Please ensure Javascript is enabled for purposes of website accessibility FICBUEU • O FICBUEU volverá proxectar unha sesión de curtas en Ambienta, a Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ de Pontevedra •
FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINEMA DE BUEU

Novas do festival

← Volver

O FICBUEU volverá proxectar unha sesión de curtas en Ambienta, a Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ de Pontevedra

FICBUEU

Un ano máis o FICBUEU será o encargado da sección ‘Ambienta en curta’.

A proxección terá lugar o 1 de xullo na Praza da Pedreira de Pontevedra.

O Festival Internacional de Cinema de Bueu achegará de novo o formato curto a Ambienta, a Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ de Pontevedra. Será na sección ‘Ambienta en curta’, na que se poderán ver cinco pezas que amosarán as distintas realidades dos colectivos e que contribuirán á difusión do cinema pola diversidade, obxectivo principal do evento.

A sesión celebrarase na última xornada da mostra, o venres 1 de xullo ás 22:30 horas nun espazo ao aire libre como é a Praza da Pedreira de Pontevedra. Previamente haberá un acto de clausura con música relacionada co cinema a cargo de Palito Dj. A entrada será de balde ata completar o aforo dispoñible.

A programación contará con títulos coñecidos para o público do FICBUEU, xa que dúas das obras que se poderán ver neste ‘Ambienta en curta’ como son “Dustin”, de Naïlla Guiguet, e “Son of Sodom”, de Theo Montoya, participaron na Sección Internacional do 2021, levándose “Dustin” os premios á Mellor Música e a Mellor Son. Os outros títulos que serán proxectados son “Ensom Cowgirl”, de Gina Kippenbroeck, “Victoria”, de Daniel Toledo e “Marlon Brando”, de Vicent Tilanus.

Unha imaxe do título ‘Dustin‘.

Aínda que o FICBUEU será o encargado de poñer o broche final á Ambienta deste ano o vindeiro 1 de xullo, os diferentes actos da mostra comezarán o 27 de xuño. Deste xeito, a presente edición contará con outras tres seccións de proxeccións.

Por unha banda ‘Ambienta Actual’, unha selección na que se mergulla na sociedade contemporánea e o rumbo da mesma a través das proxeccións dos títulos “A primeira morte de Joana”, de Cristiane Oliveira, e “ÉTÉ 85”, de François Ozon, organizada por Avante LGBT+

Por outra, estará a sección ‘Ambienta Doc’, unha proposta realizada coa participación da Cinemateca Pedro Zerolo e que achega filmes documentais que exploran as distintas vías de representación do colectivo, como pode ser a obra de Borja Lynch “Triángulos rosas”.

Por último, tamén haberá unha mirada ao pasado coa ‘Ambienta Clásica’, na que se recuperan títulos importantes que axudan a descubrir a presenza do colectivo na historia do cinema, como pode ser “Tokyo Godfathers” de Satoshi Kon e Shôgo Furuya, e que estará organizada polo Cineclube de Pontevedra.

Ademais das diferentes sesións, a programación da mostra tamén inclúe a presentación dun videoclip realizado por Laura Cadenas Amandi, Enzo Sarmiento e Éric Dopazo, un encontro coa actriz, política e activista trans Carla Antonelli, que tamén presentará o documental “Triángulos rosas”, e un acto musical de clausura a cargo de Palito Dj.

Será o segundo ano que o Concello de Pontevedra leve a cabo a mostra baixo o nome Ambienta, que dende os inicios contou co FICBUEU como unha das súas entidades colaboradoras. Toda a programación do evento poderase consultar na páxina web de Ambienta.gal.

  • Abre a convocatoria de participación na segunda edición da Residencia FICBUEU

    Bueu. 15/04/2024 – O Festival Internacional de Cinema de Bueu vén de anunciar a apertura da convocatoria para a segunda edición da Residencia FICBUEU, o seu programa de desenvolvemento de proxectos de guión de curtametraxe que terá lugar novamente este outono na Illa de Ons.  En outubro de 2023 o certame bueuense estreou o seu […]

    12/04/2024
  • Un total de 40 centros participan este curso no programa ‘Cinema con perspectiva’

    A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publicou o pasado mes a resolución de centros seleccionados para participar este curso no programa Cinema con perspectiva, desenvolvido en colaboración coa asociación cultural FICBUEU. O programa, dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO, ten como obxectivo educar na identificación e tratamento […]

    22/02/2024
  • As mellores curtas neerlandesas no FICBUEU

    O venres 12 de xaneiro chega a Bueu o Premio Internacional do Público do Shortcutz Amsterdam Bueu. 4/01/2023 – Shortcutz Amsterdam é unha das principais plataformas dos Países Baixos para o talento emerxente do cinema neerlandés, brindando oportunidades de exhibición, conectando cunha audiencia nacional e internacional e facilitando as relacións entre profesionais da industria. Cada […]

    03/01/2024
O teu carriño 0
Non hai produtos na cesta!
Continuar comprando
0
Skip to content