Please ensure Javascript is enabled for purposes of website accessibility Premio Cinema Galego • FICBUEU

Premio Cinema Galego

DENDE 2016

FICBUEU

O Premio Cinema Galego outorgado polo FICBUEU naceu en 2016 co obxectivo de recoñecer a traxectoria de profesionais da industria audiovisual galega. A entrega do premio leva aparellado un encontro coa persoa galardoada no que a modo de entrevista o público pode achegarse ao seu percorrido profesional e afondar nos seus traballos.

PREMIO CINEMA GALEGO FICBUEU 2023: LUISA MERELAS

Actriz de teatro, cinema, televisión e dobraxe. 

Nada na Coruña en 1958, Luisa Merelas licenciouse en arte dramática na especialidade de Interpretación no Institut del Teatre de Barcelona. Complementando os seus estudos con varios cursos de interpretación e de voz, comezou a traballar na década dos 70 como actriz de teatro, ampliando despois a súa carreira ao cinema e televisión e como actriz de dobraxe en galego e castelán.

Entre 1970 e os 2000 participou en máis de trinta montaxes teatrais con distintas compañías. Nos últimos anos, ten interpretado papeis secundarios e protagonistas en obras como Bernarda, de Jose Prieto con Malasombra Producións, que lle valeu unha candidatura aos Premios Mestre Mateo; Longa viaxe cara á noite dirixida por Manuel Guede ou A función do tequila, de Antonio Simón. Polo seu traballo nos escenarios foi galardoada co premio Maruxa Villanueva en 2007 e dous premios María Casares, un en 2007 a mellor actriz protagonista e outro en 2013 como actriz secundaria. 

É coñecida polos seus papeis en series da TVG, colaborando nas coñecidas A familia pita, Pratos Combinados ou Mareas Vivas, destacando sobre todo o seu papel como Carme Torreiro en Matalobos, polo que foi nomeada aos Premios Mestre Mateo en tres ocasións. Continuando na televisión, interpretou a Amalia en Fariña, a Dona Amparo en Néboa e a Fina en O Faro.

Tamén pasou pola gran pantalla, formando parte do elenco de varias longametraxes dende 1993 en producións como Los lunes al sol de Fernando León de Aranoa, María (y los demás) de Nely Reguera ou Quien a hierro mata, de Paco Plaza. Recentemente, destaca a súa interpretación en Tres, de Juanjo Giménez, Live is life de Dani De La Torre e en As bestas, de Rodrigo Sorogoyen. 

Nesta edición outorgámoslle o premio Cinema Galego pola súa importante traxectoria na televisión, no teatro e no cinema, e polo seu compromiso coas producións e a cultura galega. Luisa Merelas recibirá o galardón durante a gala de entrega de premios, e será entrevistada en profundidade sobre a súa carreira cinematográfica nun acto que poderá ser visto na Canle FICBUEU.  

PREMIO CINEMA GALEGO FICBUEU 2022: MIGUEL DE LIRA

Actor de ampla experiencia e traxectoria en teatro, cinema e televisión. 

Durante os seus estudos universitarios, entra en contacto co mundo teatral e remata sendo membro fundador do grupo Chévere, Premio Nacional de Teatro en 2014, no que leva traballando como director, actor e produtor dende 1986. 

Converteuse nunha icona popular da TVG por papeis coma o de Evaristo na serie Mareas Vivas ou por protagonizar a Pepe O’Inglés, participando posteriormente en series nacionais coma Los hombres de Paco, Matadero ou Vivir sin permiso.  

No ámbito do cinema, ten participado en gran cantidade de curtametraxes e en máis de vinte longametraxes, entre as que recentemente destacan Cuñados de Toño López, Ons de Alfonso Zarazuza, Dhogs de Andrés Goteira, María (y los demás) de Nely Reguera, A esmorga de Ignacio Vilar ou Eroski Paraíso, adaptación da obra homónima de Chévere dirixida por Jorge Coira e Xesús Ron pola que recibiu o Premio Mestre Mateo ao Mellor Actor Protagonista en 2020.  

Nesta edición outorgouselle o Premio Cinema Galego do FICBUEU 2022 pola súa prolífica carreira actoral, e a súa destacada dedicación e compromiso coa cultura e sociedade galega. O xornalista e produtor Gaspar Broullón realizou unha entrevista en profundidade dispoñible en liña para o público na Canle FICBUEU. 

PREMIO CINEMA GALEGO FICBUEU 2021: ALFONSO AGRA

Alfonso Agra comezou a súa carreira como actor nos anos 80 da man da compañía teatral viguesa Artello. Durante dúas décadas alternou os traballos con esta compañía coa participación en diversos espectáculos do Centro Dramático Galego. 

Posteriormente, a aparición da Televisión de Galicia permitiu a Agra diversificar o seu traballo. Alén de presentar informativos e traballar na dobraxe de diferentes obras e proxectos, deu vida a múltiples personaxes de filmes e series, sendo lembrado polos seus papeis en Pratos Combinados e Mareas Vivas.

Nos últimos anos, sumouse ao reparto de series galegas con alcance máis internacional, o que lle permitiu afianzar a súa carreira. Destacan Fariña, na que interpretaba ao narco Manuel Bustelo, e El desorden que dejas, serie de Netflix ambientada nunha vila ficticia galega. 

PREMIO CINEMA GALEGO FICBUEU 2020: MELANIA CRUZ

Melania Cruz, apaixonada do teatro dende nena, introdúcese no mundo da interpretación da man de Marga Portomeñe. Tras anos actuando e formándose, en 2012 decide cofundar ilMaquinario Teatro, compañía coa que recibiu varios recoñecementos. No ano 2016 emprendeu un proxecto persoal xunto ao director e actor Tito Asorey: A Quinta do Cuadrante, co que estrearon O Empapelado Amarelo.

Para televisión, formou parte do reparto de series como Urxencia Cero, Serramoura, Fontealba, Viradeira e A estiba, e presentou o programa Álbum de Viaxe na TVG. 

No eido do cinema participou en proxectos como A esmorga, dirixida por Ignacio Vilar, con quen tamén traballou en Sicixia e María Solinha, así como nos filmes máis destacados do audiovisual galego dos últimos tempos como Dhogs, Arima, Trote ou Ons, que acadaron múltiples premios a nivel nacional e internacional. 

PREMIO CINEMA GALEGO FICBUEU 2019: LUIS ZAHERA

Logo da súa carismática interpretación de Petróleo na serie Mareas Vivas da TVG entre 1998 e 2003, Luis Zahera comezou a traballar en producións de ámbito nacional como Hospital Central ou El Comisario

Durante a súa carreira, o actor ten levado a cabo traballos tanto en series de televisión como en teatro e numerosas curtametraxes e longametraxes, acadando varios Premios Mestre Mateo polas súas interpretacións en O ano da carracha, Concursante ou Celda 211
O recoñecemento á súa carreira aumentou logo dos seus traballos en filmes como Alatriste, Que Dios nos perdone ou Mientras dura la guerra, chegando a recibir o Premio Goya á mellor interpretación de 2019 polo seu papel en El Reino.

PREMIO CINEMA GALEGO FICBUEU 2018: MABEL RIVERA

Mabel Rivera comezou a súa carreira como actriz nos anos 70. Cando en 1984 se fundou o Centro Dramático Galego, Rivera foi unha das primeiras actrices en unirse ao elenco desta compañía. Actuou tanto en cine como en televisión, dándose a coñecer en Pratos combinados como Balbina e participando noutras famosas series como Pazo de familia. Fixo tamén traballos como presentadora, tradutora, axudante de dirección e dobradora.

Co seu papel en Mar adentro, de Alejandro Amenábar, consagrouse como actriz nacional, o que lle valeu entre outros premios o Goya a Mellor Actriz de Reparto en 2004. Actuou tamén en El Orfanato, de Juan Antonio Bayona, Mataharis de Icíar Bollaín e a recente María Solinha de Ignacio Vilar. 
Cabe mencionar tamén o seu traballo en curtametraxes como Dantzariak (Bailarines) de Axier Salazar, Ato San Nen de Pedro Collantes, El Jefe de Fernando Tato y Ozo Perozo e Muero por volver de Javier Marco. 

PREMIO CINEMA GALEGO FICBUEU 2017: ANTONIO DURÁN “MORRIS”

Antonio Durán “Morris” é un dos actores máis coñecidos do audiovisual galego, tendo unha longa experiencia tanto en cinema coma en teatro. 

Actor e presentador en diversos programas da TVG dende os seus inicios, popularizouse co papel de Antón en Pratos combinados, traballando posteriormente en series como Padre Casares, Hospital Real, Augasquentes ou O final do camiño

No eido cinematográfico ten traballado con Fernando León de Aranoa en Los lunes al sol e Princesas, con Icíar Bollaín en Mataharis, con Ignacio Vilar en A esmorga ou con Alfonso Zarauza en Los fenómenos e Ons, entre outros. 

Na súa extensa traxectoria profesional foi nomeado en quince ocasións aos Premios Mestre Mateo, acadando os galardóns pola súa interpretación en O Partido, Doentes, A esmorga, Códice e Ons
En cinema tamén destaca a súa participación noutros proxectos como Pieles, de Eduardo Casanova, estreada na Berlinale 2017, Dhogs, de Andrés Goteira e A estación violenta, de Anxos Fazáns.

PREMIO CINEMA GALEGO FICBUEU 2016: CELSO BUGALLO

Celso Bugallo conta cunha longa traxectoria como actor de cinema, televisión e teatro. Nado en Vilalonga (Sanxenxo) en 1947, iniciouse na interpretación nos anos 70, fundando as compañías Olimpo e Zanahoria. 

Logo de varios traballos de iniciación no audiovisual en Madrid, volta a Galicia e promove, dende 1988 ata 1992 diversas montaxes teatrais, alén de impulsar a Aula de Formación de Actores de Pontevedra. 

Con 52 anos debutou no cinema ás ordes de José Luis Cuerda en A lingua das bolboretas. Desde entón revelouse como un dos secundarios máis talentosos do cinema español grazas a filmes coma Los lunes al sol, Amador, Palmeras en la nieve ou A praia dos afogados.

Pese á súa longa traxectoria, a consagración chegoulle da man de Alejandro Amenábar, interpretando ao irmán de Ramón Sampedro en Mar adentro e acadando un Goya por dito traballo. 

O teu carriño 0
Non hai produtos na cesta!
Continuar comprando
0
Skip to content