Bueu, 3/07/2026 – A ciencia ficción protagoniza a imaxe gañadora do concurso do FICBUEU para o programa infantil e xuvenil.
O concurso convocado polo Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU) para crear a imaxe que formará parte da identidade visual do MINIFIC 2026 xa ten obra gañadora.
Beltrán García López resultou gañador coa súa creación que conquistou o xurado pola súa orixinalidade, creatividade e pola súa capacidade para representar o universo da ciencia ficción, temática que protagonizará tanto o Caderno FICBUEU como a Sección Retrospectiva da 19ª edición do festival.
A ilustración combina con acerto elementos propios da ciencia ficción cunha mirada imaxinativa e persoal, dando como resultado unha proposta que conecta á perfección co espírito do MINIFIC e destaca pola súa forza visual e capacidade evocadora.
A obra creada será integrada como elemento protagonista na imaxe oficial do MINIFIC 2026, o programa de actividades e proxeccións destinado ao público infantil, escolar e xuvenil do FICBUEU, e servirá de inspiración para a súa identidade visual ao longo desta edición.
Como recoñecemento, Beltrán García López recibirá unha impresión da súa creación e dous convites para asistir á proxección da sección Curtas en Familia, que clausurará a programación do MINIFIC o sábado 19 de setembro.
A acollida desta convocatoria foi extraordinaria. O festival recibiu numerosas propostas, o que fixo especialmente complexa a tarefa de seleccionar a obra gañadora. O xurado quixo destacar a alta creatividade, imaxinación e capacidade expresiva de todas as nenas, nenos, mozas e mozos participantes. A elevada participación volve poñer de manifesto a importancia de promover espazos que fomenten a creatividade, a expresión artística desde idades temperás.
Desde o FICBUEU queremos agradecer a implicación de todas as persoas participantes e das súas familias, e convidámosvos a formar parte da 19ª edición do festival, que terá lugar do 4 ao 19 de setembro de 2026.
Estade atentas e atentos á nosa páxina web e ás nosas redes sociais, onde iremos compartindo todas as novidades e actividades que temos preparadas para esta nova edición.



