Todas estas experiencias contribúen a fortalecer alianzas, abrir novas vías de cooperación e seguir enriquecendo un proxecto cinematográfico, cultural e social que medra edición tras edición.

Como broche a un ano especialmente intenso, o FICBUEU recibiu un importante recoñecemento por parte da Academia de Cine ao ser incorporado á listaxe oficial de festivais cualificadores para os Premios Goya nas categorías de Mellor Curtametraxe de Ficción, Mellor Curtametraxe Documental e Mellor Curtametraxe de Animación.

A inclusión do certame nesta relación supón un paso adiante na súa traxectoria e un aval da súa aposta constante pola excelencia na programación e pola promoción do formato curto ao longo das súas dezaoito edicións. Este recoñecemento reforza a posición do FICBUEU como unha cita de referencia para cineastas, produtoras e profesionais do sector audiovisual.

Agardámosvos na 19ª edición do festival, que terá lugar do 4 ao 19 de setembro!

Comparte o teu aprecio
Ir o contido
FICBUEU
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.