Bueu, 12/01/ 2026 – O FICBUEU – Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu volve formar parte, un ano máis, do circuíto internacional do Shortcutz Amsterdam International Audience Award, unha iniciativa que conecta audiencias de todo o mundo co mellor da curtametraxe neerlandesa contemporánea.
Organizado por Shortcutz Amsterdam, este premio do público internacional convida ás espectadoras e espectadores de distintos países a descubrir e votar pola súa curtametraxe favorita entre as seis nominadas a Mellor Curtametraxe do Ano, seleccionadas polo xurado do festival. As proxeccións celébranse de maneira simultánea en máis de 25 cidades de todo o mundo, reforzando unha rede global de festivais, salas e institucións culturais comprometidas co cinema emerxente.
Nesta edición, cidades como Lisboa, Johannesburgo, Belgrado, Edimburgo, Londres, Lima, Budapest, Rotterdam ou Maputo, entre moitas outras, acollen estas sesións especiais. En España, Bueu volve situarse neste mapa internacional grazas á colaboración do FICBUEU, reforzando así o seu vínculo con Shortcutz Amsterdam e a súa aposta pola curtametraxe como formato chave para o descubrimento de novos talentos.
A proxección en Bueu terá lugar o 16 de xaneiro ás 21:00H, no Centro Social do Mar, e permitirá ao público asistente participar activamente votando pola súa curtametraxe favorita, contribuíndo así á decisión final do Premio do Público Internacional.
Programa de curtametraxes
- Barlebas (Malu Janssen, 19’59’’)
Un drama musical experimental ambientado en 1595 que retrata os últimos días de Heylken, unha moza acusada de bruxaría. Aínda que o seu destino semella selado, o seu espírito libre deixa unha fonda pegada nunha nena da aldea, nun relato sobre persecución, resistencia e transmisión da liberdade. - Beyond Silence (Marnie Blok, 17’)
Un intenso drama en tempo real ambientado nunha única estancia. Eva, unha moza xorda, tenta denunciar os abusos sufridos por parte dun profesor universitario. A través dunha conversa tensa entre tres mulleres, a curtametraxe explora o silencio, o poder e o valor necesario para falar. - Marleen (Jop Leuven, 6’57’’)
Durante unha sesión de terapia de grupo, Lena repasa as relacións que marcaron a súa vida: seu pai, o seu primeiro mozo e Marleen. Un retrato íntimo e minimalista sobre a memoria emocional e as pegadas que deixan os vínculos. - Sanyi Kakas (Lotte Salomons, 19’16’’)
Nunha cidade húngara marcada pola pobreza e a división, un galo escapado do mercado convértese inesperadamente nun símbolo de esperanza e unidade. Un documental tan insólito como revelador sobre comunidade, solidariedade e desconfianza. - Sign and See the World (Safi Graauw, 10’59’’)
A historia esquecida de tres mozos surinameses que se alistaron para loitar na Segunda Guerra Mundial xunto ao exército neerlandés. Un documental sobre discriminación, sacrificio e a dura distancia entre a promesa de aventura e a realidade da guerra. - Yaroshenko (Lieuwe Siebe de Jong, 3’04’’) Un breve e contundente retrato documental de Viktor Yaroshenko, un home ucraíno marcado pola guerra, a perda e a supervivencia, que condensa toda unha vida en apenas uns minutos.

O anuncio da curtametraxe gañadora realizarase o 25 de xaneiro de 2026 no marco da 13ª edición dos Shortcutz Amsterdam Annual Awards, nunha gala que se celebrará en Ámsterdam.



