RADIO CARNE CRUDA / EL 7º VICIO / SALA 5 -
DOMINGO 8 / VENRES 13
CENTRO SOCIAL DO MAR / PUNTO DE ENCONTRO

Despois de varios anos acollendo a realización de programas especializados no eido cinematográfico, a radio terá máis protagonismo ca nunca neste 12º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, coa presenza de podcast e emisoras de ámbito estatal e autonómico.

Carne cruda. Domingo 8 – 17:30h. Centro Social do Mar. Entradas

Carne cruda regresa a Bueu por terceiro ano consecutivo, cun programa polo que pasarán convidados coma o realizador Paco Plaza e a actriz María Vázquez, que presentarán a súa última película, Quien a hierro mata. Javier Gallego “Crudo” entrevistará asemade ao recente gañador do Goya ao mellor actor de reparto, Luis Zahera, que vai recibir ademais o Premio Cinema Galego FICBUEU 2019. A banda feminina Agoraphobia e Caspervek Trio encargaranse do apartado musical.

El séptimo vicio. Luns 9 / Martes 10 – 18.15 horas. Punto de Encontro.

O recoñecido crítico Javier Tolentino volve ao festival para realizar dous programas especiais de El séptimo vicio, espazo de Radio 3 dedicado ao cinema de autor que desde 1990 vén defendendo con paixón o movemento das curtametraxes e as novas vangardas cinematográficas. Nesta ocasión, contará con convidadas como as actrices Mabel Rivera e Uxía Blanco, a directora Jaione Camborda ou a produtora Chelo Loureiro. Tamén soará a música de Cora Velasco, entre outros.

Sala 5. Mércores 11 – 18.15 horas. Punto de Encontro.

A Radio Galega estará presente no FICBUEU a través do seu programa especializado Sala 5, que presta atención sobre todo ao audiovisual galego nas súas distintas vertentes. Deste xeito, o programa capitaneado por Begoña Vázquez xirará nesta ocasión arredor da Sección Galicia R, para o que contará entre outros coa presenza da realizadora Arancha Brandón e da produtora Silvia Fuentes.

El cine de loqueyotediga. Xoves 12 / Venres 13 – 18.15 horas. Punto de Encontro.

El cine de loqueyotediga iniciara a súa andaina hai trinta anos na radio convencional e hoxe é un exitoso podcast cinematográfico, conducido e dirixido por Nacho Gonzalo. Alén das súas seccións habituais, o equipo do programa entrevistará a algúns dos nosos convidados internacionais: o director portugués Vasco Sá, o realizador romanés Bogdan Mureșanu, a actriz finlandesa Hannamaija Nikander, o cineasta británico Charlie Manton e o director galego Andrés Goteira.

Esta peli ya la he visto. Crónica diaria nas redes sociais.

Cada mañá espertaremos nas redes sociais do FICBUEU coa crítica das curtas da xornada anterior a cargo de Adriana Izquierdo e Ramón Rey, impulsores do coñecido podcast Esta peli ya la he visto. Ao remate do certame farán asemade unha análise do palmarés. As oito críticas cinematográficas conformarán posteriormente un programa completo dedicado ao festival.