Bueu, 14/08/2026 – Ética e política, autocensura, industria e hexemonía cultural centrarán catro encontros con voces da crítica, a creación, a investigación e o pensamento contemporáneo.
Onde están os límites do cinema? Que se pode mostrar e quen decide como facelo? Que historias quedan fóra por presións sociais, políticas ou industriais? E ata que punto pode falarse de diversidade cinematográfica cando películas producidas en contextos moi diferentes rematan empregando formas narrativas cada vez máis semellantes?
A 19ª edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU) levará algunhas destas preguntas ás súas Xornadas Cinematográficas, un espazo para a reflexión e o debate arredor das imaxes e do cinema contemporáneo. O programa articularase arredor de catro grandes posibles límites —ético e político, autocensura, estético e industrial, e cultural— e reunirá especialistas procedentes da crítica cinematográfica, a creación, a investigación e o pensamento.
O poder político das imaxes
A primeira das conversas, coa participación de Oriol Erausquin, Layla Martínez e Ricci Galiano, partirá dunha cuestión fundamental: que ocorre cando unha cámara decide que mostrar e que deixar fóra de plano? A representación cinematográfica analizarase como un exercicio que vai moito máis alá das decisións estéticas e que condiciona a maneira na que entendemos conflitos, sociedades e movementos políticos.
A conversa tomará como punto de partida dous casos de plena actualidade. Por unha banda, a representación do pobo palestino, cuestionando unha mirada humanitaria que pode reducir a súa presenza á condición de vítima e invisibilizar a resistencia. Pola outra, Donald Trump e a extrema dereita contemporánea, interrogándose sobre os límites da sátira e sobre se a caricatura pode acabar ocultando as estruturas económicas e de poder que explican o auxe destes movementos.
Erausquin, investigador especializado nas teorías conspirativas da extrema dereita e autor do ensaio La rabia es nuestra, compartirá mesa coa escritora e pensadora Layla Martínez, autora de Carcoma e Utopía no es una isla, e co actor, creador e investigador Ricci Galiano, especializado en estudos culturais e de xénero
Aquilo que deixamos de filmar
A autocensura protagonizará a segunda liña das Xornadas. O crítico e escritor cinematográfico Antonio José Navarro abordará os mecanismos, moitas veces invisibles, que condicionan que historias poden contarse e de que maneira, atendendo ás presións sociais, á recepción crítica ou ás esixencias da industria e do mercado.
A sesión abrirá así o debate sobre quen pode rodar ou interpretar determinadas historias, a cultura da cancelación e as demandas de representación identitaria. Fronte á censura entendida como prohibición explícita, o encontro propón pensar nos límites que os propios creadores poden chegar a interiorizar e que determinan, en última instancia, que cinema chega a existir.
Onde remata a industria e comeza a independencia?
A directora de Caimán Cuadernos de Cine, Jara Yáñez, conducirá unha terceira reflexión arredor das fronteiras cada vez máis difusas entre cinema industrial e cinema independente. Crítica e investigadora especializada en historia e análise cinematográfica, Yáñez abordará as tensións entre a liberdade formal e as demandas do mercado, así como o papel que desempeñan os festivais, a financiación e a distribución na configuración do cinema que finalmente chega ás pantallas.
A conversa preguntará onde se sitúa hoxe esa fronteira: no orzamento, na estética, na produción ou nos circuítos de exhibición. A través de películas e modelos concretos, analizaranse tamén as contradicións que aparecen cando obras nacidas desde as marxes terminan integrándose nas dinámicas industriais e o modo no que festivais como Cannes constrúen as súas propias ideas de centralidade e periferia.
Diversidade ou homoxeneización cultural
O cuarto eixo trasladará o debate ao límite cultural, coa participación de Álvaro Peña, Yago Paris, Ariadna Cordal e Pepa Llausás. A mesa cuestionará ata que punto o cinema contemporáneo consegue ofrecer unha resistencia real aos centros de poder cultural ou se determinadas formas de reivindicación poden acabar sendo asimiladas polas mesmas estruturas ás que pretenden enfrontarse.
A conversa atenderá tamén á progresiva homoxeneización das estruturas narrativas: se obras procedentes de culturas e realidades radicalmente diferentes acaban organizándose segundo modelos dramáticos similares, cabe preguntarse ata que punto existe unha diversidade cultural profunda. O crítico e investigador Yago Paris, profesor na Universidade Rey Juan Carlos e colaborador de publicacións especializadas como Cine Divergente e El Antepenúltimo Mohicano, será unha das voces que participen neste debate arredor da colonización simbólica, a representación e a hexemonía cultural.
Chantal Akerman como peche das Xornadas
Como culminación das Xornadas Cinematográficas, o FICBUEU proxectará Les Rendez-vous d’Anna (1978), da cineasta belga Chantal Akerman, unha obra que leva á pantalla moitas das cuestións que se abordarán previamente. Con Les Rendez-vous d’Anna, Akerman desafía os límites do cinema a través dunha proposta minimalista e inmersiva, na que os planos longos dilatan a observación do cotián e a construción estética dialoga coa desconexión emocional da protagonista. Unha subversión das formas narrativas tradicionais que converte o cinema nunha experiencia íntima que servirá para trasladar á pantalla algunhas das reflexións desenvolvidas durante os seus diferentes encontros.
Con estas liñas de reflexión e a proxección de Les Rendez-vous d’Anna, as Xornadas Cinematográficas do FICBUEU propoñen mirar máis alá das películas para cuestionar tamén as condicións nas que estas se crean, circulan e son recibidas. Un espazo no que pensar sobre os límites do cinema significa, en definitiva, preguntarse polos límites das imaxes coas que representamos e interpretamos o mundo.
Xornadas Cinematográficas. Límites éticos, culturais e industriais. Ata onde pode chegar o cinema? Sábado 5
- 10:30 H Límites, potenciais e paradoxos da representación no cinema contemporáneo.
- 12:30 H Autocensura e cancelación no cinema
- 16:30 H Fronteiras difusas: a industria e as súas marxes
- 18:30 H Colonización audiovisual e resistencia performativa no cinema contemporáneo
- 20:30 H Proxección. Les Rendez-vous d’Anna, Chantal Akerman
As Xornadas Cinematográficas retransmitiranse por streaming e estarán dispoñibles na canle FICBUEU de youtube.



