Miguel de Lira será o Premio Cinema Galego do FICBUEU 2022
FICBUEUO actor, coñecido pola súa ampla traxectoria en cinema, televisión e teatro recibirá o galardón e será entrevistado polo xornalista e produtor Gaspar Broullón.
O actor Miguel de Lira (Miguel Domingo García), que debe o seu nome artístico aos seus orixes na parroquia de Santa María de Lira, no concello de Carnota, recibirá o Premio Cinema Galego do FICBUEU 2022. Un galardón creado co obxectivo de recoñecer a traxectoria e a labor realizada na industria audiovisual galega das actrices e actores da terra, uníndose a premiados en anteriores edicións como Alfonso Agra, Antonio Durán ‘Morris’, Mabel Rivera, Luis Zahera ou Melania Cruz.
A súa extensa carreira deu comezo durante a etapa universitaria, momento no que se adentra no mundo teatral, fundando en 1986 xunto a outras compañeiras e compañeiros o grupo Chévere, todavía vixente a día de hoxe. Nesta agrupación, distinguida co Premio Nacional de Teatro en 2014, desenvolveuse como director, actor e produtor. Pouco despois, en 1989, daría o salto á televisión e ao cinema, debutando no programa de humor da TVG Velaí… e na película Urxa.
A partir dese momento compaxinou actuacións en televisión, participando en series como Mareas Vivas, Pepe o inglés ou Los hombres de Paco, con outras en cinema, actuando en Entre bateas, Crebinsky ou Eroski Paraíso. Aínda así, de Lira non descoidou outros formatos como o teatro ou a curtametraxe, contando en ambos cun interesante número de obras as súas costas.
Recentemente destacan os seus papeis en longametraxes como Cuñados de Toño López, Ons de Alfonso Zarazuza, Dhogs de Andrés Goteira ou A esmorga de Ignacio Vilar, ademais doutros en series recoñecidas como Vivir sin permiso ou Matadero.
As máis de vinte películas nas que participou e innumerables traballos noutros ámbitos valéronlle para estar nomeado ata en seis ocasións aos Mestre Mateo, levándose o premio a Mellor Actor un total de tres veces. Deste xeito, de Lira aumentará o seu palmarés cun Premio Cinema Galego que recoñece a súa prolífera traxectoria e a súa contribución e compromiso coa sociedade e cultura galega.
O actor participará nesta 15ª edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu nunha interesante entrevista co xornalista e produtor Gaspar Broullón, co que repasará os momentos máis destacables da súa carreira. Esta conversa estará dispoñible en liña despois do festival a través da nova Canle FICBUEU.