RAPAZADA CONTOS / GALA / CONCERTO / OBRADOIRO -
VENRES 14 / SÁBADO 15
PUNTO DE ENCONTRO / CENTRO SOCIAL DO MAR

O FICBUEU amplía este ano as proxeccións e actividades para cativas e cativos, dedicando esta vez a Sección Irmandade a “El meu primer festival de cinema”. A sesión estará reservada aos centros de ensino do Morrazo, ao igual que as seccións Infantil e Xuvenil, mentres que a Gala Escolas Galegas e actividades como o contacontos e Radio BuleBule serán con entrada libre e de balde.

Contacontos de Cinema. Venres 14 – 17:30h. Punto de Encontro.

O cine e a literatura irán da man nesta actividade na que Olalla González, mestra especialista en animación á lectura, achegaralles a nenas e nenos diferentes xéneros cinematográficos a través de personaxes literarios. A sesión de contacontos levaraos a coñecer aventuras de piratas, tremer de medo con monstruos e ogros, mergullarse en mundos de fantasía e rir ás gargalladas. Como autora, Olalla González publicou tres álbums ilustrados coa editorial Kalandraka: Garavanciño, Chibos Chibóns e Un máis.

Gala Escolas Galegas. Sábado 15 – 11:00h. Centro Social do Mar.

O audiovisual no ensino será o protagonista deste acto aberto ao público, presentado por Paco Nogueiras, no que se proxectarán os dez traballos finalistas da Sección Escolas Galegas e se entregarán os premios das tres categorías nas que se subdivide: educación especial, infantil e primaria; educación secundaria, e  mais facultades e escolas de imaxe. Búscase así recoñecer e visibilizar o gran traballo que se está a realizar desde os centros educativos en materia audiovisual, poñendo en valor e estimulando a creatividade das e dos cineastas do futuro.

Radio BuleBule. Sábado 15 – 12.30h. Centro Social do Mar.

A música pensada para os máis pequenos chega ao FICBUEU da man de Paco Nogueiras e o seu espectáculo Radio BuleBule, baseado no libro-disco do mesmo título editado por Kalandraka. A proposta invita a vivir a radio en vivo  nun divertidísimo programa cheo de humor, baile e cancións onde non faltarán as habituais seccións de informativos, deporte, meteoroloxía e axenda cultural. Todo isto con cuidadas letras e ritmos pegadizos, incentivando a participación do público cun estilo fresco e cos elementos do medio radiofónico.

Taller de interpretación. Sábado 15 – 16:30h. Punto de Encontro.

As creadoras e creadores das curtametraxes seleccionadas para a Sección Escolas Galegas son os destinatarios desta actividade. O actor, guionista e director Nani Matos impartirá este achegamento á dirección actoral e á interpretación no medio audiovisual, un taller que lles proporcionará ás e os asistentes novas técnicas e procedementos que poderán aplicar nos seus futuros traballos. Nani Matos dirixiu as curtametraxes: Dies dei, Flores para Amalia e a multipremiada Lurna, que xa logrou máis de 30 galardóns.