Bueu, 8/07/2025 – Antes de presentar a 18ª edición do FICBUEU, facemos un repaso da intensa actividade que desenvolvemos durante o primeiro semestre do ano, cunha ampla programación e múltiples colaboracións con eventos culturais e festivais nacionais e internacionais.
Desde o FICBUEU traballamos ao longo do ano para acadar unha maior proxección, tanto a nivel estatal como internacional, co obxectivo de dar visibilidade ás curtametraxes e posicionar o FICBUEU dentro do panorama cinematográfico internacional. Para iso, seguimos ampliando unha rede de colaboracións con festivais e eventos culturais que medra cada ano e reforza o intercambio e a difusión do cinema.
Por segundo ano consecutivo, Bueu foi a sede española do Shortcutz Amsterdam, un evento global con proxeccións noutras cidades como Edimburgo, Berlín, Budapest, Lisboa, Río de Janeiro ou Montevideo, a través do cal se outorga o Premio do Público Internacional do festival neerlandés. A sesión tivo lugar no Centro Social do Mar, onde se proxectou unha selección de curtametraxes internacionais e o público actuou como xurado popular, elixindo a súa favorita entre as propostas neerlandesas.
O FICBUEU tamén formou parte do xurado internacional do Alexandria Short Film Festival (ASFF), un dos festivais máis consolidados de Oriente Medio. O noso codirector, Manuel Pena, viaxou a Exipto para participar no xurado da sección internacional, compartindo responsabilidade con figuras como o cineasta exipcio Yousry Nasrallah; a programadora do Clermont-Ferrand ISFF, Camille Varenne; a directora executiva do Kazan Muslim Film Festival, Milyausha Aituganova, e a actriz exipcia Shery Adel.
No marco do Festival de Cine Hispanófono de Atenas (FeCHA), o FICBUEU organizou unha sesión especial de curtametraxes galegas no Instituto Cervantes de Atenas, presentada pola codirectora do FICBUEU, María Ruiz-Falcó Tejeda, acompañada polo cineasta Eloy Domínguez Serén. As pezas seleccionadas amosaron a diversidade e calidade do panorama galego actual:
- Habitar, de Anxos Fazáns, un documental sobre a construción da identidade.
- Ulises, de Félix Brixel, unha proposta sensorial onde a imaxe prevalece sobre a palabra.
- Rompente, de Eloy Domínguez Serén, retrato honesto e realista sobre a precariedade na costa galega.
- Sandwich Cat, de David Fidalgo, que combina humor surrealista e crítica social.
Continuando coa internacionalización do noso catálogo, o FICBUEU participou no Adriatic Film Festival, en Italia, levando a curtametraxe Frialdad, da directora Andrea Sánchez, que formou parte da Sección Oficial da pasada edición do noso festival.
Ademais, María Ruiz-Falcó Tejada participou tamén nas xornadas de curtametraxe do Cinema Jove, na mesa Panorama de festivais internacionais, no marco do Curt Creixent. Este espazo foi clave para a análise, o pensamento crítico e o intercambio entre profesionais do audiovisual. Na sesión, compartiu experiencias con Carlos Ríos, do D’A Festival Cinema Barcelona; Pilar Almenar, do Festival Internacional de Cinema i Drets Humans de València; e Andrea Diéguez, do Medina Film Festival. A mesa, na que se abordaron temas como a profesionalización, formación, proxección e retos comúns no ámbito dos festivais de curtametraxes, estivo moderada por Beatriz Hernández, directora do Skyline Film Festival.
O FICBUEU tamén colaborou na programación dun foco dedicado ao novo cinema galego no Tramway Film Festival (Polonia), reforzando así a promoción internacional das nosas curtametraxes.
O semestre pechouse con dúas colaboracións centradas na visibilidade do colectivo LGTBI+. Por unha banda, o FICBUEU participou unha vez máis na Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ de Pontevedra, Ambienta, coa programación dunha sesión de curtametraxes para a clausura da edición 2025. As obras proxectadas foron:
- Big Boys Don’t Cry, de Arnau Delmarle (Francia)
- Solo KIM, de Javier Prieto de Paula e Diego Herrero (España)
- Three, de Amie Song (Estados Unidos)
Por outra banda, o festival sumouse ao programa municipal Visibiliza Bueu pola Igualdade, do Concello de Bueu, cunha xornada dedicada á reivindicación da tolerancia, a igualdade e a dignidade das persoas LGTBI+. O FICBUEU programou unha sesión de curtametraxes que incluiu as seguintes pezas:
- Victoria, de Daniel Toledo Saura (España)
- Maurice´s bar, de Tom Prezman e Tzor Edery (España)
- Dang Wo Wang Xiang Ni De Shi Hou, Shuli Huang (China)
- Yulia & Juliet, Zara Dwinger (Países Baixos)
Ademais, desde a Área Social do FICBUEU, puxemos en marcha unha colaboración coa Fundación Menela, entidade de apoio a persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA). Durante unha semana, traballamos cos alumnos do Servizo de Apoio á Inclusión Laboral (SAL) nun obradoiro de creación audiovisual que abarcou todas as fases da produción dunha curtametraxe. Este obradoiro contou co apoio da Deputación de Pontevedra.
Estes primeiros seis meses de actividade reafirman o compromiso do FICBUEU coa difusión e co apoio á curtametraxe. Seguiremos traballando para impulsar a presenza do festival e das obras que o integran en espazos audiovisuais de referencia, tanto nacionais como internacionais.









