Bueu, 13/09/2026 – O FICBUEU anunciou o Palmarés da súa 19ª edición. Os premios déronse a coñecer o pasado sábado no Auditorio do Centro Social do Mar durante o acto que puxo o peche á competición desta edición, cunha gala acompañada pola música en directo de Andre Soaxe e Martiño Malleiro Díaz.
A curtametraxe francesa de animación Dieu est timide, de Jocelyn Charles, alzouse co Premio FICBUEU 2026, máximo galardón da 19ª edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu. O palmarés de 2026 recoñeceu tamén El cuerpo de Cristo como mellor curtametraxe galega e Hasta mañana si Dios quiere, de Alejandro Egido, como mellor curtametraxe española. Un palmarés cun recoñecemento especial para as pezas de animación (Dieu est timide e El cuerpo de Cristo), moi presente durante toda a programación da Sección Oficial. O Premio do Público foi para o filme fracés No skate! de Guil Sela.

O Xurado Oficial, formado pola programadora e docente arxentina Magdalena Arau, o cineasta e programador iraniano Amir Masoud Soheili e o programador portugués Miguel Dias, concedeu o Premio FICBUEU a Dieu est timide, unha obra na que os protagonistas, Ariel e Paul, durante unha viaxe en tren, se entreteñen debuxando os seus medos máis profundos ata que a aparición dunha misteriosa viaxeira transforma o xogo.
O xurado destacou dela o seu carácter “enigmático e hipnótico” e o seu “estilo visual impactante”, así como a súa capacidade para xogar coas expectativas do cinema de xénero e mergullar o público nos medos máis primarios. Valorou especialmente o seu traballo coa imaxe e o son, ademais da “forza e personalidade” da película.
O premio á mellor curtametraxe galega foi para El cuerpo de Cristo, obra baseada no comic co que Bea Lema, autora e directora da curta, logrou o Premio Nacional de Comic. O Xurado Oficial salientou as súas “técnicas de animación únicas e orixinais”, que conseguen trasladar á pantalla o padecemento da protagonista e materializar os seus tormentos “con beleza e poesía”. O filme propón unha viaxe polos límites da mente, os traumas e as pantasmas da protagonista a través dun universo no que o tortuoso é capaz de mostrar tamén o seu rostro máis fermoso.
Pola súa banda, Hasta mañana si Dios quiere, de Alejandro Egido, recibiu o premio á mellor curtametraxe española. O filme acompaña o propio director no regreso á aldea da súa familia paterna, onde comparte uns días con Carmen e Tomasa, as irmás do seu avó, trazando desde a intimidade un paralelismo entre a fraxilidade da vida humana e a dun mundo rural en vías de desaparición. O xurado recoñeceu a súa capacidade “para facer do íntimo un relato convocante”, conectado coa propia orixe e cos mundos que vemos extinguirse, así como o uso “con xusteza, precisión e corazón” das ferramentas cinematográficas para capturar o encanto do mundo.
O Xurado Descubertas, integrado pola produtora Silvia Fuentes, a montadora e cineasta Laura Piñeiro e o investigador e crítico cinematográfico Aarón Rodríguez Serrano, decidiu conceder o premio á mellor curtametraxe Descubertas a O Rio de Janeiro continua lindo, de Felipe Casanova, unha coprodución de Bélxica, Brasil e Suíza que sitúa a súa historia no medio do Carnaval de Río. A película parte da carta dunha nai ao seu fillo para converter a celebración nun espazo de memoria e resistencia política. O xurado destacou a súa capacidade para respectar as contradicións “entre celebración e traxedia, acción e melancolía, beleza e dó”, trenzando estes opostos desde unha experiencia individual que dota de imaxes unha ferida colectiva.
Na sección GZ_00, o premio foi para Broom Broom Follar, da cineasta viguesa Sohu, unha particular revisión dunha suposta lenda urbana sobre dous adolescentes que morreron nun ciclomotor e cuxas pantasmas continúan percorrendo a ría de Vigo. O xurado premiou a súa capacidade para “construír imaxes sen medo”, cunha liberdade formal absoluta e un humor grotesco que acaba por ofrecer ao espectador “unha tenrura inesperada que celebra a paixón”.
Premios das Escolas de Cinema
Crumb, da cineasta rusa Elena Kulesh, obtivo o premio á mellor curtametraxe de Escolas de Cinema Internacionais. O filme segue a Alyoshin, usuario dun orfanato correccional que realiza prácticas nunha panadaría como parte do proceso para confirmar a súa capacidade legal e poder abandonar o centro. O xurado valorou a creación dun “dispositivo rigoroso”, o coidado da dirección actoral e a capacidade da película para manter a complexidade do seu guión ao tempo que aborda a construción das masculinidades en contextos de vulnerabilidade.
Pola súa banda, O muíño non é muíño, de Alberto Abal e Sabela Nóvoa Gómez, foi recoñecida como mellor curtametraxe de Escolas de Cinema Galegas. A obra afonda no erotismo, o cortexo e a sexualidade presentes na herdanza musical galega para descubrir, a través das coplas e do torreiro, dimensións menos coñecidas da tradición. O xurado distinguiuna polo “tratamento creativo do arquivo”, por achegarse á música tradicional desde unha perspectiva novidosa e pola orixinalidade da súa montaxe.



