Bueu, 28/09/2026 – O Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU) pechou a súa 19ª edición cun balance especialmente positivo da dimensión internacional acadada este ano, da calidade da programación e da resposta do público, tanto nas seccións competitivas como nas Xornadas Cinematográficas e nas actividades educativas do MiniFIC.
Un dos aspectos máis destacados desta edición foi a presenza en Bueu de cineastas e profesionais chegados de diferentes puntos de Europa, Asia e Norteamérica, que viaxaron ao festival para presentar persoalmente os seus traballos e conversar co público. Ao longo da Sección Oficial pasaron por Bueu cineastas e profesionais como Gonçalo Pina, Kyrylo Zemlyanyi, Mushi Cai, Hanxiong Bo, Alejandro Egido, Jocelyn Charles, Hao Zhou, Alice Eça Guimarães ou Éric Robidoux, ademais dos representantes do cinema galego e estatal presentes nos diferentes programas.
Especialmente significativa foi a visita do cineasta ucraíno Kyrylo Zemlyanyi, que puido presentar persoalmente Unavailable ante o público de Bueu. A complexidade para facer posible a súa viaxe desde Ucraína converteu a súa presenza nun dos momentos máis especiais desta edición para o equipo do festival, que destaca o valor de poder ofrecer ao público a oportunidade de coñecer directamente ao responsable dunha película estreitamente ligada á realidade do conflito.
Un público implicado como sinal de identidade
A relación entre os cineastas e o público de Bueu foi precisamente outro dos elementos máis valorados polos profesionais que participaron no festival. Desde a dirección do FICBUEU destacan os comentarios recibidos por parte dos convidados internacionais sobre un público atento, coñecedor, participativo e disposto a conversar arredor das películas, unha característica que o festival foi consolidando ao longo dos anos.
Esta implicación estendeuse tamén ás Xornadas Cinematográficas, que nesta edición abordaron os límites éticos, políticos, industriais e culturais do cinema contemporáneo. Aínda que se trata dun espazo cunha vertente máis profesional e de reflexión, as mesas redondas e clases maxistrais volveron contar coa participación dun público diverso nos debates, reforzando a vontade do FICBUEU de facer do pensamento cinematográfico unha parte central da experiencia do festival.
Unha selección especialmente valorada
A dirección do FICBUEU destaca tamén a calidade da selección cinematográfica, un aspecto que xa situara como unha das fortalezas da edición durante a súa presentación e que foi posteriormente referendado tanto pola resposta do público como polas valoracións dos profesionais convidados.
A Sección Oficial reuniu 28 curtametraxes distribuídas en seis programas, cunha selección diversa en procedencias, linguaxes e formas cinematográficas. A edición contou ademais cunha maior presenza do cinema documental e da animación, dous formatos que tiveron unha moi boa acollida entre o público e que se fixeron visibles tamén no palmarés. A animación protagonizou dous dos principais recoñecementos da edición: a francesa Dieu est timide, de Jocelyn Charles, obtivo o Premio FICBUEU 2026, mentres que El cuerpo de Cristo, de Bea Lema, foi recoñecida como Mellor Curtametraxe Galega. Pola súa banda, Hasta mañana si Dios quiere, de Alejandro Egido, recibiu o premio á Mellor Curtametraxe Española, e o público escolleu No Skate!, de Guil Sela, como a súa película favorita.
Novas xeracións para o público do FICBUEU
Xunto á consolidación do público habitual, outro dos obxectivos nos que o festival leva traballando nos últimos anos é o de rexuvenecer as súas audiencias e facilitar que novas xeracións se incorporen á programación cinematográfica.
Ese traballo tivo unha das súas principais expresións no MiniFIC, que ocupou a última semana do festival. Preto de 1.700 alumnos e alumnas de doce centros educativos da contorna participaron nas proxeccións escolares, cun programa internacional de curtametraxes acompañado de unidades didácticas específicas para continuar o traballo nas aulas. A valoración trasladada polo profesorado foi especialmente positiva tanto respecto á calidade da selección cinematográfica como ao traballo desenvolvido arredor dos materiais educativos.



