Please ensure Javascript is enabled for purposes of website accessibility FICBUEU • O FICBUEU presenta a 15ª edición do festival cunha nova imaxe e estrutura •
FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINEMA DE BUEU

Novas do festival

← Volver

O FICBUEU presenta a 15ª edición do festival cunha nova imaxe e estrutura

FICBUEU

A programación deste ano estenderase ata case as dúas semanas de duración.

A principal novidade nesta edición serán as xornadas cinematográficas, un espazo para a reflexión sobre a arte do cinema da man de profesionais do sector.

O Festival Internacional de Cinema de Bueu presenta a súa 15ª edición cun amplo programa que comezará o próximo domingo 11 de setembro e se prolongará ata o sábado 24, traendo de novo unha selección das mellores curtametraxes nacionais e internacionais.

Cartel FICBUEU 2022

Tras voltar á total normalidade logo de varios anos marcados pola situación derivada da crise sanitaria, o FICBUEU continúa coa progresión das pasadas edicións e presenta un novo formato que vai máis aló do festival, co claro obxectivo de poñer en valor os proxectos que se realizan durante os meses anteriores e posteriores ao evento. 

Así xorde a nova estrutura do FICBUEU, que se basea nas diferentes accións que realiza a organización ao longo do ano: o festival de curtametraxes, as colaboracións con festivais, asociacións e outras entidades, as novidosas xornadas cinematográficas e o futuro proxecto de residencia de creación.

Programación e novidades da 15ª edición

As sesións de proxección seguirán a ser a parte principal do festival de curtametraxes, que dará comezo co acto inaugural do día 11 de setembro, onde se estrearán dúas pezas realizadas coa Asociación Érguete de Vigo e coa Asociación Juan XXIII de Cangas.

A programación recollerá máis de 100 curtametraxes e varios coloquios coas directoras e directores, ademais doutras actividades como Carne Cruda, o podcast Espazo Negativo, a VII Ruta das Tapas 5 Estrelas, o V Mercado de Curtametraxes ou a presentación do Caderno FICBUEU#3, titulado “As prácticas do Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas e a Escuela Oficial de Cinematografía como primordio dun novo cinema español (1947-76)”.

Un dos grandes días desta edición será o sábado 17, no que ademais dalgunhas das actividades anteriormente citadas tamén se poderá asistir ás Seccións España e Galicia R, á entrega de premios, a diversos coloquios e ao concerto de clausura.

Algunhas imaxes do FICBUEU 2021

Nunha segunda semana, terá lugar o MiniFIC, o apartado adicado aos centros de ensino e á rapazada, cunha duración de cinco días, dende o luns 19 ata o venres 23.

Durante a primeira xornada, que será de portas abertas ao público, celebraranse as proxeccións das Seccións Escolas de Imaxe e Son e Facultades e Escolas Internacionais, coas súas entregas de premios para as curtametraxes destacadas nestes eidos.

Por outra banda, do martes 20 ao xoves 22 realizaranse as sesións das Seccións Cativa, Infantil e Xuvenil, con entrada reservada para as escolas e demais centros de ensino. Xa o venres 23 chegará a maior parte da programación aberta e de balde para os máis novos e as familias, coa Gala Escolas Galegas, que contará coa presenza dos diferentes finalistas das seccións, e outras actividades como o Consertasso na horta con Brais das Hortas, a proxección da Sección Curtas en Familia ou o obradoiro de storyboard con Gaidil.

As xornadas cinematográficas e os novos espazos

O festival pechará coa principal novidade desta edición, as xornadas cinematográficas, un espazo para a reflexión sobre a arte do cinema da man de diferentes profesionais do sector. Estes encontros, con entrada de balde con previa reserva de praza a través desta mesma web, realizaranse o sábado día 24 baixo o nome I Xornadas Cinematográficas: esculpindo no tempo.

O proxecto iniciarase cunha charla con José Manuel Mouriño, cineasta e investigador especializado en Andrei Tarkosvski, baseada no tratamento do tempo nos seus films, seguido dunha conversa entre Andrea Morán e Daniela Urzola, críticas de Caimán – Cuadernos de Cine. Xa pola tarde celebrarse unha mesa redonda en liña moderada pola docente Diana Ramahí e  que contará coas cineastas e montadoras Ana Pfaff, Diana Toucedo e Carolina Astudillo. O peche desta primeira edición poñerano un encontro con Oliver Laxe conducido polo xornalista Ángel Suanzes e a proxección de Zerkalo (Andrei Tarkovski, 1975).

Fotograma de Zerkalo (Andréi Tarkovski, 1975)

Estas novidades veñen da man de todos os cambios realizados polo FICBUEU ao longo do ano, como a nova imaxe ou a reestructuración da propia web, destacando o novo apartado do arquivo FICBUEU, onde atopamos un listado de todas as curtas participantes ao longo das diferentes edicións.

Outra iniciativa e a creación da Canle FICBUEU, separada nas contas de Youtube e de Twitch. Na primeira delas poderanse atopar vídeos de actividades realizadas pola organización durante todo o ano, ademais de pezas relacionadas co festival, como entrevistas con varias convidadas e convidados deste ano. Por outra banda, na segunda retransmitiranse diversas actividades en directo.

Toda a información pode atoparse na sección de novas e nos diferentes apartados da web, ademais de nas contas de redes sociais do festival (@FICBUEU), onde se irán anunciando as principais novidades ao longo das semanas.

  • Abre a convocatoria de participación na segunda edición da Residencia FICBUEU

    Bueu. 15/04/2024 – O Festival Internacional de Cinema de Bueu vén de anunciar a apertura da convocatoria para a segunda edición da Residencia FICBUEU, o seu programa de desenvolvemento de proxectos de guión de curtametraxe que terá lugar novamente este outono na Illa de Ons.  En outubro de 2023 o certame bueuense estreou o seu […]

    12/04/2024
  • Un total de 40 centros participan este curso no programa ‘Cinema con perspectiva’

    A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publicou o pasado mes a resolución de centros seleccionados para participar este curso no programa Cinema con perspectiva, desenvolvido en colaboración coa asociación cultural FICBUEU. O programa, dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO, ten como obxectivo educar na identificación e tratamento […]

    22/02/2024
  • As mellores curtas neerlandesas no FICBUEU

    O venres 12 de xaneiro chega a Bueu o Premio Internacional do Público do Shortcutz Amsterdam Bueu. 4/01/2023 – Shortcutz Amsterdam é unha das principais plataformas dos Países Baixos para o talento emerxente do cinema neerlandés, brindando oportunidades de exhibición, conectando cunha audiencia nacional e internacional e facilitando as relacións entre profesionais da industria. Cada […]

    03/01/2024
O teu carriño 0
Non hai produtos na cesta!
Continuar comprando
0
Skip to content