Remata a 3ª edición da Residencia FICBUEU

Bueu, 31/10/2025 – A pasada semana concluíu a 3ª edición da Residencia FICBUEU que tivo lugar na Illa de Ons. Un espazo de desenvolvemento de proxectos de curtametraxe que este ano contou coa participación de Paula Costa, Sara Ferro, Aura Sala, Andrea Sánchez e Sara Traba, as cinco cineastas seleccionadas.

Durante sete días, as creadoras tiveron a oportunidade de avanzar na escritura dos seus guións nun ambiente de colaboración e aprendizaxe. A Residencia FICBUEU está orientada a reforzar a calidade e viabilidade dos proxectos e a ofrecer ferramentas interdisciplinares que complementen e potencien o proceso creativo e produtivo.

A guionista e cineasta Celia Rico Clavellino acompañou ás participantes ao longo de toda a residencia.  A súa implicación foi fundamental para crear un clima de confianza, que permitiu a cada participante afondar nas súas historias e personaxes. Titora e residentes raballaron en titorías individuais e en mesas de guión de carácter colectivo que enriqueceron os proxectos e aportaron puntos de vista diversos e interesantes.

Ademais, gozaron de formacións específicas nas que abordaron diferentes ámbitos na creación audiovisual como a música no cine con Eva Gancedo, a dirección de casting con Noemí Chantada e a coordinación de intimidade con Lucía Delgado. Estas tres profesionais compartiron a súa experiencia e visión, enriquecendo o diálogo e a reflexión arredor do proceso cinematográfico mediante unha masterclass grupal e tempo dedicado a traballar individualmente cada proxecto. 

Durante sete días, a Illa de Ons converteuse nun escenario privilexiado de inspiración, encontro e aprendizaxe, proporcionando o espazo de reflexión que todo proceso creativo necesita.

Desde a Asociación FICBUEU expresamos a nosa gratitude polo talento, a xenerosidade e o entusiasmo que se respirou durante toda a semana, e agardamos seguir acompañando en vindeiras edicións a novas creadoras e creadores nos seus percorridos cinematográficos.

A actividade conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e co financiamento do Ministerio de Cultura

Comparte o teu aprecio
Ir o contido
FICBUEU
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.