Bueu, 15/07/2026 – O Festival Internacional de Cinema de Bueu, que se celebrará entre os próximos 4 e 19 de setembro, desvela hoxe a súa identidade visual para esta edición. A imaxe xira arredor da ciencia ficción, un dos eixos centrais da súa programación. “O certame explora así o límite onde a certeza se transforma en misterio e onde o visible convive co inefable”, afirman desde a dirección.

O núcleo negro presente nas composicións simboliza o que permanece fóra do noso alcance, o que a ciencia ficción invita a imaxinar máis que a explicar. O uso de degradados que nacen dun centro negro profundo e se expanden cara un blanco infinito converten a imaxe nunha metáfora da propia curtametraxe como espazo de exploración e proba.
A proposta constitúe unha identidade gráfica coherente cos valores do festival: a audacia, a imaxinación e a experimentación. As imaxes non ilustran a ciencia ficción de maneira literal; evocan a súa ausencia. Nun contexto visual saturado de imaxes explícitas e mesaxes inmediatas, a aparente sinxeleza reivindica o valor da suxestión e convida ao espectador a deterse ante o que non pode definirse con facilidade.
As imaxes propoñen unha linguaxe visual minimalista e suxerente, que dialoga directamente coa temática da ciencia ficción, que será abordada na Retrospectiva e no Caderno FICBUEU, e que se presentará nas vindeiras semanas.



